10 de xuño de 2025
Faise pública a relación provisional de menores admitidos e excluídos do campamento municipal de conciliación no verán. Ábrese agora un período de dous días hábiles para presentar reclamacións. O venres 13 de xuño procederase a realizar un sorteo para a adxudicación das prazas restantes. Farase ás 9 da mañá no Salón de Plenos do Concello.
A listaxe pode consultarse en arquivo adxunto ou picando nesta ligazón.
27 de maio de 2025
-
Desenvolverase dende o 23 de xuño ata o 5 de setembro en Agra de Chans
-
As familias poden anotarse ata o 6 de xuño
-
Ofértanse 70 prazas en seis quendas cun horario de 08.00 a 15.00 horas de luns a venres laborais
O Concello da Baña pon en marcha a súa programación de conciliación estival coa apertura mañá mércores 28 de maio, do prazo de inscrición no Campamento de Verán 2025. Destinado a menores escolarizados de 3 a 14 anos, o servizo estenderase do 23 de xuño ao 5 de setembro, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 h, e estruturarase en seis quendas para facilitar a participación das familias.
Nesta edición, ofrécense 70 prazas, con tarifas que van desde 40 € por quincena para o primeiro fillo empadroado – ata 60 € para non empadroados – e descontos progresivos para irmáns e unidades con ingresos inferiores ao dobre do IPREM. A prioridade na adxudicación recae nas unidades familiares empadroadas con necesidades de conciliación acreditada, seguidas polos menores empadroados e, finalmente, polos non empadroados.
O servizo prestarase na área recreativa municipal de Chans, na Baña. En caso de condicións climatolóxicas adversas, as actividades trasladaranse a algunha das instalacións municipais en San Vicenzo. A primeira quenda será do 23 ao 30 de xuño; a segunda do 1 ao 15 de xullo, a terceira será do 16 ao 31 de xullo, a cuarta será do 1 ao 15 de agosto, a quinta do 18 ao 29 de agosto, e a sexta do 1 ao 5 de setembro.
Inscricións
As solicitudes deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. Ademais de cubrir a folla de inscrición, as persoas solicitantes deberán aportar unha fotocopia do DNI do/a menor, a fotocopia do documento de identidade da persoa titular da conta; documentación que indique a ocupación dos pais/nais, titores/titoras e, de ser o caso, o informe médico que acredite calquera tipo de tratamento especial.
Unha vez cumprimentada a ficha de inscrición, esta debe presentarse, xunto co resto da documentación, ben no rexistro do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 horas, ou ben por sede electrónica ata o 6 de xuño.
En caso de superar a demanda as prazas, procederase a un sorteo público e á confección dunha listaxe de agarda.
Prezos do servizo
O prezo do Campamento de Verán 2025 para as persoas censadas na Baña é de 40 euros por cada quincena no caso de que só participe un menor da unidade familiar; 32 € polo segundo irmán ou irmá e 20 € polo terceiro. Só será posible a matriculación e pago por semana nos períodos do 23 ao 30 de xuño e do 1 ao 5 de setembro. Nestas dous casos, o prezo será o equivalente a media quincena.
Para as persoas non censadas, as contías a abonar serán de 60, 45 e 30 euros ao mes. Naqueles casos nos que a unidade familiar, empadroada na Baña, non conte cuns ingresos iguais ou superiores a dúas veces o IPREM (600 €/mes), e tras a emisión do informe pertinente, a contía a pagar será 20 € se só participa un menor, 16 € polo segundo e 10 € polo terceiro, respectivamente (a metade se acode unha semana).
Publicada a lista provisional de admitidos/as nas oficinas municipais do Concello e na web municipal (www.concellodabana.gal), concederase un prazo de dous días hábiles para presentar reclamacións. Unha vez resoltas as reclamacións, publicaranse as listas definitivas.
Co Campamento de Verán 2025, o Concello da Baña quere reforzar o seu compromiso coa conciliación familiar e co desenvolvemento integral da rapazada, ofrecendo un programa de lecer que combina diversión, aprendizaxe e convivencia nun contorno seguro e adaptado ás súas necesidades.
Deste xeito, búscase non só achegar ocupacións enriquecedoras para o verán, senón tamén facilitar a vida diaria das familias, garantindo ás nenas e nenos unha experiencia formativa e divertida mentres as súas persoas responsables poden compatibilizar mellor o seu traballo e a súa vida persoal.
As persoas interesadas poden consultar a bases nos arquivos adxuntos, así como descargar a ficha de inscrición e os formularios.