-
O segundo galardón recaeu no ‘cocido en camisa’ do bar O Muíño
-
O xurado decidiu outorgar o premio simpatía á ‘empanada de millo’ de Casa Morena
-
Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo foron os gañadores dos sorteos para o público dunha noite de aloxamento nunha casa de turismo rural do municipio
-
O alcalde, Andrés García, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, entregarán hoxe os premios

O primeiro concurso de tapas ABaña Tapas xa ten gañador. A votación do xurado profesional (que valía un 55% da nota) e do público (que representaba o 45% restante) designou como mellor tapa a proposta culinaria presentada pola Taberna do Barro (O Barro) co nome de empanadilla de Marina. O gañador recibirá os 450 euros co que está dotado este primeiro premio. O segundo galardón recaeu no cocido en camisa, do bar O Muíño (San Vicenzo), que percibirá 250 euros.
Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, o xurado, tanto o profesional como o do público, tiveron dificultades á hora de elixir a tapa do segundo premio, “dada a calidade das preparacións, polo que o Concello decidiu outorgarlle o premio simpatía á empanada de millo que presentou ao concurso Casa Morena”, subliña a concelleira. Este establecemento hostaleiro recibirá unha peza de artesanía galega.
O Concello da Baña tamén deu a coñecer aos ganadores dos dous sorteos premiados cunha noite de aloxamento para dúas persoas na casa rural A Ribeira do Tambre (Troitosende) e na Casa do Folgo (Ordoeste). As persoas afortunadas foron Elvis Rodríguez Fernández e Sofía Vázquez Mayo. O requisito imprescindible para poder participar neste sorteo, destinado ao público, era ter selado o Pasaporte de tapas en todos os locais que participaron neste primeiro concurso ABaña Tapas.
O alcalde, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, visitarán hoxe os locais gañadores para entregarlles os seus respectivos premios. Tamén obsequiarán cun agasallo ás persoas propietarias das dúas casas de turismo rural que se implicaron no sorteo para o público participante no concurso de tapas, agradecéndolles deste xeito a súa colaboración.
Cómpre subliñar que o xurado profesional contou con recoñecidos expertos como José Manuel Mallón Ardións, cociñeiro do espazo gastronómico Remollo e embaixador de Experiencias de Calidade de Galicia; e Guillermo Gómez Lestón, director de operacións de Oca Hoteles.
ABaña Tapas celebrouse durante as tres primeiras fins de semana de novembro e tiña por obxecto incentivar o produto de tempada e de proximidade, poñer en valor a gastronomía do municipio e revitalizar o turismo.
Nesta primeira edición do concurso gastronómico participaron un total de cinco locais de distintos puntos do municipio. Taberna do Barro (O Barro) ofreceu follado de rinchas e empanadilla de Marina; Casa Morena (Corneira) elaborou follado e empanada de millo; Parrillada O Barro (O Barro) preparou parrilla; O Arranca (Ordoeste) apostou por empanada de millo con xoubas e croquetas de champiñóns con xamón, e O Muíño (San Vicenzo) optou por cocido en camisa e bruschetta.