• Na sesión de onte ratificouse por unanimidade a ordenanza de impulso do uso do galego e un recoñecemento extraxudicial de crédito

  • Cos votos do equipo de goberno aprobáronse as melloras de camiños en Cabanas, Menlle de Arriba, A Ermida e Gosende

  • A partir de agora as sesións ordinarias serán bimensuais, o último mércores dos meses impares

  • O alcalde informa de que xa se remitiu á Xunta o noventa por cento da documentación solicitada trala inspección ao PAI

  

 

A Corporación da Baña aprobou na sesión ordinaria de onte, e por unanimidade, a ordenanza de impulso do uso do galego e unha modificación extraxudicial de crédito para pagar facturas de provedores. Cos votos a favor do equipo de goberno (7) e a abstención do PSdeG (4), aprobáronse os proxectos para mellorar camiños rurais en Cabanas, Mundris, Menlle de Arriba, A Ermida e Gosende-Carballeira. A partir de agora, os plenos ordinarios pasan a ser bimensuais, celebrándose o último mércores dos meses impares. No capítulo de rogos e preguntas, o alcalde sinalou que moitas das deficiencias atopadas no PAI por unha inspección da Xunta están xa solucionadas ou en vías de solución, e aclarou que todo o persoal está vacinado e ten o certificado de delitos sexuais xa actualizado (ver vídeo íntegro do pleno neste enlace).

Os dous primeiros puntos da sesión foron aprobados por unanimidade. César Ramos defendeu que a ordenanza para o impulso do galego no Concello da Baña ten por obxectivo fomentar o uso do noso idioma e dar cumprimento á Lei de normalización lingüística. Tamén co voto favorable dos once concelleiros se aprobou o recoñecemento extraxudicial de crédito, que permitirá pagarlle aos provedores facturas pendentes do ano pasado. A pesar da unanimidade no debate deste punto, o portavoz socialista, José Antonio Pereira, acusou aos socios de goberno de provocar esta situación ao impedirlle ao ex goberno socialista dedicar no POS dos dous últimos anos a gastos correntes a mesma cantidade que viña destinando o Partido Popular. O alcalde, Anddrés García Cardeso, recordoulle ao seu antecesor que “a situación no Concello é insostible, con facturas sin pagar dende hai máis dun ano, que están prexudicando a moitos provedores”. Cardeso engadiu que PP e Compromiso “non bloqueamos pago ningún” e responsabilizou ao ex rexedor socialista de facer “unha pésima xestión económica”.

As obras obras para incluír no Plan Marco de Agader, para mellorar camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, aprobouse cos votos a favor do equipo de goberno (7) e a abstención dos socialistas (4). A proposta de PP de Compromiso e mellorar accesos en Cabanas, Mundris, Menlle de Arriba, A Ermida e Gosende-Carballeira por uns 84.000 euros. Os socialistas amosáronse dispostos a votar a favor se se facían de cemento dous tramos con moita pendente en ambos camiños. O alcalde aclaroulles que as bases aprobadas por Agader impiden este ano utilizar cemento nas melloras do Plan Marco. García Cardeso sorprendeuse pola abstención dos socialistas, “pois tanto estas obras como as do POS contemplan a metade das vosas propostas”.

No debate para cambiar as sesión plenarias a unha periodicidade bimensual houbo un intenso debate. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira, acusou ao goberno bipartito por cambiar os plenos “cando en 2019 obrigaron ao goberno socialista a facelos mensuais”. Para apoiar a proposta solicitou estar presente na xunta local de goberno. César Ramos recordoulle ao portavoz socialista os seus cambios de criterio, “pois en 2015 propuxera plenos mensuais, e no 2019 queríaos trimestrais”. Na votación, o punto saíu adiante cos votos a favor do goberno (7) e en contra dos socialistas (4). A partir de agora os plenos celebraranse cada dous meses, o último mércores dos impares, polo que as seguintes sesións serán en marzo e maio.

Punto de Atención á Infancia

As preguntas formuladas por Mónica González Blanco respecto da inspección feita no PAI pola Xunta de Galicia, o alcalde aclarou xa se remitiu á Consellería de Política Social a maioría da documentación solicitada, ademais de actualizar a información do PAI no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais do Goberno galego.

O alcalde explicou que despois de recibir a acta de inspección, o pasado día 4, comunicouno no pleno do día 9. Recentemente, el, a concelleira de Cultura e a traballadora social mantiveron unha xuntanza co persoal do PAI para axilizar a entrega de toda a documentación solicitada pola Xunta. Neste senso, tanto o alcalde como a concelleira socialista coincidiron en que todas as traballadoras están vacunadas e teñen certificado de delitos sexuais, aínda que nalgúns casos pendentes de actualizar, algo que xa se está tramitando. Neste senso, e coa intención de tranquilizar ás familias, aseguraron que o único que faltaba o día da inspección e amosarlle a administración autonómica os documentos actualizados que acreditan este punto. Algo que se está a facer.

José Antonio Pereira volveu preguntar polo reparto de calendarios, e pola distribución entre os establecementos hostaleiros duns manteis conmemorativos do Día de Rosalía “que non chegaron a algúns establecementos”. A concelleira de Cultura respostoulle que se os salvamanteis se entregaron a todos os establecementos que onte estaban abertos e quixeron colaborar coa iniciativa. “Hai varios locais que están pechados estes días, outros que os rexeitaron e algúns cos que non logramos contactar”, asegurou.

20220223 Pleno ordinario Febreiro2