O alcalde explicou que a normativa municipal contra a contaminación acústica inclúe unha aportación presentada pola veciñanza

O Concello bonificaralle a licenza de obras ao CPI San Vicente para as obras de mellora que prevé acometer o centro con fondos propios

 

 

A Corporación da Baña aprobou onte por unanimidade a ordenanza municipal de ruídos que vai dotar ao Concello dunha ferramenta máis para tentar frear a implantación dos parques eólicos previstos no municipio. No pleno ordinario celebrado onte tamén se acordou por unanimidade bonificar a licencia ao CPI San Vicente para as obras de mellora que quere acometer este verán e a designación de representantes municipais na entidade que xestionaba o antigo matadoiro da Pereira para disolver a Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre. Tamén saíron adiante a moción presentada polo PSdeG e as tres do BNG. (Vídeo íntegro do pleno neste enlace)

A ordenanza sobre protección contra a contaminación acústica aprobada onte en pleno, e que se vai someter novamente a exposición pública, é unha ferramenta que lle permitirá ao Concello poder loitar contra a implantación dos parques eólicos. “Actualmente non existe zonas de ruído na Baña, nin empresas que xeren ruído, pero diante da proliferación de parques eólicos que queren poñer na Baña necesitamos esta ferramenta xurídica para poder defender á veciñanza”, explicou o alcalde no pleno. 

José Antonio Pereira tamén informou que o documento aprobado onte inclúe unha aportación presentada pola veciñanza, que xa quedou incorporada á ordenanza. O documento vai estar de novo a exposición pública antes da súa entrada en vigor.

Na sesión celebrada onte tamén se acordou que un representante de cada grupo político (José Antonio Pereira, Mónica González e Andrés García Cardeso) representen ao Concello da Baña na Mancomunidade Xallas-Tines-Tambre, que xestiona o antigo matadoiro da Pereira, que leva preto de vinte anos inoperativo tres sufrir un incendio en 2007. A intención dos sete concellos que conforman esta entidade e disolver a mancomunidade.

Por unanimidade acordouse bonificar o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (a licenza de obras) ao CPI San Vicente, que este verán quere pintar con fondos propios algunhas das dependencias do centro.

A moción do PSdeG solicitándolle á Xunta de Galicia unha maior financiación do servizo de axuda no fogar (SAF) que “está afogando economicamente aos concellos pequenos” foi aprobada cos votos a favor de PSdeG e BNG e o voto en contra do PP. Dende o equipo de goberno rexeitaron incluír o punto solicitado polos populares para instar tamén ao goberno central a cumprir coas aportacións establecidas na Lei de Dependencia.

A moción do BNG contra a construción da megafactoría de Altri en Palas de Rei foi aprobada cos votos a favor do equipo de goberno (PSdeG e BNG) e a abstención do PP. 

Por unanimidade aprobouse a moción presentada por Mónica González en nome da asociación Acougo solicitando para as familias acolledoras o recoñecemento de familias de especial protección e que os menores en situación de acollemento familiar teñan a condición real e efectiva de fillos ou fillas.

Todos os grupos votaron a favor de solicitarlle ao goberno central a urxente tramitación da Lei ELA, para axudar as persoas con esclerosis lateral amiotrófica e as súas familias.

No apartado de rogos e preguntas, entre outros asuntos, o PP interesouse pola iniciativa do goberno local para promocionar a feira da Baña, que se celebra o primeiro luns de mes. Tamén preguntou polas condicións para participar no xantar popular previsto para o 15 de xuño. A concelleira Mónica González aclarou que poderán xantar gratis as persoas empadroadas na Baña de maiores de 65 anos (ou que os fagan este ano), e as que acrediten ser pensionistas, ter diversidade funcional ou familias con escasos recursos. O resto de asistentes deberán pagar 30 euros.

20240529 Banha pleno ordinario maio ordenanza Ruido