- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 970
O alcalde da Baña acaba de asinar un decreto polo que se suspende o cobro dos recibos daquelas actividades promovidas polo Concello e que están paralizadas dende mediados de marzo debido ao decreto de estado de alarma pola pandemia do coronavirus Covid-19. Aínda que non lle pasará o recibo á veciñanza, o Concello da Baña si lles pagará o mes de marzo íntegro a aquelas empresas que impartían estas actividades, sempre que non presenten ERTE, como medida para axudar as pequenas empresas e autónomos.
O Concello da Baña, igual que ocorre en todo o país, decretou a suspensión das actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas promovidas polo Concello, que non se realizan dende o pasado 16 de marzo, seguindo as indicacións e estipulacións incluídas no Real decreto que declara o estado de alarma en España e da resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta.
Agora, o decreto da Alcaldía exime de pagar os recibos correspondentes, dende o 16 ata o 31 de marzo e mentres dure o estado de alarma, a todas as persoas e familias que estaban acudindo ao Punto de Atención á Infancia (PAI), ao servizo A Baña madruga (madrugadores do colexio público), curso de robótica, actividades para maiores, Escola Municipal de Música e actividades deportivas (patinaxe, baloncesto, xadrez e tiro con arco).
Aínda que as persoas usuarias non pagarán os recibos da segunda quincena de marzo, e mentres dure o estado de alarma, o Concello da Baña decidiu pagarlles íntegro o mes de marzo ás empresas e autónomos que imparten estas actividades, como medida para contribuír ao mantemento de pequenas empresas e autónomos.
Unha vez que se levante o estado de alarma, se poida recuperar a normalidade e se volvan a impartir as actividades suspendidas, o Concello volverá a pasarlles os correspondentes recibos ás persoas usuarias.
Preguntas e respostas sobre medidas que lle afectan ao sector agrario durante a emerxencia sanitaria
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1076
A Consellería de Medio Rural deseñou un protocolo coas instrucións a seguir no ámbito agrogandeiro durante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. A suspensión dos permisos de queima, os prazos para solicitar a PAC, o coidado dos animais e cultivos ou os teléfonos de consulta de Medio Rural son algúns dos temas que se detallan neste documento informativo.
Unha das medidas adoptadas pola Administración en todos os ámbitos, e tamén no rural, é a suspensión dos prazos para tramitar procedementos administrativos. A suspensión supón que non "corren" estes prazos, desde a entrada en vigor do estado de alarma, retomarase o seu cómputo cando finalicen os 15 días de duración deste e a expensas dunha prórroga, se a houbese. No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, esta forma de tramitación segue operativa, se ben os prazos non corren.
Hai que facer unha mención á parte para as axudas europeas da Política Agraria Común (PAC). Así, se ben os prazos marcados pola Administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos polo Real decreto de declaración de alarma, non é así cos prazos europeos. Porén, a Unión Europea vén de ampliar o prazo de solicitudes da PAC para a campaña 2020 ata o 15 de xuño.
Medio Rural informa tamén de que a realización de queimas controladas en terreos rústicos está prohibida ata novo aviso. Tamén quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas e suspéndese a solicitude de novas autorizacións. Xa que logo, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.
No referido aos mercados, está prohibida a apertura de mercados gandeiros, agrarios e tradicionais; a excepción dos establecementos de venda de subministracións agrícolas e de alimentos para animais.
No documento de preguntas e respostas publicado por Medio Rural trátanse cuestións de todo tipo. Á pregunta de se é posible saír pasear se se vive no rural rodeado de monte, a resposta é que só se pode saír da casa a pasear un animal de compañía dando só paseos curtos. Figuran tamén as respostas a consultas sobre compartir vehículo para desprazarse ao lugar de traballo, ir alimentar os animais que hai na segunda vivenda, os requisitos no coidado dos terreos de autoconsumo, etc.
A Consellería tamén informa dos protocolos de actuación para as granxas e para o sector agroindustrial e dispón de servizos mínimos para loitar contra os incendios, atender as necesidades de gandeiros e agricultores e coidar dos animais e cultivos dos seus centros de investigación.
