- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 656
-
Está dirixido a crianzas escolarizadas de entre 3 e 13 anos //
-
Desenvolverase no local social de San Vicenzo entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro de 8.30 a 14.30 horas /7
-
O prezo para menores empadroados é de 25 euros para o primeiro fillo, 20 para o segundo e 15 para o terceiro e seguintes //
O Concello da Baña abre o prazo de inscrición para o campamento de Nadal, iniciativa que ten como obxecto favorecer a conciliación familiar durante as vacacións escolares e que oferta actividades de carácter lúdico, educativo e social para menores escolarizados de entre 3 e 13 anos. O campamento conta con vinte prazas, desenvolverase no local social de San Vicenzo e prestará servizo polas mañás (de 8.30 a 14.30 horas) os días laborais que van do 23 de decembro ao 5 de xaneiro.
As familias teñen de prazo ata o 16 de decembro para facer as solicitudes. Poderán presentar o formulario debidamente cuberto e asinado tanto na páxina web da Baña como no Rexistro do Concello, acompañado da seguinte documentación: fotocopia do DNI e tarxeta sanitaria do menor e fotocopia do DNI da persoa titular da conta. Unha vez publicada a listaxe de crianzas admitidas, a admisión completarase co pagamento das taxas entre o 20 e o 23 de decembro na conta ES26 0238 8191 8806 6000 1061.
Os prezos, fixados atendendo á ordenanza fiscal do ano 2012, son de 25 euros para a/ primeira/o filla/o, 20 para a/o segunda/o e 15 para a/o terceira/o e seguintes no caso de estar empadroados no Concello da Baña. Os menores doutros municipios pagarán o dobre.
As bases da convocatoria e o formulario de solicitude están dispoñibles nos arquivos adxuntos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 593
A Xunta de Galicia abre ata o 5 de decembro o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa Xuntos polo Nadal, destinado ás ás persoas maiores de 60 anos que se atopen soas nestas datas, xa sexa por carencia de familiares ou amigos, perda do seu cónxuxe ou por outras circunstancias.
A Consellería de Política Social e Xuventude, a través da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, oferta un total de 540 prazas, da que 280 son na residencia de tempo libre do Carballiño (para as persoas solicitantes da Coruña e de Lugo) e 260 na de Panxón, en Nigrán (para solicitantes de Pontevedra e Ourense).
Xuntos polo Nadal levarase a cabo entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, en dúas quendas de oito días cada unha: a primeira, do 23 ao 30 de decembro; a segunda entre o 31 de decembro e o 7 de xaneiro.
O programa inclúe de xeito totalmente gratuíto un completo programa de actividades e a estancia na residencia durante 8 días (7 noites), con aloxamento en habitacións compartidas e manutención en réxime de pensión completa. O aloxamento en cuartos individuais terá carácter excepcional, require que a necesidade figure debidamente acreditada e, en todo caso, estará suxeito á dispoñibilidade.
Tamén inclúe o desprazamento en autobús desde os lugares que se establezan (Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Lugo ou Ourense) ata a residencia de tempo libre e viceversa. Porén, os gastos de desprazamento desde o domicilio ata o lugar de saída que se indique serán por conta da persoa participante. A saída dende os puntos de orixe establecidos realizarase o dia 23 de decembro pola tarde e o regreso o dia 30 de decembro pola mañá na primeira quenda, e o 31 de decembro pola mañá e o regreso o 7 de xaneiro pola mañá na segunda quenda.
Para beneficiarse de Xuntos polo Nadal é preciso ter 60 ou máis anos, estar empadroado nalgún concello galego, vivir só/a no seu domicilio e ter que pasar só/a as datas do Nadal e valerse por si mesmo e non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio, nin trastornos mentais ou condutuais non compensados que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da estadía. Para a selección dos participantes daráselle preferencia ás persoas que perderan ao seu cónxuxe ou persoa coa que convivisen nos últimos anos, teñan máis idade, teñan un menor nivel de ingresos económicos e non participaran no programa Xuntos polo Nadal en pasadas edicións.
As solicitudes, acompañadas do informe social e da declaración responsable, formularanse nos modelos establecidos ao efecto e estarán debidamente cubertas e asinadas pola persoa que corresponda. Estes impresos están á disposición das persoas interesadas na páxina web https://politicasocial.xunta.gal/gl/recursos/plans-e-programas/xuntos-polo-nadal-2022
As solicitudes poderanse presentar ata o 5 de decembro (incluído) nos servizos sociais comunitarios dos concellos, nos departamentos de traballo social dos centros de saúde ou hospitais, nas xefaturas territoriais ou centros socio comunitarios dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude; ou ben por calquera dos medios previstos no artigo 16,4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Común das Administracións Públicas.
As persoas ás que se lle adxudique praza terán que confirmar a súa asistencia e, no momento de incorporarse ao programa, ir provistas de:
- DNI ou pasaporte en vigor.
- Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira de algunha atención especial (control sanitario, tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual...). De non levar a acreditación da necesidade, non se lle prestará ningún tipo de atención especial.
- Tarxeta sanitaria, medicación habitual necesaria e/ou accesorios para o transcurso da estadía.
- Roupa cómoda.
Para mas información pódese consultar a páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude neste enlace ou dirixirse a:
- A Consellería de Política Social e Xuventude Subdirección Xeral de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia e Innovación Socio-sanitaria. Edificio Administrativo San Caetano, s/n. 15781 Santiago de Compostela, Tlfno.: 981 547437/ 881 995993, correo electrónico: Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., teléfono Social: 900 333 666 (gratuíto).
