A Corporación da Baña, en sesión ordinaria celebrada o 6 de outubro de 2021, aprobou a seguinte declaración institucional

Os Concelleiros da Corporación da Baña, Manifestamos:

1°) Que existe entre a cidadania dos nosos concellos unha fonda preocupación polo elevado

número de proxectos de parques eólicos previstos nos nosos territorios.

2°) Esta preocupación ten unha vertente relacionada co impacto medioambiental dos parques proxectados,varios deles nas proximidades de nucleos habitados e que ademais se veñen a sumar Aos xa existentes. Neste sentido é de especial preocupación a escasa distancia minima aos Núcleos de poboación que establece a lexislación (500 metros), asi como a fragmentación en tódolos proxectos de parques que, en realidade,amosan unha continuidade e que comparten Infraestruturas polo que deberian ser considerados un único parque,ou como pouco de tramitación estatal

3°) Por outra banda. Dende a perspectiva económica, a lexislación actual non posibilita que a poboación rural se beneficie dunha maneira xusta da presenza desta industria nos seus territorios. Ao contrario do que acontece noutros paises non existen mecanismos que compensen a asimetria existente no poder de negociación entre promotores eólicos e veciñanza, sobrevoando nas negociacións a ameaza de expropiación pola declaración de interese público por parte da propia Administración. É particularmente preocupante que só os propietarios dos terreos directamente afectados reciban algún tipo de compensación, en calquera caso insuficiente, mentres que o resto de veciños que soportan os custes ambientais non teñen ningún beneficio económico directo.Nese sentido, a compensación que recibimos os concellos polo Fondo de Compensación Ambiental, derivado do canon eólico, é totalmente insuficiente.

4°) A percepción maioritaria é que as poboacións rurais estamos a soportar en exclusiva os custos ambientais da produción de enerxia eólica, mentres que os beneficios que permanecen no territorio son minimos.

5°)A carencia dunha avaliación ambiental estratéxica, a non ampliación de rede Natura 2000,a non utilización de ferramentas ,como o catálogo de humedales,e a escasa catalogación do patrimonio natural,fai que turbeiras,brañas,brezales húmedos,bosques atlánticos…en resume hábitats que directivas europeas como a 92/43 da CEE ou a directiva marco da auga,consideran prioritarios,fai que estén en grave risco e se tramiten moreas de proxectos no noso territorio sobre eles.

Neste sentido solicitamos que:

  • Se proceda a MODIFICAR o actual marco normativo referido ao sector eólico en Galicia, para que atenda aos intereses da poboación do rural. A enerxia eólica debe ser e pode ser fomentada sen atentar contra os intereses ambientais e socioeconómicos da contorna onde se produce, só desa maneira pode pasar de ser unha ameaza a ser unha oportunidade para o noso rural.

 

  • En consecuencia, se proceda a PARALIZAR os actuais proxectos ata que dende as instancias pertinentes. En particular no Parlamento de Galicia, non se aprobe un marco normativo máis xusto e sustentable para os territorios rurais,conte cunha ampliación de rede Natura, unha avaliación ambiental estratéxica e sexa publicado no DOG cousa que non ocurre co plan actual.

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade unha declaración institucional a prol dun desenvolvemento sustentable e xusto da enerxía eólica nos territorio rurais. A proposta do alcalde, a sesión ordinaria correspondente ao mes de setembro comezou con todos os concelleiros e concelleiras gardando un minuto de silencio polo pasamento do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, que faleceu pola mañá dun infarto cando estaba no seu despacho de San Caetano. A declaración institucional pódese ler íntegra neste enlace (preme aquí).

Tamén por unanimidade aprobouse a moción presentada polo PP solicitando ao Goberno central que retire ao lobo do catálogo de especies protexidas e que habilite axudas aos gandeiros polos danos que causen os lobos.

A pregunta formulada polo PP sobre as xestión realizadas tras o peche da oficina de Abanca, o alcalde informou que na reunión mantida con representantes da entidade financeira estes ratificaron que a decisión firme, e que o Concello están mantendo reunións con outros bancos. As máis avanzadas son co Banco Santander, para que amplíe os días de atención presencial da oficina que ten na Baña. Actualmente esta oficina só abre os martes de 09.00 a 11.00 horas.

Dende Compromiso por Galicia solicitaron coñecer o número de persoas matriculadas en cada unha das escolas deportivas que ten en marcha o Concello.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace.

O Concello da Baña ten neste momentos abertos seis procesos de licitación para adxudicar diferentes obras e servizos por un montante global que supera os 340.000 euros. A esta cantidade hai que engadir a licitación das actividades extraescolares de lecer e tempo libre, que foi adxudicada o pasado día 16 a empresa SV Xestión de actividades por 22.520 euros. A estas cantidades habería que engadir o corresponde IVA, que supera en conxunto os 76.914 euros.

Nestes intres, a mesa de contratación do Concello da Baña está avaliando os diferentes procesos. Un deles a a adxudicación da Escola Municipal de Música, por un máximo de 17.500 euros e cuxo prazo de presentación de ofertas rematou o pasado día 21.

Polo que respecta as obras, a que representa unha maior inversión e a pavimentación de vía pública na AC 444-Marcelle-Barro, que ten un presuposto máximo de licitación de 148.948,64 euros. O proceso de presentación de ofertas rematou o pasado día 15.

Por 88.077,29 euros sacouse a licitación a pavimentación da vía pública que vai de Menlle de Arriba a Paradas, que rematou o posibilidade de presentar propostas o pasado xoves, día 23.