Neste enlace pode consultar as preguntas e respostas referidas ás instrucións, protocolos e medios de contacto da Consellería do Medio Rural durante a emerxencia sanitaria.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 920
Telefónica comunicoulle ao Concello da Baña unha avaría na rede, tanto de teléfono coma de Internet, que afecta a diversas zonas do municipio. A casa consistorial e máis o centro de saúde están tendo problemas para recibir chamadas e conectarse á Rede.
O Concello pon a disposición da veciñanza os números de móbil 682 859 367 e 649 908 293 para que quen o precise se poida comunicar coas oficinas municipais mentres dure a incidencia. Desde a compañía telefónica informan de que están a traballar para resolver a avaría o antes posible, aínda que todo fai indicar que podería durar máis do desexado.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1126
O Concello da Baña procedeu nas últimas horas a realizar traballos de desinfección nalgúns dos lugares máis concorridos do municipio, como fórmula para previr a expansión do coronavirus Covid-19. A cuadrilla municipal de obras actuou en lugares como as farmacias ou o centro médico, sitios aos que a poboación pode acudir nestes días malia o confinamento decretado polo Goberno.
O consistorio agradece especialmente o esforzo dos operarios da cuadrilla, que están a realizar un labor fundamental na loita que todos e todas mantemos para derrotar a pandemia.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1335
Atendendo as últimas medidas e recomendacións achegadas pola Xunta de Galicia sobre o Covid-19, o Concello da Baña pechará a partir de mañá, venres 13 de marzo, o centro social e da terceira idade, a axencia de lectura, a aula de informática e as escolas de música. Así mesmo, acordou suspender as escolas deportivas municipais e cancelar os actos culturais previstos para os vindeiros días, como a sesión de contacontos de mañá, venres.
No ámbito educativo, atendendo a suspensión da actividade lectiva e extraescolar durante 14 días comunicada hoxe pola Xunta de Galicia, o Concello informa do peche a partir do luns do Punto de Atención á Infancia (PAI). Mañá venres, a asistencia ao PAI será opcional, aínda que non se recomenda.
Esta decisión adóptase seguindo as recomendacións da autoridades sanitarias en relación coa contención do coronavirus Covid-19. Nesta liña, o alcalde asinou esta tarde un bando no que detalla as medidas e recomendacións que se van tomar dende o Concello da Baña para loitar contra a pandemia.
- Por este motivo, o Concello suspende todas as actividades municipais deportivas, culturais e de servizos sociais desde o 13 ata o 29 de marzo.
- A atención ao público nas dependencias municipais verase limitada a casos de emerxencia, polo que os trámites que se teñan que realizar serán preferentemente por vía telemática ou ben telefónica no teléfono 981 886 501.
- Péchanse a aula de lectura, a de informática, os pavillóns, o campo de fútbol, o auditorio da casa de cultura, o centro social e da terceira idade, o Punto de Atención á Infancia, a Escola de Música, as Escalas Deportivas e a casa de cultura.
- Quedan suspendidas todas as autorizacións municipais para eventos, charlas e coloquios así como as actividades culturais, sociais, deportivas e lúdicas impartidas desde o Concello e realizadas nos edificios públicos municipais.
Dende o Concello da Baña recoméndase
- Seguir as instrucións ditadas polo Ministerio de Sanidade e a Consellería de Sanidade e contactar co 061 ou co teléfono de información para a cidadanía 900 400 116, no caso de ter algún síntoma.
- Non celebrar actividades e festas privadas e que as asociacións e entidades do concello eviten aglomeracións .
- Non facer viaxes e desprazamentos que non se consideren indispensables.
- Evitar as zonas de máxima concentración do virus.
- Non visitar centros de maiores, hospitais, centros médicos a excepción de casos de extrema necesidade.
- Lavar con frecuencia as mans e a cara con auga e xabón.
O alcalde recorda no bando que o Concello non quere crear demasiada alarma pero esta decisión extraordinaria é necesaria para garantir a saúde e a seguridade de todas as persoas e, ademais, pide que toda a cidadanía colabore na loita contra o virus.
Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.