- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1667
O Concello da Baña fixo esta mañá efectivo o ingreso de máis de 350.000 euros que regulariza a situación dos once traballadores que presentaron unha denuncia en 2016 para que se lles aplicase o convenio colectivo que rixe para o sector de oficinas e despachos da provincia da Coruña.
O ingreso supón o cumprimento dunha sentencia dictada polo Xulgado do Social número 3 de Santiago o 23 de febreiro de 2017, que obrigaba ao Concello a abonarlles a estes traballadores un total de 358.552,88 euros en concepto de recoñecemento de categoría e antigüidade, así como as cotizacións á Seguridade Social derivadas do incremento salarial e os intereses de demora.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, sinalara no pleno de agosto que os empregados municipais afectados asinaran xa un acordo de conformidade coas cantidades que ían recibir. O pagamento pon fin a un conflito que se prolongou durante nove anos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1156
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1154
O Pleno da Corporación da Baña, en sesión extraordinaria, aprobou esta mañá o expediente de modificación orzamentaria para unha transferencia de crédito, por importe de 69.000 euros, cos votos a favor do equipo de goberno (4) e do Partido Popular (5) e a abstención de Compromiso por Galicia (2). Este diñeiro destinarase a pagar facturas pendentes do Servizo de Axuda no Fogar.
O alcalde, José Antonio Pereira, expuxo que era necesario transferir estes 69.000 euros da concellaría de Deportes (na partida de acondicionamento de edificios públicos, para reparar o tellado do polideportivo de Lañas) para a facer fronte ao pago de facturas correspondentes a gasto en materia de servizos sociais, en concreto para o Servizo de Axuda no Fogar. Dado que a Baña ten prorrogados os presupostos dende 2017, non hai consignación suficiente para asumir estes gastos.
Tanto no relativo a urxencia do pleno, como tras o debate do punto da orde do día, producíronse idénticas votacións, na que PSdeG (4) e PP (5) votaron a favor da transferencia de crédito, e CxG (2) abstívose.
O vídeo íntegro do pleno pódese ver neste enlace (preme aquí)

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1722
-
Leuse un manifesto contra a Violencia de Xénero e gardouse un minuto de silencio polas vítimas
-
Aprobada a moción de CxG para iniciar o procedemento para rebaixar un 15% o recibo do lixo en 2020
-
Aprobada a moción do PSdeG en apoio das mulleres que sofren endometriose
A Corporación da Baña, no pleno ordinario de novembro celebrado onte a noite, gardou un minuto de silencio en memoria das 41 mulleres que morreron en España este ano vítimas da violencia de xénero. Antes, a concelleira Mónica González leu o manifesto institucional contra a violencia de xénero, conmemorando deste xeito o 25N. Pódese ver o vídeo do pleno neste enlace.
Na sesión, e por unanimidade, aprobouse a bonificación do 95% da cota íntegra do imposto de bens inmobles para dúas explotacións gandeiras do municipio.
Tamén por unanimidade aprobouse a moción de Compromiso por Galicia para iniciar o procedemento para modificar a taxa de recollida de lixo e rebaixar un 15% o recibo para o ano 2022. Na moción CxG pedía que esta rebaixa se aplicase xa en 2021, pero a secretaria informou que para modificar a ordenanza nesa porcentaxe hai que iniciar un expediente e contar con varios informes, entre eles o de intervención.
Tamén por unanimidade aprobouse a moción do equipo de goberno (PSdeG) en apoio da Asociación Querendo, reclamándolle á Consellería de Sanidade máis atención para as mulleres que sofren endometriose e unha maior divulgación.
O apartado de rogos e preguntas, que durou máis de hora e media, rematou cun rogo de Compromiso por Galicia para que o Concello da Baña se adhira ao programa da Xunta de Galicia Xantar na casa ao consideralo máis beneficioso que o que presta o Concello e que se presta en 177 municipios. O alcalde defendeu a calidade da comida que recibe a veciñanza co programa municipal Comedor sobre rodas, que foi pioneiro en Galicia hai dúas décadas, e adiantou que se retomarán conversacións coa Xunta para ver se compensa adherirse ao programa autonómico. O debate deste rogo non está incluído na grabación do pleno debido a un problema técnico.

- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1341
O Pleno da Corporación da Baña celebrou onte, 28 de outubro, de xeito semipresencial, a sesión ordinaria do mes de outubro, que se pode ver na canle de Youtube do Concello da Baña (neste enlace) e na que se trataron os seguintes aspectos.
O Convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do transporte metropolitano de Galicia na área de transporte metropolitano de Santiago de Compostela foi aprobado tamén por unanimidade dos tres grupos políticos, por entender que favorece á veciñanza.
