-
A conselleira de Medio Ambiente asegura que reduciu os residuos na bolsa negra nun 3,5% e incrementou a reciclaxe de plásticos nun 55%
-
Esta mañá visitou o punto limpo, acompañada polo alcalde e o presidente de Sogama
-
Ánxeles Vázquez subliña que as entidades locais avanzan cara a unha xestión máis eficiente e correcta dos diferentes tipos de residuos municipais
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o punto limpo da Baña e puxo a veciñanza deste municipio como exemplo de bo facer na conservación do medio ambiente. Segundo explicou a conselleira, o ano pasado A Baña foi un dos cinco concellos galegos no que máis se reciclou en orixe, ao reducir o lixo da bolsa negra nun 3,5% e incrementar as achegas de plásticos, latas e briks do contedor amarelo nun 55%.
A nivel de Galicia, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salientou que os galegos reciclaron o ano pasado un 1,4% máis de envases de plásticos, latas e briks do contedor amarelo, incrementando en 458,92 as toneladas recuperadas. Polo que respecta aos desperdicios da bolsa negra (fracción resto), a nivel autonómico enviáronse a Sogama 405 toneladas menos de lixo.
Ánxeles Vázquez puxo como exemplo á veciñanza da Baña, polos bos resultados acadados no 2021 tanto desde o punto de vista da produción de lixo convencional como das taxas de reciclaxe de envases lixeiros. Asegurou que A Baña mandou a Sogama 34 toneladas menos de lixo na bolsa negra que o ano anterior e que se recolleron 46,41 toneladas de envases lixeiros no contedor amarelo, o que representa un 55,2% máis que no 2020.
Acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez; o alcalde, Andrés García Cardeso; o concelleiro de Servizos Básicos, José Manuel Landeira, e a concelleira de Educación, Lorena Trillo, a conselleira visitou esta mañá o punto limpo da Baña, construído polo Goberno galego en 2005. Neste punto limpo a veciñanza pode depositar determinado tipo de residuos especiais (metais, plásticos, madeira ou electrodomésticos, entre outros) de luns a sábado de 10.00 a 14.00 horas.
O funcionamento desta instalación, segundo indicou, é unha mostra máis do compromiso municipal coa xestión do lixo de orixe doméstica e a posta á disposición da veciñanza tanto de espazos axeitados para o seu almacenamento, como do material e os recursos necesarios para garantir unha correcta separación en orixe.
A este respecto, lembrou que o concello coruñés é un dos 222 adheridos en Galicia ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, grazas ao cal 30 vivendas unifamiliares do municipio contan xa co seu propio composteiro para autoxestionar a fracción orgánica dos seus residuos e utilizala para xerar compost de calidade, que poden reutilizar nas súas propias hortas e terreos.
Por todo isto, a conselleira felicitou ao alcalde da Baña, Andrés García, subliñando que grazas ao esforzo e ao traballo realizado neste eido, os concellos galegos avanzan cara a unha xestión máis eficiente e correcta dos residuos municipais, o que se traduce tamén nun aforro económico importante que beneficia de forma directa aos cidadáns.
Neste sentido, explicou que Sogama aplica desde 2019 unha redución do 10% no canon que lle cobra aos concellos polo tratamento dos residuos a cambio de que acrediten unha redución da produción de lixo e/ou un aumento da reciclaxe dos envases lixeiros. O concello de A Baña leva tres anos beneficiándose deste incentivo, cun aforro de máis de 18.000 euros que repercutiu nas facturas do lixo que pagan os veciños por este servizo.
Pola súa banda, o rexedor agradeceu que desde a Xunta se considere que A Baña “está facendo as cousas ben” en materia de residuos e subliñou o importante papel e implicación que está a xogar neste sentido a veciñanza. “Se entre todos poñemos un pouco de sensatez, contribuiremos a mellorar o medio ambiente”, engadiu.
Galegos máis comprometidos
Cómpre lembrar que aínda que a xestión dos residuos de orixe doméstica é unha competencia municipal, o Goberno galego traballa e apoia aos concellos para axudalos a conseguir os obxectivos marcados pola UE nesta materia.
En concreto, a conselleira referiuse á obriga de implantar, antes do 31 de decembro de 2023, a recollida diferenciada da fracción orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón. Un obxectivo que Galicia aspira a cumprir, tal e como lembrou, grazas a unha ampla rede de infraestruturas integrada por 17 instalacións á que a Xunta destinará preto de 40 millóns de euros e que dará servizo á practica totalidade dos galegos.