• O mercadiño reuniu a máis de 35 postos de artesanía, oficios, conservas, xabóns artesáns e produtos da terra //

  • Os Gaiteiros da Baña, as Atrevidas de Monte, as Regueifeir@s e o dúo Ciclón foron os encargados de animar a xornada festiva //

  • Nenos, nenas e maiores desfrutaron cos Xogos do Paporrubio e cos contos ilustrados ‘Polo correo do Vento’ //

  • O Concello da Baña destaca o éxito desta edición e a boa acollida que tivo entre a veciñanza do municipio e da contorna //

xogos A carballeira de Ceilán (A Baña) viaxou hoxe por unhas horas 70 anos atrás na historia, ata a década dos anos 50 do pasado século XX, para rememorar o espírito e as tradicións das antigas feiras e romarías co Feirón e romaría da Re-Volta. A cita está organizada polo Concello da Baña, en colaboración coa Asociación Veciñal Outeiro e a Deputación da Coruña. Mercadiño tradicional con postos de artesanía, oficios e produtos da terra; gastronomía, música e espectáculos aptos para todos os públicos foron os atractivos dunha cita festiva que reuniu a centos de persoas, moitas delas caracterizadas de época. 

xente Segundo destaca o Concello da Baña, o mercadiño, que contou con máis de 35 postos, foi un dos máis concorridos das edicións da Re-Volta que ata a data se teñen celebrado. Entre os postos que se deron cita na carballeira de Ceilán destacaban os artesanais, como o do latoeiro Fernando, un dos últimos do gremio en Galicia; os San Cosmeiros, o do torneiro de Arzúa, José Manuel Pardo, ou o posto de pandeiretas artesanais de Mari Carmen Suárez e Rafael Regos, da empresa familiar Regos de Ordes.

Pero no mercadiño tradicional tamén se podía mercar xabóns artesáns, velas artesanais, bonecos e outros produtos feitos de lá, libros de segunda man, xoiería e bixutería artesanais... produtos da horta ecolóxicos de tempada, mel, plantas, postos de venda de doces típicos como as orellas, polbeira... e mesmo as famosas filloas da pedra da Baña, entre outros.

regueifas 1Os Gaiteiros da Baña e as Atrevidas de Monte foron os encargados de amenizar a xornada da mañá, despois da misa, e de animar a máis dunha parella a bailar. Mentres que as propostas musicais da tarde correron a cargo das Regueifeir@s, con Lupe Blanco ao fronte, e o dúo Ciclón, que pecharía a edición do Feirón e romaría da Re-Volta deste ano por cortesía da Asociación Veciñal Outeiro.

Grandes, pequenos e pequenas gozaron ao longo da mañá cos enredos e as historias dos Xogos do Paporrubio e cos contos ilustrados Polo correo do Vento, pola tarde. Tamén había diferentes paneis con fotografías antigas que causaron sensación entre a veciñanza e visitantes.

paporrubioO Concello da Baña destaca o éxito acadado nesta edición do Feirón e romaría da Re-Volta, e a boa acollida que tivo a celebración non só entre a veciñanza do municipio, senón tamén entre os veciños e as veciñas da contorna, e agradece a colaboración da Asociación Veciñal Outeiro.