- A Xefatura Territorial da Consellería de Política Social e Xuventude Servizos de Dependencia e Autonomía Persoal. Rúa Concepción Arenal, 7-9. 15006 A Coruña. Teléfono: 881881528, Rúa Serra de Ancares, 68 baixo. 27003 Lugo, Teléfono: 982294051
- Os Centros Socio comunitarios da Consellería de Política Social e Xuventude
- Servizos Sociais Concello da Baña, previa cita no teléfono 981 886 501.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 600
-
Regina Paradela, Carmen Allo, José Manteiga e Victoriano Uzal recolleron unha placa co ‘Árbol da vida’
-
Foron recibidos no salón de plenos polo alcalde, o tenente de alcalde e a concelleira de Cultura
O Concello da Baña rendeulle unha homenaxe ás catro persoas de máis idade que o pasado día 15 asistiron a Festa dos Maiores. Nun acto celebrado no salón de plenos da casa consistorial, o alcalde entregoulles unha placa de madeira co Arbol da vida a María Regina Paradela Cancela, de San Vicenzo e 94 anos, Carmen Allo Castro (Suevos, 94 anos), José Manteiga García (Ordoeste, 96 anos) e a Melchor Victoriano Uzal Mariño (Troitosende, 89 anos). No acto estiveron presentes o tenente de alcalde, César Ramos; a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e familiares dos homenaxeados.
Andrés García Cardeso e César Ramos louvaron o traballo realizado durante toda a súa vida polas persoas homenaxeadas, sobre todo o das mulleres que viven no rural. “É un orgullo para A Baña que xente coma vós continúe representando o noso Concello con esa vitalidade”, recordaron. Despois entregáronlles unha reprodución do Árbol da vida e unha planta a cada un. O regalo de Carmen Allo, que non se puido desprazar, recolleuno o seu fillo José Manuel Antelo. José Manteiga acudiu acompañado do seu fillo José Luis e Victoriano Uzal da súa filla Anuncia e da súa neta Natalia Nogueira.
O alcalde recordou que o acto, previsto para o remate da festa dos maiores celebrado o pasado día 15 no polideportivo de San Vicenzo, suspendeuse debido a que un dos asistentes tivo un problema de saúde e foi trasladado ao hospital polos servizos médicos presentes na festa.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 431
O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, asinaron hoxe a renovación do convenio co Servizo de Atención Temperá de Santa Comba. Ao acto asistiu tamén a concelleira de Servizos Sociais da capital do Xallas, Esther Espasandín.
O Servizo de Atención Temperá de Santa Comba 𝐚𝐭𝐞𝐧𝐝𝐞 𝐦𝐞𝐧𝐨𝐫𝐞𝐬 𝐝𝐞 𝟔 𝐚𝐧𝐨𝐬 que sofren ou están en risco de padecer algún tipo de discapacidade ou trastorno do desenvolvemento. Nenas e nenos da Baña poden acudir ás dependencias localizadas na Casa da Cultura da capital do Xallas (rúa Miraflores 0), sempre que sexan derivados polo pediatra do menor.
Os servizos que se prestan divídense en tres áreas: Coordinación e atención ás familias, Logopedia e Terapia ocupacional e reeducación funcional.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 755
- Non faltaron as conversas e bailes ao ritmo que marcaron a Charanga Tíralle do Aire e o Dúo Rosán
- Recoñecemento do alcalde ás mulleres no Día da Muller Rural: “Grazas ao voso traballo as xeracións actuais poden construír un futuro mellor”
Tres anos despois da última edición eran moitas as conversas pendentes que hoxe recuperaron na Baña as máis de cincocentas persoas que asistiron á Festa do maiores, celebrada no polideportivo de San Vicenzo. Esperados reencontros, anécdotas e ganas de pasalo ben marcaron esta celebración que recupera unha tradición no municipio, que hoxe celebrou a súa vixésimo sétima edición. A agrupación Tíralle do Aire e o Dúo Rosán puxeron a música coa que moitos dos asistentes non dubidaron en saír a bailar na sobremesa dun xantar de confraternidade que a maioría xa botaba de menos.
“Coa festa de hoxe queremos volver a normalidade e fortalecer vínculos entre a veciñanza”, díxolles Andrés García Cardeso aos asistentes antes de comezar o xantar. O alcalde tivo un recoñecemento especial para a muller rural, a maioría das que viven na Baña, coincidindo coa celebración do Día da Muller Rural. “Grazas ao voso traballo, as xeracións actuais seguen gozando do noso rural e poden construír un futuro mellor”, afirmou o alcalde, que animou á veciñanza a seguir gozando dos actos programados con motivo do Outono Cultural. García Cardeso tamén lles recordou que a partir dos martes, os maiores de 50 anos poden gozar dos servizos de audioloxía, podoloxía e reforzo da memoria que ofrecer a unidade móbil de Coidados porta a porta.
O delegado territorial da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, agradeceulle ás persoas maiores “os valores que nos transmitides e que axudaron a preservar a nosa identidade, cultura e tamén a nosa economía. Grazas polo voso esforzo, e pasádeo moi ben hoxe”, concluíu.
Entre as autoridades presentes na festa estaban os concelleiros da Corporación da Baña, a alcaldesa de Santa Comba e representantes dos concellos de Negreira e Val do Dubra.
O restaurante Casa Taboada, de Touro, encargouse de preparar o menú, a base de empanada, polbo con cachelos, carne ó caldeiro, tartas de améndoa e de queixo, e café.