- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4294
-
Isabel Risco protagoniza mañá o monólogo de humor ‘Bravas’ que pon en valor a traxectoria de mulleres galegas
-
O alumnado do CPI San Vicenzo lerá o manifesto institucional o martes 25 na praza do Concello

O Concello da Baña pon en marcha unha programación institucional con motivo do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero, coa finalidade de sensibilizar á veciñanza e reforzar unha convivencia baseada no respecto e a igualdade. As accións están coordinadas pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía.
O venres 21 de novembro, o Auditorio da Casa de Cultura acollerá o monólogo Bravas, interpretado por Isabel Risco, integrado no programa Venres de humor e na programación especial do 25N. A función comeza ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. A obra destaca a traxectoria de mulleres galegas que abriron camiños con determinación, valentía e compromiso social.
O martes 25 de novembro terá lugar na praza do Concello a lectura dun manifesto institucional ás 12.00 horas, coa participación do alumnado do CPI San Vicenzo. Este acto institucional pretende visibilizar a implicación da mocidade e reforzar a educación en valores de respecto e igualdade.
O Concello da Baña reitera o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero e continuará promovendo iniciativas que garanten espazos seguros e fomenten a participación da cidadanía en actividades de sensibilización e prevención.
Comezan as obras de ampliación do PAI da Baña para a súa conversión en escola infantil con 31 prazas
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 6511
-
Grazas a esta actuación crearase 11 novas prazas e mellorarase o servizo de atención á infancia no municipio

O Concello da Baña iniciou as obras de ampliación do Punto de Atención á Infancia (PAI) de San Mamede, que permitirá a súa conversión en escola infantil e a creación de 11 novas prazas. Grazas a esta actuación, o centro pasará das 20 prazas actuais ás 31 dispoñibles, ampliando a capacidade e mellorando o servizo de atención á infancia no municipio.
O alcalde, José Antonio Pereira, e o concelleiro de Obras, Jesús Manuel Pena Varela, desprazáronse ata San Mamede para visitar a parcela e coñecer de primeira man o inicio dos traballos e o replanteo destas obras.
As obras foron adxudicadas á empresa Pavimentos Noia, Obras e Contratas S.L. por un importe de 162.745 euros con IVE. O proceso de licitación contou cun único licitador presentado.
Esta ampliación enmárcase no programa de creación e mellora de prazas de escola infantil promovido pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Política Social e Igualdade. A administración autonómica achega 68.038 euros para o proxecto, mentres que o Concello da Baña asumirá con recursos propios o importe restante ata cubrir a totalidade do investimento.
A ampliación suporá un importante avance para as familias da Baña, xa que permitirá dar resposta á demanda de prazas e mellorar as condicións do servizo.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4650
-
O servizo vai destinado ao alumnado do CPI San Vicente de 3 a 16 anos
-
Funcionará de luns a venres desde as 7.30 horas ata o inicio das clases

28 de agosto
Faise pública a listaxe definitiva de persoas admitidas no programa A Baña Madruga 25-26.
O prazo de inscricións do servizo permanecerá aberto durante todo o curso escolar por non superar o límite de persoas inscritas, pero é necesario presentar a inscrición con 3 días de antelación ao uso do servizo.
A resolución da alcadía coa listaxe de admisións pode consultarse en arquivo adxunto ou picando nesta ligazón.
20 de agosto
O Concello da Baña, a través da Concellería de Accción social, cultural e servizos á cidadanía, pon en marcha un ano máis o programa A Baña Madruga para o curso 2025-2026, un servizo pensado para apoiar a conciliación da vida laboral e familiar. Esta iniciativa garante que a rapazada estea atendida nun espazo seguro e acolledor antes do comezo das clases, ofrecéndolle tranquilidade ás familias e un tempo de lecer e coidado para os nenos e nenas.
O programa está dirixido ao alumnado de entre 3 e 16 anos matriculado no CPI San Vicente e desenvolverase de luns a venres, en horario de 07:30 horas ata o inicio da xornada escolar.
O prezo do servizo é de 40 euros ao mes, cunha tarifa de 4 euros por día para o uso en días soltos ou situacións de urxencia. Ademais, as familias numerosas terán unha bonificación dun 20%.
O prazo de inscrición permanecerá aberto do 21 ao 27 de agosto. As solicitudes poden presentarse de maneira presencial no Concello ou a través da sede electrónica. O servizo conta cun total de 15 prazas, que se irán cubrindo por orde de inscrición.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4582
-
Estimulación cognitiva e ximnasia de mantemento, dúas actividades para mellorar a saúde física e mental
-
O prazo de inscrición estará aberto ata o 22 de setembro no departamento de Servizos Sociais
O Concello da Baña vén de abrir o prazo de inscrición para participar no programa de Envellecemento Activo, unha iniciativa dirixida a persoas maiores de 60 anos coa que se pretende promover a saúde física e mental da veciñanza a través de actividades adaptadas ás súas necesidades.
A programación inclúe sesións semanais de estimulación cognitiva, cunha duración de hora e media, e tamén clases de ximnasia de mantemento, que se desenvolverán dúas veces por semana cunha hora de duración. Ademais, existe a posibilidade de organizar grupos por parroquias sempre que se reúna un número mínimo de participantes, co obxectivo de facilitar o acceso da veciñanza a este programa.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 22 de setembro no departamento de Servizos Sociais do Concello da Baña. As actividades comezarán no mes de outubro. Para máis información, está dispoñible o teléfono 981 88 65 01.
O formulario de inscrición pode descargarse nos arquivos adxuntos a esta nova ou premendo nesta ligazón.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 4708
-
A deputada de Servizos Sociais, Mar García, informou no acto que a subvención provincial financia o coste íntegro do vehículo
-
O representante do concesionario de Talleres Baleato en Santa Comba entregoulle as chaves á concelleira Mónica González

A concelleira de Acción social, cultural e servizos a cidadanía da Baña, Mónica González, recolleu as chaves dun novo vehículo para o persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que o Concello mercou grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
A Baña adquiriu este vehículo cunha achega da Deputación a través do programa de subvencións a concellos para a adquisición de vehículos para desprazamentos do persoal do SAF, que financiou o coste íntegro do novo Dacia Sandero.
O Concello comprou o coche na sede de Santa Comba de Talleres Baleato. O representante do concesionario, Daniel Rodríguez, foi quen lle entregou as chaves a Mónica González. Trátase dun Dacia Sandero híbrido con etiqueta eco, con motor que funciona a gas (GLP) e a gasolina, o que permitirá tamén aforrar en combustible.
A deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García, desprazouse ata A Baña para asistir á entrega do vehículo, sinalando que a subvención permitiulle ao Concello da Baña financiar o importe íntegro do coche. No acto tamén estiveron presentes o alcalde, José Antonio Pereira; o concelleiro de Obras, Jesús Pena, e a traballadora social, Laura Senra.
A Baña atende nestes intres a un cento de persoas no Servizo de Axuda no Fogar, que o concello presta cun sistema mixto. Unha parte da atención á veciñanza faina persoal da empresa Atendo e outra parte é realizada por persoal municipal.
