-
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, recibiu ao delegado da Xunta na Coruña //
-
Estes programas contaron cun apoio da Xunta de 376.000 euros financiados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade //
-
Os/as alumnos/as da Baña realizaron actuacións na escola de Corneira, crearon un parque micolóxico na finca Pedra Miñata, melloras nas áreas recreativas de Fiopáns, Chousa e Chans e o mantemento da vía Mariana //

O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, recibiu este mércores, 20 de xullo, ao delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor e o acompañou na súa visita aos alumnos e ás alumnas do obradoiro de Promoción 2021 centrado en Actividades Auxiliares en Conservación e Mellora de Monte e en Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos en Construcións. Este programas contaron cun apoio da Xunta de 376.000 euros, financiados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Na visita tamén participaron a alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose Rodríguez; o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela Ferreiro; a primeira tenente de alcaldesa de Negreira; María del Mar García Vidal; así como membros da Corporación da Baña, entre outros.
O delegado da Xunta na Coruña destacou o compromiso dos concellos da Baña, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, asociados para sacar adiante este taller coa empregabilidade porque levan anos de traxectoria de formación contrastada nesta materia e conseguen importantes niveis de éxito nos diferentes programas de formación que afrontan.
Tenor explicou a gran utilidade deste tipo de formación, que está a piques de rematar, porque mellora as capacidades para que as persoas sen emprego atopen un traballo, xa que inclúe tarefas nos concellos e prácticas nas empresas da contorna. Concretamente, no Concello da Baña os/as alumnos/as realizaron actuacións na escola de Corneira, crearon un parque micolóxico na finca Pedra Miñata, realizaron o mantemento da vía Mariana e levaron a cabo actuacións de mellora nas áreas recreativas de Fiopáns, Chousa e Chans.
O delegado da Xunta apuntou que o Goberno galego “seguirá a apostar por estes programas nunha nova convocatoria para o 2023, xa que estes obradoiros son un dos mellores e máis efectivos instrumentos para axudar ás persoas sen emprego a atopar un traballo na súa contorna e en áreas con alta demanda de profesionais”. Tamén indicou que na comarca de Santiago estanse a desenvolver 10 obradoiros de emprego, para os que a Xunta reserva 3,5 millóns de euros para mellorar a formación de 184 desempregados.
