- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1029
O Concello da Baña mantén a disposición das persoas dependentes e máis vulnerables residentes no municipio un servizo de entrega a domicilio de alimentos, medicamentos e produtos de primeira necesidade; así como un servizo de fotocopias e entrega de tarefas escolares no domicilio daquelas familias sen impresora ou acceso a Internet. Dende o Concello tamén se ofrece a posibilidade de entregar máscaras a aquelas persoas que teñen que desprazarse por temas médicos e non dispoñan destas medidas de protección.
O servizo de entrega a domicilio de alimentos e medicinas púxose en marcha o pasado 16 de marzo, cando o alcalde, José Antonio Pereira Gil, asinou un bando no que lles garantía o reparto de produtos de primeira necesidade ás persoas máis vulnerables do municipio mentres dure o estado de alarma polo COVID-19.
Durante as últimas semanas, o Concello vén mantendo tamén un servizo e recollida de tarefas escolares no CPI San Vicente da Baña que logo se imprimen e entregan ás familias que non teñen impresora na casa ou non poden acceder a Internet. Esta posibilidade ofréceselles tamén ás familias da Baña que teñan os seus fillos e fillas escolarizados en centros doutros municipios.
Outra das medidas que desenvolve o Concello da Baña para axudar a veciñanza é o repartimento de máscaras entre aquelas persoas que, por causa de forza maior, teñen que desprazarse e saír das súas casas, como, por exemplo, facer analíticas do sintrom. O Concello dispón dun remanente de máscaras que pode entregarlles ás veciñas e veciños que as soliciten por este motivo.
Para acceder a estes servizos, as persoas interesadas deben chamar ao teléfono do Concello, 981 886 501, en horario de 9.00 a 14.00 h, de luns a venres.
O Concello mantén estes servizos, así como a desinfección constante de lugares públicos, para garantir o benestar da veciñanza con menos recursos nestes momentos difíciles, e fai un chamamento para facer un uso responsable destes. O obxectivo é que poidan beneficiar realmente as persoas que máis o precisan.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1246
O alcalde da Baña fai público o seguinte bando de agradecemento e recomendacións polo COVID-19
José Antonio Pereira Gil, alcalde do Concello da Baña, nestes difíciles momentos que nos toca vivir debido á pandemia xerada polo coronavirus COVID-19, agradece o esforzo, dedicación e traballo que están a facer
- O persoal do Servizo de Axuda no Fogar que, con plena dedicación, segue atendendo as necesidades básicas das persoas máis vulnerables do noso municipio.
- O persoal sanitario que está a traballar no Concello da Baña e, por extensión, en toda Galicia, que coa súa implicación contribúe a salvar as vidas de moitas persoas infectadas polo COVID-19.
- O persoal e traballadores do Concello da Baña que, día a día, están a disposición da veciñanza para axudarlle a resolver os seus problemas, a desinfectar espazos públicos, a levarlle á casa comida e medicinas a aquelas persoas que non se poden desprazar...
- Todas as veciñas e veciños da Baña que seguen nas súas casas, cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a propagación do coronavirus.
Levamos xa un mes de confinamento nas nosas casas, dende que o pasado 14 de marzo se decretou o estado de alarma. Son momentos complicados e difíciles nos que, como sociedade, estamos a demostrar a nosa valentía para loitar contra unha pandemia descoñecida ata a actualidade en todo o mundo, e que está cobrando milleiros de vidas humanas.
Estas semanas de confinamento serviron para corroborar que, quedando na casa, se reduce a propagación do coronavirus. Coa axuda de todos e todas poderemos superar esta situación.
Por diante quédannos, polo menos, outros 15 días de confinamento. Anímovos a respectar as recomendacións das autoridades sanitarias e a valorar a vantaxe de vivir nunha contorna rural.
- Queda na casa e extrema as medidas de hixiene, lavando as mans con frecuencia, e respecta a distancia con outras persoas.
- Se dende hoxe tes que incorporarte ao teu posto de traballo, cumpre coas medidas de prevención.
- Dende o Concello da Baña estamos dispostos a axudar a cubrir as necesidades básicas de todas as persoas máis vulnerables. Se o necesitas chámanos ao 981 886 501.
Todos xuntos sairemos mellor desta crise. Moito ánimo!
