• Aprobada a modificación do contrato de mellora da estrada de Menlle de Arriba a Paradas cos votos a favor do equipo de goberno e da concelleira non adscrita e a abstención dos socialistas

 

 

O Pleno da Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade a conta xeral correspondente ao exercicio 2021. No pleno extraordinario de esta tarde tamén se aprobou, con 8 votos a favor e 3 abstencións, a modificación do contrato de pavimentación da estrada que vai de Menlle de Arriba ata Paradas, financiado ao abeiro do POS+ 2021.

A modificación vai permitir botar unha capa de 5 centímetros de aglomerado en quente nuns 850 metros desta estrada que pasan máis preto das vivendas en Menlle, mantendo o rego asfáltico no resto do tramo, segundo explicou o alcalde. Andrés García Cardeso dixo que esta petición foi feita polos veciños hai máis dun ano e que despois de todos os trámites burocráticos pódese levar a cabo ao contar coa colaboración da empresa adxudicataria (Mantido) para modificar o proxecto sen cambiar o presuposto de adxudicación da obra, que supera lixeiramente os 95.870 euros.

Dende o grupo socialista, José Antonio Pereira criticou que se reducira a mellora nun tramo de  quilómetro e medio desta estrada para poder botar aglomerado en Menlle, e reclamou que en toda a estrada se utilice aglomerado en quente, utilizando a parte do POS que o Concello deixou para gasto corrente.

O alcalde, Andrés García Cardeso replicoulle que a veciñanza fixera esa petición en setembro do ano pasado, cando os socialistas gobernaban na Baña, e que non foron quen de modificar o proxecto. “É fácil pedir aglomerado para o monte, pero primeiro son os veciños”, concluíu o alcalde.

Pola súa banda, Mónica González preguntou cando se vai executar a obra, e pediu que, se é posible, se utilice aglomerado en quente nunha costa con bastante pendente.

Na votación, a modificación do contrato aprobou se con 8 votos a favor (PP, Compromiso e Mónica González) e 3 abstencións (PSdeG).

20221011 Bana Pleno extraordinario conta Xeral