-
O CPI San Vicenzo acolleu a lectura do manifesto e unha acción simbólica en memoria das vítimas
-
A comunidade educativa, o Concello e a veciñanza comparten un acto marcado pola reflexión

O Concello da Baña celebrou esta mañá os actos con motivo do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, nun encontro que finalmente tivo lugar no patio de columnas do CPI San Vicenzo debido ás condicións meteorolóxicas. A convocatoria mantivo o horario das 12.00 horas e reuniu a representantes institucionais, membros da comunidade educativa e veciñanza.
O alumnado de oratoria da ESO do CPI San Vicenzo realizou a lectura do manifesto institucional, un texto que chamou á responsabilidade colectiva. No escrito lembrouse que a violencia contra as mulleres vulnera a liberdade e a seguridade e que require un compromiso firme da sociedade. Subliñou ademais que se trata dun problema estrutural que segue presente nos ámbitos sociais e laborais, ao tempo que chamou a manter o apoio ás vítimas e ás súas familias, a rexeitar o negacionismo e a garantir recursos accesibles para todas as mulleres. O manifesto destacou tamén a importancia do marco legal vixente e apelou á unidade cidadá para avanzar cara a unha igualdade real.
A intervención estivo acompañada pola música de Soraya e Ramón, que interpretaron varias pezas durante o acto.
O centro educativo desenvolveu tamén unha acción simbólica mediante a colocación de zapatos cos nomes de vítimas de violencia de xénero, unha forma de lembrar cada historia e manter viva a memoria das mulleres que perderon a vida por causa desta lacra.
A Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía promove estas actividades co propósito de acompañar á comunidade e avanzar na loita contra a violencia de xénero. O Concello da Baña continuará impulsando accións que favorezan espazos seguros e respectuosos para toda a poboación.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL 25 DE NOVEMBRO DE 2025, DÍA INTERNACIONAL PARA A ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES:
Hoxe estamos aquí para deixar claro que a violencia contra as mulleres non encaixa nunha sociedade xusta e democrática. Garantir a liberdade, a seguridade e a vida das mulleres é responsabilidade de todas e todos nós.
A violencia machista é un problema que lle afecta a todas as institucións e, por iso, temos que loitar contra elas con todo o que está ao noso alcance. Por isto, este 25 de novembro non abonda con repetir os lemas de sempre; é o momento de comprometerse de verdade.
Reivindicamos o noso rexeitamento total á violencia machista e lembramos as mulleres que xa non están por este motivo, e farémolo aquí, diante do Concello, pero tamén o levaremos ao noso día a día: nas rúas, nas prazas, no instituto, nos centros de traballo de cada un e cada unha de nós... Esta condena está presente en todas as partes.
A cidadanía debe ser consciente da urxencia de erradicar este tipo de violencia que, polo feito de ser mulleres, continúa a ser estrutural na nosa sociedade. Reafirmamos o noso compromiso firme e irrenunciable para poñerlle fin dunha vez.
Hoxe lembrámonos do Convenio de Istambul, que recorda que a violencia contra as mulleres non é algo puntual, senón un problema estrutural baseado no xénero, que mantén ás mulleres nunha situación de desvantaxe fronte os homes.
Ademais, este ano estanse cumprindo 30 anos da Conferencia Mundial sobre a Muller de Pequín (1995), un momento clave na loita pola igualdade. Alí, 30.000 persoas e representantes de 189 gobernos afirmaron que a violencia de xénero nace de costumes e ideas culturais que colocan ás mulleres nun nivel inferior e erradicar estas ideas é esencial para a igualdade e para acadar unha sociedade máis xusta e en paz.
En 2025, 32 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas, dúas delas en Galicia. Tamén tres menores perderon a vida en situacións de violencia de xénero, sumando xa 65 desde 2003. Ademais, en Galicia as denuncias por violencia de xénero incrementaron nun 5 % respecto do ano pasado.
Por todo isto, hoxe e cada día do ano, a veciñanza da Baña quere deixar claro o seguinte:
- Condenamos de forma absoluta todas as formas de violencia contra as mulleres. Condenamos a cada agresor e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só lles fere a memoria das vítimas, senón que tamén desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela. Negar ou relativizar a violencia machista é contribuír á súa persistencia e, fronte a isto, a sociedade debe manterse firme, unida e comprometida.
- Sabemos que a desigualdade segue aí. Os estereotipos e os roles de xénero continúan presentes na economía, na cultura, na política, no deporte... En todo. E detrás de todo iso segue habendo un sistema que mantén a desigualdade e permite que exista este tipo de violencia, atacando o corazón da liberdade.
- Debemos erguer a voz por aquelas mulleres que atopan máis barreiras para acceder á información e á protección: mulleres con discapacidade, maiores, migrantes ou que non dominan as nosas linguas. Seguiremos traballando para garantir os seus dereitos cos servizos e recursos adecuados, en condicións de plena igualdade.
- A sociedade galega debe apoiar as vítimas e as súas familias e deixar claro que non se vai permitir a normalización da violencia de xénero, nin que se vulnere o dereito á igualdade. A violencia machista é unha grave violación dos dereitos humanos que nos empobrece como sociedade.
- Contamos cun amplo marco legal, xudicial e de protección para as vítimas, como o Pacto de estado contra a violencia de xénero, a Lei Orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero ou a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
- Finalmente, queremos chamar ao compromiso da cidadanía galega na loita contra a violencia machista e animala a actuar con unidade e a rexeitar con firmeza os comportamentos violentos. Ás mulleres, pola súa parte, queremos tenderlles a man: hai saída, non estades soas. Nin hoxe, nin nunca.