• O DOG publicou o 27 de setembro o anuncio de exposición pública
  • As persoas interesadas teñen de prazo ata o 10 de novembro para presentar obxeccións
  • Hoxe celébrase a segunda charla informativa no local social de Barro, ás 19.30 horas

charlas parques eolicos

O Concello da Baña publica hoxe un documento de alegación ao parque eólico do Barrosino para que as persoas interesadas que o consideren poidan presentar obxeccións. Hoxe, 18 de outubro, celébrase a segunda charla na que técnicos municipais e da asesoría xurídica informarán á veciñanza de cales son os dereitos que teñen e de como se poden presentar alegacións, que poderán facer ata o 10 de novembro. Será no local social de Barro ás 19.30 horas. O pasado día 10 celebrouse outra charla informativa en Marcelle.

 O Diario Oficial de Galicia publicou o 27 de setembro o acordo da Xunta polo que se somete a exposición a solicitude de declaración e utilidade pública do parque eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación dos terreos afectados e a súa expropiación forzosa. Por este motivo, o Concello da Baña anuncia que, logo de estudar o proxecto, informará a veciñanza nos próximos días e ofrecerá modelos para presentar alegacións.

O DOG publica a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días hábiles a contar desde este mércores 28 de setembro (o prazo remataría o 10 de novembro). O parque, promovido pola empresa Green Capital Power, afectaría exclusivamente ao Concello da Baña e contaría con 3 aeroxeneradores dunha potencia de 4,5 megawatios cada un deles.

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0221.html.

De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

O modelo de alegación pódese descargar no arquivo adxunto.