-
Isabel Risco protagoniza mañá o monólogo de humor ‘Bravas’ que pon en valor a traxectoria de mulleres galegas
-
O alumnado do CPI San Vicenzo lerá o manifesto institucional o martes 25 na praza do Concello

O Concello da Baña pon en marcha unha programación institucional con motivo do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero, coa finalidade de sensibilizar á veciñanza e reforzar unha convivencia baseada no respecto e a igualdade. As accións están coordinadas pola Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía.
O venres 21 de novembro, o Auditorio da Casa de Cultura acollerá o monólogo Bravas, interpretado por Isabel Risco, integrado no programa Venres de humor e na programación especial do 25N. A función comeza ás 20.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo. A obra destaca a traxectoria de mulleres galegas que abriron camiños con determinación, valentía e compromiso social.
O martes 25 de novembro terá lugar na praza do Concello a lectura dun manifesto institucional ás 12.00 horas, coa participación do alumnado do CPI San Vicenzo. Este acto institucional pretende visibilizar a implicación da mocidade e reforzar a educación en valores de respecto e igualdade.
O Concello da Baña reitera o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero e continuará promovendo iniciativas que garanten espazos seguros e fomenten a participación da cidadanía en actividades de sensibilización e prevención.