O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlles distincións ao xadrecista Sergio Calvo, ao karateca Nicolás Carnota, á lanzadora Aitana Capeáns, á marchadora Alba Pérez e o fondista José Suárez 

20240601 Premio a Mellores deportistas da Banha 10

 

O Concello da Bañan rendeulle este 1 de xuño unha homenaxe  ao xadrecista Sergio Calvo, ao karateca Nicolás Carnota, á lanzadora Aitana Capeáns, á marchadora Alba Pérez e ao corredor José Suárez, todos eles deportistas bañenses que participan en competicións nacionais e que destacan por unha brillante traxectoria nas súas disciplinas.

A homenaxe coincidiu coa clausura das escolas deportivas municipais celebrada no polideportivo de San Vicenzo.

Sergio Calvo Míguez, xadrecista natural de Valiñas (Lañas), é o máis novo de todos con 11 anos. O ano pasado proclamouse campión provincial e campión galego sub 12, ademais de gañar o circuíto intercomarcal da Deputación da Coruña na categoría sub 14. Neste 2024 conquistou xa o campionato provincial sub 14 e repetirá no Campionato de España, que se desenvolverá en xullo en Salobreña (Granada).  

Nicolás Carnota Fernández, karateca de Ordoeste, foi campión galego de kumite en todas as categorías polas que pasou dende que empezou a practicar este deporte como alevín. Tamén dende aquela compite nos campionatos de España, nos que saldou a súa última participación o pasado mes de febreiro conseguindo unha medalla de bronce en cadete  de máis de 70kg. Ademais, forma parte da selección galega de karate e do grupo de seguemento de kumite da Federación Galega, que aglutina os 16 karatecas galegos con máis proxección.

Aitana Capeáns Rey, ao igual que Nico, ten 15 anos. Veciña do Castro e formada no club de Atletismo Negreira, o pasado verán deu o salto ao Centro de Tecnificación de Pontevedra e fichou polo club Rías Baixas, deixando patente a súa magnífica proxección coa conquista dos campionatos galego e nacional indoor de lanzamento de peso. Lidera así mesmo os rankings autonómico e español tanto de lanzamento de peso como de disco, disciplina esta última na que empezou a competir hai só un mes.

Alba Pérez Nieto, natural de Corneira, compaxina os seus estudos de Dereito coa marcha. É a actual campioa galega sub 23 en 10 quilómetros en ruta, sendo tamén subcampioa absoluta. Nesta temporada meteuse entre as dez mellores atletas españolas nos 5.000 metros pista e na distancia de 20 quilómetros fixo un quinto posto no Campionato de España. Tras fichar pola Gimnástica de Pontevedra, compite en Primeira División de Liga Nacional de clubs.

José Suárez Leis tamén é de Corneira e é o máis veterán dos deportistas homenaxeados. Habitual das carreiras populares, perdeu a conta de todas as que leva gañado. Na categoría máster 60, e nas filas da SD Compostela, suma só na presente temporada o récord galego en 10.000 metros, o campionato de España de 10 quilómetros ruta e un bronce no campionato de España de 5.000. 

20240601 Premio a Mellores deportistas da Banha 1