• A saída realizarase o sábado 28 de decembro

  • Inclúe unha visita á Casa do Patrón e cocido en Lalín e un paseo polas rúas allaricenses decoradas polo Nadal

  • As prazas son limitadas, con inscricións abertas ata o 23 de decembro

 

20241202 Excursion Lalin AllarizO Concello da Baña organiza unha excursión a Lalín e Allariz o sábado 28 de decembro, unha oportunidade para desfrutar dunha xornada que combina cultura, gastronomía e a maxia do Nadal. A actividade, promovida pola Concellería de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, está aberta a toda a veciñanza, con prazas limitadas e inscricións ata o 23 de decembro.

A saída será ás 8.15 horas da Baña, con chegada a Lalín ás 10.00 horas para unha visita á vila ata as 11.15 horas. Posteriormente, ás 11.30 horas, o grupo desprazarase á Casa do Patrón, un museo etnográfico único con 15 salas repartidas pola aldea onde se expoñen máis de 4.500 pezas recollidas por toda Galicia. A visita guiada terá unha duración aproximada dunha hora e media.

Despois da visita cultural, as persoas asistentes degustarán o emblemático cocido de Lalín, incluído no prezo da excursión. Pola tarde, a actividade continuará en Allariz, cun paseo polas súas rúas engalanadas con luces e adornos de Nadal elaborados de maneira artesanal, que destacan pola súa beleza e orixinalidade.

O prezo da excursión é de 40 euros para as persoas empadroadas no Concello da Baña e de 50 euros para as non empadroadas. Os menores de 16 anos terán un prezo reducido de 15 euros. As prazas son limitadas e as inscricións deberán realizarse no Concello da Baña antes do 23 de decembro, chamando ao teléfono 981 886 501.