-
Os afectados reafirmaron ante o conselleiro de Industria, Francisco Conde, o rexeitamento á declaración de utilidade pública do parque de Troitomil
-
O vicepresidente primeiro do Goberno galego comprométese a estudar as alegacións e a revisar o proxecto
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, o seu homólogo de Val do Dubra, Juan Manuel Varela Ferreiro, así como representantes das asociacións veciñais O Outeiro, de San Mamede de Monte; A Fonte Seca e Ventolibre, de San Román mantiveron este mércores unha xuntanza co vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, ao obxecto de trasladarlle a necesidade de paralizar a tramitación do parque eólico de Troitomil e dos demais parques que se queren implantar na comarca, ata que se “adapte a lei á situación actual”.
Na reunión tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Industria, Paula Uría Traba; o director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Pablo Fernández Vila, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
Os afectados reafirmaron ante o vicepresidente primeiro da Xunta o rexeitamento unánime da veciñanza e das forzas políticas da Baña contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil, publicada o pasado 16 de xuño, así como contra todos os procesos que están en marcha e que afectan ao municipio da Baña.
O conselleiro de Industria escoitou as demandas presentadas e todas as sensibilidades. Segundo trasladou o alcalde da Baña, Conde comprometeuse a estudar todas as alegacións e a dar resposta a cada unha delas, así como a revisar e estudar con detemento o proxecto. “O conselleiro comprometeuse a mirar con lupa todo o proceso e as alegacións”, recalcou o rexedor da Baña.
“Valoramos positivamente esta xuntanza xa que é un problema serio e de vital importancia porque compromete ó noso concello, á nosa veciñanza e á toda a contorna” subliñou Andrés García Cardeso, que lembra o proceso está na fase inicial e que o prazo para presentar alegacións á declaración de utilidade pública do parque eólico remata o 1 de agosto.
O alcalde da Baña indicou que entre os principais argumentos expostos contra a tramitación da declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomiil e todos os que se están a tramitar ou solicitar no municipio atópanse que o proxecto afecta a unha ampla zona arqueolóxica, á mananciais e que altera substancialmente a modificación do solo nunha ampla zona devastada polos incendios en 2006 e unha alteración significativa sobre o PXOM, xa que supón un cambio total sobre boa parte dos terreos e das construcións xa existentes. Cómpre lembrar que o Concello da Baña está pendente dos informes que solicitou á Consellería de Medio Ambiente e a unha arqueóloga.
Presentación de alegacións
Tal e como se acordou no pleno do 30 de xuño, o Concello da Baña mantén a disposición da veciñanza un equipo técnico para axudarlles a presentar e tramitar as alegacións pertinentes contra a declaración de utilidade pública do parque eólico de Troitomil. Tamén está posta a disposición de toda a veciñanza un modelo tipo de alegación (que pode descargarse da páxina web).
Ademais de no rexistro ou na sede electrónica da Xunta de Galicia, as reclamacións pódense presentar tamén no rexistro do Concello da Baña. O equipo de goberno recomenda á cidadanía que non agarde ao último día, o 1 de agosto, para presentar ditas alegacións e que poden acudir aos técnicos municipais para facer os trámites necesarios para presentalas.