A segunda modificación da ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Punto de Atención á Infancia do Concello da Baña foi aprobada por unanimidade. O portavoz do PP sinalou que levaban pedindo esta gratuidade dende abril e lamentou que non se puideran aproveitar antes desta rebaixa. O portavoz de CxG respaldou a medida para que todas as familias gocen da rebaixa que paga a Xunta. A concelleira de Educación sinalou que non se puido modificar antes a ordenanza porque, pese as peticións formuladas dende abril, ata o pasado 7 de agosto a Xunta non respondeu ao Concello para aclarar quen asumía esta gratuidade e como se tramitaba.
A aprobación provisional do “Plan municipal de prevención e defensa contra incendios forestais do Concello da Baña tamén foi aprobado por unanimidade.
Tamén por unanimidade foron aprobados tanto o suplemento de crédito 1/2020 (por importe de 351.903,01 euros) para cumprir coa sentencia xudicial e pagarlle aos traballadores reclamantes os salarios pendentes; como o crédito extraordinario 1/2020 (6.649,87 euros) para facer fronte aos intereses da débeda.
O PP recordou que dende o 2015 o secretario municipal leva indicando os trámites a seguir, e sinalou que votaba a favor co compromiso de que en 2021 se regularizaría a situación de todos os traballadores que faltaban. Na mesma liña se expresou CxG, que pediu que todos os traballadores do Concello que non reclamaron xudicialmente cobren o que se lles adeuda e se lles regularice o salario. Dende o equipo de goberno, o alcalde sinalou que, como se acordara na reunión cos representantes sindicais dos traballadores, en 2021 se regularizará a situación dos traballadores pendentes para evitar un agravio comparativo destes traballadores e traballadoras.
O orzamento xeral do Concello da Baña correspondente ao ano 2020 foi retirado da orde do día e quedou sobre a mesa a petición e cos 5 votos do PP (CxG abstívose e o PSdeG votou en contra). O alcalde (PSdeG) informou que o 10 de agosto se pasou o proxecto aos partidos da oposición e que o 7 de outubro a tesoureira explicou as partidas aos grupos políticos. Dixo que os anteriores orzamentos aprobados son de 2017, o que xera problemas con algunhas partidas de Servizos Sociais, porque non inclúen fondos suficientes para asumir os gastos necesarios este ano no servizo de axuda a domicilio.
CxG cualificou de falta de previsión e organización ao equipo de goberno por querer aprobar os presupostos en outubro. Dende o PP reclamaron traballar xa nas liñas xerais dos orzamentos de 2021 e dixo que este presuposto era irreal. Ao pedir a retirada das contas, durante a votación, o PP (5 votos) votou a favor, CxG (2), abstívose, e o PSdeG (4), votou en contra. O punto foi retirado da orde do día.
Tras dar coñecemento das resolucións da alcaldía e dos reparos de legalidade da secretaría-intervención, deuse conta da liquidación orzamentaria do exercicio 2019, que foi positiva.
A moción de CxG sobre neutralidade, transparencia e participacións nas comunicacións municipais foi aprobada cos votos a favor de PP (5) e CxG (2), e en contra do PSdeG (4).
A moción presentada polo PSdeG para conxelar a taxa do lixo en 2021 foi aprobada por unanimidade.
A moción do PP para instar ao Goberno central a que aprobe unha lei en defensa da propiedade privada e en contra da ocupación, que foi aprobada por unanimidade.
No apartado de rogos e preguntas, o PP solicitou que se celebre esta semana unha comisión urxente para que microempresas e autónomos poidas solicitar as axudas do programa PEL Reactiva que puxo en marcha a Deputación da Coruña. Os estragos que provocan as empresas madeireiras nas pistas foi outra das preguntas, así como a petición para apoiar a dúas familias de Menlle a conseguir unha parada do transporte escolar.
Dende CxG solicitaron adiantar a hora dos plenos, para evitar que rematen coincidindo co toque de queda das 23.00 horas. Solicitou que A Baña se sume a campaña ‘En Negro contra a Violencia’ e que se promocionen as rutas temáticas feitas polo alumnado do CPI San Vicente, as rutas de sendeirismo e a ruta BTT. Ademais da factura da carpa do festival de entroido, adiantou que o material que lle foi cedido por un albergue de Muxía que pechou, doarao ao Concello para cando se arranxe a antiga escola de Corneira para promocionar a vía Mariana e o Camiño de Santiago a Muxía.
O vídeo íntegro da sesión pódese ver na canle de Youtube do Concello da Baña, neste enlace. O pleno semipresencial gravouse coa plataforma da Deputación da Coruña. Hai un erro de son nos primeiros 9:06 minutos, nos que só se coita aos concelleiros e concelleiras que participaron de xeito telemático.


