-
O Concello volve contar con Xunta de Goberno Local, que se reunirá o segundo xoves de cada mes
-
O alcalde terá dedicación exclusiva, con 32.900 euros brutos anuais
-
A concelleira de Cultura terá dedicación parcial de 25 horas semanais e 16.000 euros de salario bruto anual
A Corporación da Baña celebrou onte o primeiro pleno ordinario da nova etapa do goberno de coalición entre Partido Popular e Compromiso, no que se estableceu o novo sistema de organización para o que resta de lexislatura. Na sesión só se aprobaron por unanimidade os puntos relativos as comisións informativas e a designación de representantes municipais nos órganos colexiados supramunicipais. Vídeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)
Cos votos a favor de Partido Popular e Compromiso e a abstención dos socialistas, aprobouse o mantemento das sesións ordinarias o último mércores de mes e a creación da Xunta de Goberno Local, que se reunirá o segundo xoves de mes a partir das 13.30 horas.
Co mesmo resultado (7 votos a favor e 4 abstencións) aprobouse a dedicación exclusiva do alcalde, Andrés García Cardeso, cunha retribución bruta anual de 32.900 euros, e a dedicación parcial (25 horas semanais) da concelleira de Cultura, Educación, Muller e Igualdade e Normalización Lingüística, Lorena Trillo, cunha retribución bruta anual de 16.000 euros.
Os socialistas criticaron ao novo goberno por incrementar os salarios, con relación ao goberno anterior, e manter os plenos ordinarios con carácter mensual, cando dende o PSOE xa propuxeran ao principio da lexislatura que fosen bimensuais. Dende o equipo de goberno, César Ramos (Compromiso) replicoulle ao portavoz socialista, José Antonio Pereira, que esta é unha proposta negociada entre os socios de goberno e sinalou que na etapa anterior, polo contrario, "pedímoslle ata oito veces que negociara o salario sen que nos chamara”. Posturas semellantes se manifestaron na asignación da dedicación e salario da concelleira de Cultura.
No capítulo de rogos e preguntas, José Antonio Pereira (PSOE) preguntou por que se retrasou o reparto dos calendarios municipais, ao que o alcalde, Andrés García Cardeso, contestoulle que o reparto se está a facer con persoal voluntario e traballadores municipais “porque Correos pedíanos case tres mil euros pola distribución e díxonos que non o faría ata xaneiro”.
Pereira tamén preguntou cando se retomarán as clases na Escola de Música, contestando García Cardeso que se fará cando haxa un informe xurídico que lle dea garantías ao procedemento. Actualmente, está en fase de adxudicación o proceso de licitación da xestión da Escola Municipal de Música, aínda pendente de resolver pola mesa de contratación. Ademais, o contrato menor co anterior equipo directivo rematou en decembro. “Foi un proceso mal proposto polo anterior goberno (por sacar o proceso de licitación unha vez iniciado o curso) que agora tratamos de resolver do mellor xeito posible para recuperar as clases canto antes cos dous profesores que son persoal municipal”, concluíu García Cardeso.
Pódese ver o vídeo íntegro do pleno neste enlace (preme aquí)