O Concello quere implicar a toda a veciñanza na creación dun libro e contido audiovisual para promocionar o municipio ||
O alcalde e a tenente de alcalde reuníronse na Coruña co vicepresidente Xosé Regueira e coa deputada Natividad González ||
O Concello da Baña solicitou a colaboración da Deputación da Coruña para pór en marcha un proxecto de dinamización cultural e comunitaria, no que quere implicar a toda a veciñanza e tecido asociativo para publicar un libro e material audiovisual que sirva para promocionar o municipio. Nunha reunión promovida pola concelleira Mónica González, o alcalde, José Antonio Pereira, explicoulle ao vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, os pormenores da iniciativa.
Na xuntanza, celebrada este mércores 22 de maio na sede da Deputación, tamén estiveron presentes a deputada provincial Natividad González e a axente de emprego e desenvolvemento local da Baña, Eugenia Moral.
“O proxecto xirará arredor da publicación dun libro sobre A Baña feito por bañenses e material audiovisual nos que resaltaremos as principais potencialidades e características do noso municipio”, sinala Mónica González. O Concello seguirá buscando a implicación doutros organismos para facer realidade esta iniciativa.