A Baña, 13 de abril de 2020
O alcalde
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 979
Para acollerse á moratoria do pago da hipoteca, aprobada polo Goberno no Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo de 2020, a cidadanía interesada en beneficiarse desta medida debe presentar un certificado de empadroamento. Dado que os concellos suspenderon a atención presencial ao público tras a declaración do estado de alarma, e tendo en conta que algúns cidadáns e cidadás non dispoñen de sistemas de identificación e firma electrónica para acceder á sede electrónica dos concellos, a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) propón un sistema alternativo para solicitar os certificados de empadroamento, que garanta a seguridade de que quen o solicita é o propio interesado/a.
Neste sentido, a FEMP propón pedirlle á persoa interesada que lle envíe por correo electrónico ao Concello a seguinte documentación:
- A copia cifrada dun documento acreditativo da súa identidade (DNI, pasaporte...), para o que abondaría con comprimila cun contrasinal robusto que logo se enviaría nun correo á parte.
- Se o certificado que se solicita é colectivo, deberanse enviar polo mesmo sistema copias dos documentos de todas as persoas empadroadas no domicilio. No caso dos menores de idade, achegarase unha copia do certificado de nacemento ou do libro de familia.
- Un escrito asinado pola persoa solicitante no que indique os seus datos (nome e apelidos, enderezo, nome e apelidos das outras persoas empadroadas, correo electrónico, motivo da solicitude, teléfono de contacto...)
- No caso de certificados colectivos, un escrito asinado por todas as persoas maiores de idade empadroadas no domicilio no que autorizan a persoa solicitante do certificado.
Unha vez confirmada a identidade, o Concello remitirá tamén por correo electrónico o certificado de empadroamento. De igual xeito, farao cun documento cifrado cun contrasinal que se enviará nun correo á parte.
Pode consultar a nova sobre Certificados de empadronamiento para Moratoria Hipotecas na páxina web da FEMP. Nela inclúese un acceso ao documento "Nota sobre a tramitación de certificados de empadroamento para solicitar a moratoria no pago de cotas hipotecarias de colectivos vulnerables como consecuencia do Real decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social da COVID-19".
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 968
Seguindo as instrucións da Consellería de Sanidade, o Concello da Baña recoméndalle á veciñanza que non utilice as fontes con billa situadas no termo municipal, como medida de prevención contra a expansión do coronavirus. Ante a imposibilidade de asegurar a desinfección total destes elementos, o consistorio está a sinalizar todas as fontes con billa ou pulsador, desaconsellando o seu uso.
A sinalización responde a unha instrución do Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade, enviada a todos os concellos da provincia da Coruña. A medida tómase para apoiar o esforzo colectivo para atallar a emerxencia de saúde pública provocada pola pandemia de COVID-19. En elementos urbanos como as fontes con billa resulta moi difícil atender unha desinfección sistemática e regular, polo que o seu uso está desaconsellado.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 932
O alcalde da Baña acaba de asinar un decreto polo que se suspende o cobro dos recibos daquelas actividades promovidas polo Concello e que están paralizadas dende mediados de marzo debido ao decreto de estado de alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19. Aínda que non lle pasará o recibo á veciñanza, o Concello da Baña si lles pagará o mes de marzo íntegro a aquelas empresas que impartían estas actividades, sempre que non presenten ERTE, como medida para axudar as pequenas empresas e autónomos.
O Concello da Baña, igual que ocorre en todo o país, decretou a suspensión das actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas promovidas polo Concello, que non se realizan dende o pasado 16 de marzo, seguindo as indicacións e estipulacións incluídas no Real decreto que declara o estado de alarma en España e da resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta.
Agora, o decreto da Alcaldía exime de pagar os recibos correspondentes, dende o 16 ata o 31 de marzo e mentres dure o estado de alarma, a todas as persoas e familias que estaban acudindo ao Punto de Atención á Infancia (PAI), ao servizo A Baña madruga (madrugadores do colexio público), curso de robótica, actividades para maiores, Escola Municipal de Música e actividades deportivas (patinaxe, baloncesto, xadrez e tiro con arco).
Aínda que as persoas usuarias non pagarán os recibos da segunda quincena de marzo, e mentres dure o estado de alarma, o Concello da Baña decidiu pagarlles íntegro o mes de marzo ás empresas e autónomos que imparten estas actividades, como medida para contribuír ao mantemento de pequenas empresas e autónomos.
Unha vez que se levante o estado de alarma, se poida recuperar a normalidade e se volvan a impartir as actividades suspendidas, o Concello volverá a pasarlles os correspondentes recibos ás persoas usuarias.