Os días 10 e 13 deste mes de setembro remataron os prazos de presentación de plicas para a pavimentación da estrada que vai de Gosende ata a estrada A Carballeira (30.397,36 de orzamento máximo) e tamén para a pavimentación da estrada de Faílde a Suevos, esta cun presuposto máximo de 29.954,03 euros.

Espina y Delfín informa que para reparar a avaría que se producíu na tubería da traída de auga na rúa Tedelle, de San Vicenzo, é preciso cortar a subministración aos seguintes abonados: 

Polideportivo, CPI San Vicente, colexio de primaria vello, nave do concello, vivendas cos números 4, 6, 11, 12, 14, 16, 20 e a  M.I.G., J.S. e a R.D.R..

Calcúlase que a reparación se prolongará entre as 15:30 e as 19:00 horas aproximadamente, podendo quedar reparada a mesma antes do tempo indicado.

Prégase á veciñanza que desculpen as molestias que se poidan ocasionar. 

  • Os festivos locais en 2022 na Baña serán o 18 de abril, luns de Pascua, e o 9 de setembro, Día das Dores

  • Aprobadas as bases das axudas para minimizar o impacto da covid-19 entre autónomos e pequenas empresas cos votos de PSdeG e PP e a abstención de CxG

  • Unanimidade para aprobar o plan de sectorización do polígono industrial

  

 

A Corporación da Baña celebrou onte o pleno ordinario correspondente ao mes de agosto, no que se aprobaron como festivos locais para 2022 o luns de Pascua (18 de abril) e o 9 de setembro, que coincide coa celebración do Día das Dores en San Vicenzo. (Vídeo íntegro da sesión neste enlace).

Cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG) e do PP, e a abstención de CxG, aprobáronse inicialmente as bases reguladoras das axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da covid-19 entre os autónomos, comerciantes e pequenas empresas. Estas axudas serán financiadas con 30.000 euros de fondos propios do Concello. 

Estas axudas divídense en dúas liñas, a primeira está destinada a complementar o PEL-Reactiva entre aquelas empresas que cumprindo cos requisitos establecidos pola Deputación da Coruña non recibiron estas axudas por falta de fondos. A segunda liña está destinada a impulsar a actividade económica e complementar as axudas xa outorgadas con anterioridades polo Concello da Baña no ano 2020. Estas bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia e someteranse a exposición pública durante un mes, antes da súa aprobación definitiva.

O alcalde, José Antonio Pereira, recordou que as bases, redactadas polos técnicos municipais, contaron con aportacións dos tres grupos municipais. O PP considero “benvidas estas bases, despois de ano e medio de telas solicitadas”. Pola súa parte, CxG, indicou que as axudas son “moi necesarias” pero considerounas unha “medida insuficiente, pola cantidade, e tardía”, motivo polo que se abstiveron na votación.

O plan de sectorización para poder desenvolver o polígono industrial da Baña foi aprobado por unanimidade. Contemplado xa no PXOM de 2016, coa aprobación de onte introdúcense as correccións solicitadas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo en maio deste ano. O alcalde e os portavoces de PP e CxG agardan que o ansiado polígono poida ser realidade o antes posible despois desta aprobación.

A moción de urxencia presentada por Compromiso por Galicia solicitando a creación dunha escola municipal de atletismo e a creación dun módulo técnico exterior de atletismo, foi aprobada cos votos a favor de PP e CxG e o voto en contra do PSdeG. O anteproxecto presentado pola Federación Galega de Atletismo estima en 132.000 euros (109.000 euros máis o IVE) o orzamento necesario para a creación do módulo técnico exterior que David Gontán (CxG) propuxo executar por fases na Baña.

Os tres grupos están a favor da iniciativa, incluída a creación dunha escola municipal de atletismo e unhas instalacións axeitadas para a práctica deste deporte. O alcalde, José Antonio Pereira, explicou que o goberno local “non pode aprobar unha proposta que implica un compromiso de gasto cando non hai partida orzamentaria” contemplada nos presupostos para levala a cabo. Neste senso recordou que os presupostos da Baña están prorrogados dende 2017. Propuxo modificar o texto do acordo incluíndo que “se faga un estudio de viabilidade” e se é factible executar o proxecto

César Ramos (CxG) e Andrés García Cardeso (PP) consideraron necesario aprobar a moción tal como está e executar o acordo este ano, sen máis demora.

Preguntado pola cuestión, dende a Secretaría do Concello da Baña informouse no pleno que “se podería tomar ese acordo”, pero aclarou que “os acordos sen consignación orzamentaria son inválidos”.

Mónica González aclarou que dende a Concellaría de Deportes estase a estudar a proposta da Federación Galega de Atletismo, “que enviou a moitos concellos” e vendo a posibilidade de contar con algunha parcela que cumpra as condicións preto do polideportivo de Lañas. Dende a oposición propuxeron que o módulo técnico se constrúa preto do CPI de San Vicente, respodendo o alcalde que, “nestes intres, non sabemos se as parcelas municipais nesa zona se poden dedicar a ese uso”.

Na votación, a moción foi aprobada co apoio de CxG e PP (7 votos). O PSdeG (4) votou en contra.

No capítulo de rogos e preguntas, entre outros asuntos, Andrés García Cardeso (PP) preguntou pola licitación das actividades extraescolares e pediu que se modificaran as bases e solicitou que se remita ao Goberno central o acordo plenario rexeitando a subida do prezo da luz.

Dende CxG, César Ramos, preguntou que ten previsto facer o goberno do servizo de madrugadores e coas actividades extraescolares, e tamén polo programa de voluntariado sénior.

O vídeo íntegro da sesión pódese ver neste enlace (preme aquí)