• Este plan marco, que foi aprobado por unanimidade, conta con 10 áreas e tres liñas mestras de actuación

  • Todos os grupos votaron a favor de modificar o POS 2022 e dos logotipos dixitais do concello

 

O Plan de voluntariado da Baña foi aprobado onte polos tres grupos políticos representados na Corporación, nun pleno no que a unanimidade foi a tónica nos tres puntos sometidos a debate. Todos os concelleiros e concelleiras votaron a favor de facer unha pequena modificación no POS 2022 referente a plataforma de numeración do municipio e para aprobar os logotipos dixitais do Concello. As discrepancias entre goberno e oposición chegaron no apartado de rogos e preguntas. A partir de agora, as sesións ordinarias pasan a ser bimensuais, os últimos mércores dos meses impares.

O tenente de alcalde, César Ramos, explicou que o Plan de voluntariado é un documento base distribuído en tres liñas estratéxicas e dez áreas de actuación para regular o servizo de voluntariado en diferentes temáticas. A preguntas da concelleira socialista Mónica González, Ramos explicou que se vai incluír tamén ao voluntariado xuvenil e abrirse as asociacións ou entidades do municipio que o soliciten. En función do número de persoas que se inscriban poderase habilitar un espazo físico en dependencias municipais. O plan de formación farase de acordo coa Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta. O plan foi aprobado por unanimidade.

Tamén por unanimidade aprobáronse os logotipos dixitais do Concello e das diferentes concellarías. Co mesmo resultado saíu adiante a modificación puntual do POS 2022, para atender a unha petición da Deputación da Coruña relativa a plataforma de numeración municipal que incluíra o Concello no Plan de Obras e Servizos.

Antes do capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou que nos vindeiros días, unha vez que se regularice a situación tras a folga de transporte, vaise trasladar ata A Coruña o material doado pola veciñanza da Baña para axudar ao pobo de Ucraína afectado pola guerra. Andrés García Cardeso agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas da Baña nesta campaña.

O pasado desfile de Entroido foi un dos temas máis polémicos tratados nos rogos e preguntas. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira pediu a dimisión da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e cualificou de “acto de censura” que non se lles permita aos Carnavaleiros da Baña cantar as súas coplas, “como levan facendo dende hai vinte anos” porque facían unha parodia da moción presentada por PP e Compromiso contra o goberno socialista da Baña. 

Dende o equipo de goberno, o alcalde, Andrés García Cardeso, considerou unha “mentira maiúscula” as apreciacións do voceiro socialista, e recordou que tanto dende a organización como a propia condutora do desfile lle ofreceu o micrófono e a megafonía do Concello para que os Carnavaleiros da Baña puideran completar a súa actuación. César Ramos e Lorena Trillo, pola súa banda, incidiron na mesma apreciación. “Ninguén censurou nada”, aseguraron, e reiteraron que á comparsa da Baña falloulle a megafonía que tiñan instalada no camión e ofrecéuselle a da organización. “Eu mesma me puxen en contacto con eles para pedirlles desculpas e lles ofrecín participar na Festa da filloa, algo que rexeitaron”, engadiu a concelleira de Cultura.

Os problemas co transporte escolar, as invitacións e os gastos da Festa da filloa da pedra foron outros dos asuntos formulados polo grupo socialista nos rogos e preguntas.

20220330 Pleno Bana ALF6080