-
Representantes institucionais, membros da comunidade educativa e veciñanza participaron no acto conmemorativo polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
A praza do Concello da Baña foi o escenario este luns 25 de novembro dun acto conmemorativo polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, no que participaron representantes institucionais, membros da comunidade educativa e veciñanza.
O alumnado do CPI San Vicente foi o encargado de dar voz ao manifesto institucional, subliñando a importancia de erradicar todas as formas de violencia de xénero e promover unha sociedade máis xusta e igualitaria. O texto destaca o papel fundamental da educación e da conciencia social para combater esta lacra.
O acto contou coa presenza do alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, da tenente de alcalde, Mónica González Blanco, de traballadores municipais, ademais de membros da comunidade educativa e veciños e veciñas que quixeron acompañar esta xornada de reflexión e reivindicación.
Desde o Concello da Baña reafirmamos o noso compromiso na loita contra a violencia machista, a través de accións que poñan o foco na prevención, no apoio ás vítimas e na construción dunha sociedade libre de desigualdades.
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25 DE NOVEMBRO DE 2024, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES:
Hoxe 25 de novembro conmemoramos, un ano máis, o Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A sociedade debe ser consciente da urxencia para conseguir que a violencia que aínda sofren as mulleres polo feito de selo deixe de ser estrutural na nosa sociedade.
Debe ser un obxectivo irrenunciable e prioritario poñer fin á violencia contra as mulleres.
Como parte activa da nosa sociedade compartimos ese compromiso, como parte do esforzo colectivo imprescindible que ten que transformar as estruturas que seguen a manter o machismo e a desigualdade dende discursos e acción negacionistas. Desgraciadamente e a pesares dos avances, é evidente o moito que queda aínda por facer.
A condena da violencia machista en todas as súas manifestacións e o traballo colectivo na construción dun presente no que ningunha muller sexa vítima desta violencia teñen que reforzarse, dende o compromiso activo que poña fin a esas actitudes patriarcais.
1.284 mulleres asasinadas por homes que eran, ou foron, as súas parellas dende 2023. 40 mulleres asasinadas no que vai de ano 2024. Máis de 95.000 denuncias presentadas por mulleres vítimas de violencia machista. Unha sociedade democrática e de Dereito debe ser incompatible cunha situación de criminalidade constante contra as mulleres.
Violencia na que homes non só acosan, feren ou matan a mulleres: violencia económica que priva ás mulleres da súa independencia económica ao ter que depender de quen as maltrata; violencia vicaria na que fillos e fillas tamén son vítimas para facer aínda máis dano ás súas nais; violencia dixital das ameazas, acoso e chantaxe na contorna virtual, ademais da cousificación das mulleres na pornografía, á que se accede de xeito xeneralizado dende móbiles, tablets e ordenadores; prostitución pola que mulleres son obrigadas a ser escravas sexuais.
Por outra banda, un dos ámbitos que máis preocupa é o do lecer o ocio nocturno e o coñecemento de violacións e agresións sexuais en grupo e por parte de agresores mozos. Lamentablemente, no verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que nos recordan a necesidade de avanzar. Non existe aínda un protocolo específico de actuación.
Tampouco podemos obviar a violencia que padecen as mulleres de países en situacións de regresión cultural e social, nos que os integrismos relixiosos ademais lles privan dos seus dereitos e liberdades fundamentais, como en Afganistán en que as mulleres están recluídas nas súas casas, sen acceso á educación, ao traballo nin a ningunha relación social. Tamén en sociedades occidentais as mulleres que deciden abortar son acosadas e criminalizadas por extremistas que din defender a vida.
Nin as situacións extremas de violencia que padecen as mulleres en zonas de conflito armado, sendo obxecto de abusos, violacións e escravitude sexual con total impunidade. Estas atrocidades deben levarnos a reforzar a defensa dos dereitos humanos e a protección das vítimas, esixindo respecto, xustiza e reparación.
A violencia machista debe ser unha prioridade política, social e institucional de primeira orde e fronte a efemérides rituais e baleiras de contido, temos unha responsabilidade colectiva á hora de fixar novos compromisos como adecuar as axudas e comprometer máis recursos, así como esixir o cumprimento daquelas cuestións que aínda están sen desenvolver da Lei galega contra a violencia machista, como é a atención psicolóxica na atención primaria.
Todas as administracións, colectivos e cada individuo, temos que seguir a promover avances na loita contra a violencia machista e a protección das vítimas, incidindo na prevención.
Dende o CPI San Vicente e o concello da Baña reforzamos o noso compromiso de loita contra a violencia machista, promovendo máis coordinación entre as institucións para que as mulleres e menores vítimas reciban a atención e apoio integral, especializado e que cubra todas as súas necesidades.
Facemos un chamamento para que se denuncien todas as formas de violencia contra as mulleres. Non pode haber máis silencios cómplices. Xa é tempo de que a vergoña, que ata agora recaía sobre as vítimas que sofren a violencia, cambie de bando e recaia sobre os agresores.