-
A veciñanza doou en torno a medio cento de agasallos que o Concello repartiu entre as crianzas de familias con menos recursos do municipio //
-
Unha parte dos xoguetes foron entregados á aula hospitalaria infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago //
-
A edil de cultura, Lorena Trillo, agradece a implicación da veciñanza e a súa solidariedade //

A campaña solidaria de recollida de xoguetes posta en marcha durante este Nadal polo Concello da Baña pechou con grande éxito de participación. A veciñanza fixo gala unha vez máis da súa solidariedade, o que permitiu recadar en torno a medio cento de xoguetes, todos eles en bo estado de conservación. A campaña tiña por obxecto contribuír a que ningunha crianza do municipio se quedase sen xoguetes nestas datas tan especiais, á par que compartir aqueles en bo estado que hai nos nosos fogares e que xa non se usan, pero seguen a ter moita vida, e entregarllos aos nenos ou nenas de familias máis vulnerables para que poidan gozar deles.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, gran parte dos xoguetes depositados de xeito solidario dende o pasado 28 de decembro e ata o 4 de xaneiro na Casa da Cultura da Baña foron entregados aos nenos e ás nenas de familias máis vulnerables e/ou con menos recursos do municipio, seguindo o baremo do departamento de Servizos Sociais.
“Unha vez cubertas as necesidades para as familias do concello que o precisaron, como aínda quedaban agasallos doados pola veciñanza decidimos entregalos á aula hospitalaria infantil do Clínico de Santiago”, indica Lorena Trillo. Con esta acción o Concello quixo contribuír “a que os nenos e nenas que por diversos motivos teñen que pasar estas datas tan especiais hospitalizados poidan tamén gozar dun agasallo, mantendo viva a chama da maxia e da ilusión”, remarca a concelleira.
Lorena Trillo quixo agradecer, en nome do Concello, a implicación e a solidariedade da veciñanza na campaña de recollida de xoguetes solidaria. “Estamos moi contentos co resultado da campaña e queremos agradecer a todas as persoas da Baña que contribuíron a arrincar un sorriso este Nadal a unha crianza co simple xesto de compartir e doar ese xoguete, usado, seminovo ou novo”, subliñou a concelleira de Cultural.
