- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 314
-
O Concello colocou 2.281 novos puntos de luns 123 centros de medida para conseguir un aforro enerxético do 73%
-
O Ministerio para a Transición Ecolóxica aportou 394.546,96 euros con cargo aos fondos Feder, e o Concello puxo o 20% restante
-
As obras foron executadas pola empresa Alumbrados Viarios SA cun orzamento de 493.183,66 euros
O Concello da Baña rematou onte as obras para colocar 2.281 novas lámpadas de led e 123 centros de medida que foron financiados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) cunha achega de 394.546,96 euros. Esta subvención representa o 80% dos 493.183,66 euros en que foron adxudicadas as obras a empresa Alumbrados Viarios S.A.
O Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) do Ministerio para a Transición Ecolóxica concedeulle ao Concello a subvención o 18 de febreiro de 2019, que conta con financiamento europeo ao estar enmarcada no Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, que busca mellorar a eficiencia enerxética e apoiar así a transición cara a unha economía con baixo consumo de carbono e, polo tanto, máis limpa.
O proxecto presentado polo Concello e financiado polo IDAE permitíu a renovación do alumeado público exterior no municipio, actuando en 2.281 dos 2.327 puntos de luz existentes, substituíndo as vellas luminarias de descarga, con vapores metálicos de iluminación (VSAP, VSBP, VM con HM) por luminarias LED máis eficientes, así como a instalación de novos sistemas de control e de regulación do fluxo luminoso mediante programación no driver da propia luminaria nos 123 centros de medida. Con esta actuación estímase que se disminuiría a potencia de 230,82kW a 81,08kW e conseguiríase un aforro enerxético do 73%.
As obras foron adxudicadas á empresa Alumbrados Viarios SA cun orzamento de 493.183,66 euros o 9 de marzo de 2020. A empresa comezou a execución destes traballos o pasado 22 de xaneiro, finalizando onte (16 de agosto) os traballos. A rúa Castelao, no núcleo de San Vicenzo, foi unha das zonas nas que se colocaron as novas lámpadas LED.
Agora que remataron as obras, máis do noventa por cento das luminarias do municipio da Baña serán de tecnoloxía LED, o que suporá un considerable aforro enerxético, e lle permitirá ao Concello cumprir tamén co Pacto polo Clima promovido pola Unión Europea, asinado pola Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 733
- Consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financieira
- Esta é unha das primeiras medidas conxuntas que levarán a cabo nos vindeiros días
O Alcalde de Zas, Manuel Muíño, en representación do alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, vén de realizar a solicitude dunha entrevista co Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, co fin de abordar o peche das oficinas de Abanca situadas en Zas, Baíñas e A Baña e intentar que medie para que a entidade bancaria reconsidere a súa decisión.
“Queremos ter unha reunión con Feijóo para que nos axude e se poña á fronte das reivindicacións”, sinalou o rexedor de Zas durante a rolda de prensa que ofreceron onte os tres alcaldes para anunciar as medidas conxuntas que se levarán a cabo co fin de evitar o peche destas oficinas. “É o presidente de todos os galegos e galegas, polo que debe de atender a petición de defender aos nosos veciños. Ademáis ten unha responsabilidade moral dado que o Estado saneou a banca dándolle máis de 7.000 millóns de euros de todos os cidadáns”, subliñou Muíño. Os tres rexedores consideran que o Goberno galego é o único con capacidade para “falar de ti a ti” coa entidade financieira.
Tal e como souberon polos propios empregados de Abanca e polos veciños, a entidade financeira ten previsto pechar as oficinas de Zas, Baíñas e A Baña o vindeiro 8 de setembro. Este peche afecta directamente a unhas 10.000 persoas tanto destes concellos como doutros limítrofes.
Outras medidas conxuntas
Ademáis desta, os rexedores teñen en marcha outras medidas conxuntas entre as que figuran:
- Solicitar unha reunión co Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela
- Establecer contactos con algún ministro do Goberno de España que teña competencias na materia e con deputados do parlamento galego
- Manter unha reunión con responsables de Abanca
- Estudar a posibilidade de emprender accións legais
- Recollida de firmas nos tres concellos
- Convocar unha manifestación ante a sede de Abanca
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 925
A corporación municipal da Baña reunirase este xoves nun pleno extraordinario para expresar en conxunto o seu rexeitamento ao peche da sucursal da Abanca na localidade, a única oficina dunha entidade financeira que funciona na actualidade no concello. Os portavoces das tres forzas políticas con representación no consistorio (PP, PSOE e CB) e máis o do BNG reuníronse esta mañá para alcanzar unha postura conxunta fronte a un peche que condena á poboación bañense a se desprazar para facer as xestións bancarias e que afectará de forma moi grave ao tecido económico local.
Na reunión estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; os portavoces do PP, Andrés García Cardeso; de Compromiso A Baña, César Ramos, e do BNG, Xosé Manuel Magariños; e a concelleira de Política Social, Emprego, Educación, Cultura e Deportes, Mónica González. Na xuntanza acordouse a celebración do pleno extraordinario do xoves e a redacción dun manifesto co que se quere poñer de relevo o prexuízo que supón para A Baña este peche, que xa é oficial para o mes de setembro pero aínda non foi comunicado de xeito formal ao Concello.
