-
As persoas maiores de 65 anos e menores de 10 poderán asistir de balde, mentres que o resto da veciñanza poderá sumarse cunha achega de 35 €
-
As invitacións deben recollerse antes do 6 de xuño en Servizos Sociais
-
Un servizo de autobús gratuíto facilitará o desprazamento ao pavillón
O Concello da Baña celebrará o sábado 14 de xuño a segunda edición do Xantar Veciñal, un encontro de confraternidade dirixido a toda a veciñanza, que terá lugar no pavillón polideportivo municipal de San Vicenzo a partir das 13.00 horas. Despois do éxito da primeira edición, que reuniu arredor de 460 persoas, o goberno local aposta por consolidar esta iniciativa como unha cita anual de convivencia e encontro interxeracional.
A participación está aberta a todas as persoas empadroadas no concello, con dúas modalidades de acceso. As persoas maiores de 65 anos —ou que os cumpran ao longo de 2025— e aquelas que cumpran outros criterios valorables polos Servizos Sociais, poderán asistir de maneira gratuíta, sempre que recollan a súa invitación no departamento de Servizos Sociais antes do 6 de xuño (este incluído), en horario de 9.30 a 14.00 horas. O día do xantar será preciso presentar a invitación xunto co DNI.
O resto da veciñanza tamén poderá participar mediante unha invitación cun custo de 35 euros (os/as menores de 10 anos poderán asistir de balde). Neste caso, tamén será preciso recoller a invitación no departamento de Servizos Sociais antes do 6 de xuño e presentar tanto a invitación como o DNI o día do evento. O pagamento realizarase no propio día do xantar.
Ademais, para facilitar a participación, o Concello da Baña habilitará un servizo de autobús gratuíto, que deberá solicitarse no momento da recollida da invitación.