• Mónica González: “Estamos desamparados. A Consellería de Política Social non aporta solucións, cando atender ás crianzas é competencia da Xunta”

  • A tenente de alcalde lembra que o Concello destina 150.000 euros anuais ao Punto de Atención á Infancia e que só recibe uns 25.000 € da Xunta

  • O goberno local manterá unha reunión coas familias, consciente de que nos concellos limítrofes tampouco hai prazas para as crianzas

20221108 Baña nova pintura exterior edificio PAI 1As 20 prazas que ten o Punto de Atención á Infancia da Baña (PAI) quedan escasas un ano máis para atender as necesidades das familias do municipio. Para o vindeiro curso, seis menores non teñen sitio neste centro que atende a crianzas menores de 3 anos. “Estamos desamparados”, asegura a tenente de alcalde Mónica González. “A Xunta non nos concede máis prazas e non vemos alternativa para estas familias. Esta é unha competencia da Xunta, e na Consellería de Política Social nin contestan ás nosas peticións”, engade a concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía.

O actual PAI non ten capacidade para máis prazas que as 20 existentes. Sería necesario ampliar o edificio ou habilitar outro local para unha casa niño, “pero a Xunta non está autorizando casas niño nos municipios que xa teñen PAI. O peor disto é que quen ten a competencia nesta materia, que é a Consellería de Política Social, nin aporta solucións nin contesta ás nosas peticións”, asegura Mónica González, consciente de que para asentar poboación no rural son precisos servizos esenciais como o do PAI para que as familias poidan conciliar. “Onde está a política que favorece o rural?”, pregúntase a concelleira.

González Blanco lembra que o Concello da Baña está a afrontar uns gastos de “150.000 euros anuais para o mantemento do PAI, dos que a Xunta tan só aporta 25.000 euros, cando a competencia para ofrecer este servizo é do Goberno autonómico, non do Concello”, afirma.

O problema xa se viviu este curso no PAI da Baña e para o que comeza no mes de setembro a situación segue igual. Das 20 prazas que ten o PAI, 10 están ocupadas por nenos e nenas que renovan matrícula, 1 queda en reserva para posibles emerxencias sociais “e para as 9 restantes tivemos 15 peticións só de familias da Baña, ademais doutras 5 procedentes doutros municipios”.

A tenente de alcalde é consciente da problemática. “Na Baña non temos sitio, e nos concellos limítrofes tampouco hai prazas libres. Que facemos con estas familias? Nós analizamos posibles alternativas con persoal técnico especializado na materia e non vemos unha saída clara. A Xunta é a que debe solucionar este grave problema e habilitar fórmulas que nos permitan atender, polo menos, as necesidades do noso concello”, asegura.

Nos vindeiros días, Mónica González vai convocar as familias para tentar buscar unha solución que, a día de hoxe, ve complicada, porque dende a Xunta de Galicia “non nos dan resposta ningunha”.