Na actualidade, a única oficina bancaria do municipio é a que agora Abanca decidiu abandonar, situada nun local propiedade do mesmo banco e que, polo tanto, non lle xera á empresa gastos de alugueiro. Quedar sen ningún punto no que facer xestións financeiras obrigará aos veciños a se desprazaren a outros concellos, o que afectará gravemente a sectores coma os do comercio, a hostalería ou os servizos. Ademais, e considerando que A Baña conta cunha poboación envellecida que se manexa con pouca destreza coas aplicacións de banca electrónica, deixará nunha situación moi difícil a unha parte importante da veciñanza.
Desde o Concello quérese destacar que aínda que esta sexa a decisión dunha empresa privada, hai que ter en conta que Abanca recolle o testemuño de entidades públicas como foron as caixas de aforros, polo que debería seguir mantendo dalgún xeito o aspecto de servizo á sociedade co que aquelas entidades operaban. Deixar sen oficina a municipios como A Baña acentúa as dificultades que xa padecen os territorios do rural e traballa xusto na dirección contraria ás necesarias políticas que queren devolver a estas zonas a competitividade e dotar aos seus habitantes de mellores servizos e igualdade de oportunidades.
O Concello está a xestionar a celebración dunha reunión coa dirección da entidade para evitar este peche, previsto para setembro.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 736
-
Lectura do manifesto en contra do peche da oficina de Abanca na localidade
-
A declaración conta co apoio dos tres grupos con representación no consistorio
-
É a primeira dunha serie de accións conxuntas para evitar unha decisión lesiva para a veciñanza e para os sectores económicos bañenses
A corporación municipal da Baña deu lectura esta mañá ao manifesto en contra do peche da oficina de Abanca na localidade. O texto de rexeitamento, apoiado por todas as forzas políticas con presenza no Concello, é a primeira das accións que se levarán a cabo de xeito conxunto para evitar unha decisión que prexudicaría á veciñanza e á economía bañense. Vídeo do pleno neste enlace.
O pleno municipal reuniuse de xeito extraordinario ás 9 da mañá. Na sesión deuse lectura á declaración, na que os grupos da corporación expresan o seu "rexeitamento ao peche da sucursal de Abanca en San Vicenzo da Baña, confirmado pola entidade para o próximo mes de setembro".
O texto destaca que este peche deixa á veciñanza "sen ningún punto de atención para as súas xestións bancarias, ao non haber neste momento ningún outro banco que opere diariamente no territorio municipal". A marcha de Abanca da Baña suporá, afirman os grupos municipais, un duro golpe especialmente para as persoas maiores e con menos destrezas dixitais. Ademais, ao obrigar a desprazarse a quen desexe facer xestións presenciais, sairá tamén prexudicada a economía local, nomeadamente os sectores do comercio, a hostalería e os servizos.
O manifesto recórdalle a Abanca a responsabilidade social que herda das caixas de aforros galegas, das que é sucesora, e do feito de que estas fosen rescatadas con diñeiro público antes de seren privatizadas. O peche, apunta a declaración, "camiña xusto no sentido contrario ás políticas de recuperación do rural e de igualdade de oportunidades para as localidades máis pequenas que a sociedade reclama. Un rural sen servizos coma o bancario é un rural menos atractivo, máis empobrecido e cun futuro de moito peor prognóstico".
Son varias as accións conxuntas que se están levando a cabo na Baña para evitar o peche. Os comercios do municipio dispoñen xa de follas para que a veciñanza asine contra esta decisión, algo que tamén se pode facer na Casa Consistorial en horario de atención ao público (8 a 14h.) Ademais, representantes do Concello solicitaron unha reunión coa dirección da empresa, que previsiblemente se levará a cabo a comezos da semana que vén.
O Concello está en contacto con outros municipios con situacións parecidas, como Zas e Vimianzo, e coa Federación Galega de Municipios e Provincias, para recadar apoios.
O manifesto foi consensuado polos tres grupos municipais con representación na Baña. O alcalde, José Antonio Pereira, afirma que o peche "chega nun momento de certa recuperación do tecido empresarial e da hostalería, polo que vai xusto en contra destas iniciativas. A Baña necesita que Abanca siga funcionando e Abanca necesita tamén dos veciños e veciñas da Baña". Pola súa banda, o portavoz municipal do PP, Andrés García, cualificou o anuncio do peche da sucursal de Abanca de "ataque ao rural e á veciñanza". César Ramos, portavoz de Compromiso por Galicia, rexeitou a decisión de Abanca e avogou “por un traballo conxunto de reivindicación dos nosos dereitos e de respecto polos servizos do rural, deixando de lado diferenzas políticas".
O manifesto foi consensuado polas tres forzas políticas e máis o BNG, sen representación na Corporación. Os grupos políticos actuarán unidos e en conxunción coas iniciativas da cidadanía para conseguir reverter unha decisión que consideran moi lesiva para os intereses do municipio.
O vídeo íntegro do pleno pode verse neste enlace (preme aquí).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 323
O Concello da Baña está a executar o Plan de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022 nos lugares de Nantón, Trece-O Campelo e Vilar da Torre.
A actuación conta cun investimento total de 63.122,01 euros e enmárcase no programa "Feader: Europa inviste no rural" Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2021-2022. O importe da axuda é de 56.466 euros.