• Publicaranse en redes vídeos con exercicios adaptados a diferentes características

  • O Concello anima a veciñanza a interactuar, formulando consultas ou compartindo adestramentos

20200323 Deporte Na Casa

 

O Concello da Baña, a través do Departamento de Deportes, pon a disposición da veciñanza unha serie de vídeos para promover a actividade física. Con esta iniciativa, o consistorio busca poñer en valor a importancia da actividade física para pasar estes días de confinamento na casa.

Durante estes días publicaranse no Facebook do Concello vídeos ou enlaces a tutoriais ou noticias do ámbito deportivo. A intención do Departamento de Deportes é adaptar estas tarefas ás características da veciñanza: idade, relación previa coa actividade física, doenzas... As publicacións iniciáronse hoxe, luns, cun vídeo para realizar na casa exercicios de mobilidade articular, traballo cardiovascular, traballo de forza e estiramentos.

Por outra banda, o Concello insta os veciños e veciñas da Baña a compartir os seus adestramentos e exercicios e a interactuar cos vídeos que se vaian publicando. Así, abre dúas vías para formular as dúbidas ou consultas: a través do propio Facebook do Concello ou vía telefónica, no número 669 368 413, ben sexa cunha chamada ou ben mediante o WhatsApp.

Vídeo: Actividade física durante o estado de alarma (I)

O Concello da Baña, en colaboración coa Deputación da Coruña, reparte 50 entradas para asistir en directo ao partido entre o Monbus Obradoiro e o UCAM Murcia CB, que se disputa este domingo 1 de marzo ás 12.30 h. 
Para conseguir unha entrada só hai que chamar ao teléfono 669 368 413 ou ao 981 886 501. As entradas serán para as 50 primeiras persoas que se anoten, por rigorosa orde de inscrición. 
Esta oferta inclúe tamén o desprazamento ao Multiusos Fontes do Sar, en Santiago. O autobús sairá da Praza do Concello da Baña o domingo 1 de marzo, ás 11.00 horas.

O Concello da Baña organiza unha xornada formativa de portas abertas para dar a coñecer o xogo do xadrez entre o público adulto. Así, o vindeiro luns 27 de xaneiro a partir das catro da tarde, o profesor de xadrez Alberto Dios recibirá no local social da Baña a todas aquelas persoas que queiran descubrir esta actividade, co obxectivo de pulsar o interese entre a veciñanza de cara a ofrecer o xadrez como actividade da programación municipal para adultos.

Alberto Dios Queiruga é un xogador de xadrez que milita na primeira división deste deporte. Ademais de ter organizado torneos de xadrez na Baña, na actualidade imparte clases extraescolares desta disciplina no CPI San Vicente, como resultado da colaboración entre o centro escolar e o goberno local.

20200216 Feira cans caza 02

A Feira de Cans de Caza da Baña, que se volveu celebrar conxuntamente coa Festa da Filloa da Pedra, xuntou hoxe máis de 150 exemplares procedentes de sete concellos da contorna, a pesar do forte vento e choiva que durante toda a mañá estivo presente na capital municipal.

Organizada polo Concello da Baña en colaboración coa Asociación Deportiva de Cazadores San Can e a Federación Galega de Caza, os amantes deste deporte puideron intercambiar opinións sobre os exemplares presentes na feira. Ademais, foron moitos os que se animaron a probar o simulador de tiro da federación.

Ao remate da feira, procedeuse á entrega de premios aos mellores exemplares de caza maior, caza menor, pluma, mellor manda de cans e mellor camada de cachorros, así como un premio especial ao mellor can da feira.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).

20200216 Feira cans caza 01

  • Alba e Carla, veciñas de Corneira, foron as mellores das súas categorías en atletismo e ciclismo o ano pasado. 

  • Nicolás, karateca de Ordoeste, ademais do mellor galego infantil quedou segundo no ránking nacional. 

  • O Concello entregoulle un diploma e unha medalla conmemorativa como recoñecemento polos seus resultados e polo seu traballo e esforzo durante o ano pasado. 

 

20200111 ALI1902 2

O Concello da Baña rendeulles hoxe homenaxe aos tres mellores deportistas do municipio que o ano pasado quedaron campións galegos nas súas respectivas categorías e disciplinas: Alba Pérez, Carla Montoiro e Nicolás Carnota. O alcalde e a concelleira de Deportes entregáronlles un diploma e unha medalla conmemorativa como recoñecemento do seu traballo, esforzo e sacrificio que lles permitiu conseguir éxitos destacados. Un traballo e un sacrificio que tamén resaltaron os seus respectivos adestradores.

20200111 Alba Perez 2

Alba Pérez, membro da selección galega de marcha, proclamouse campioa galega sub-18 en 5000 marcha na tempada 2018/2019 e tamén subcampioa galega Sub-16. Pero ese non foi o seu único logro, xa que conseguiu un 3º posto no XXXVI Campionato de Galicia de Clubes sub-20 e no XXX Campionato de Galicia de Marcha en Ruta. Ademais, esta moza veciña de Corneira que milita no Club Atletismo Negreira, foi sexta no IX Campionato de España de Marcha de Inverno de Promoción, e participou o no pasado con moi bo resultado no Campionato de España de Marcha en Ruta. 

O seu adestrador, José Manuel García Estévez, subliñou a “capacidade de sacrificio de Alba, tanto no deporte coma nos estudios”, o que lle permite conseguir bos resultados tanto na pista como no colexio. “Hoxe estaba adestrando a primeira hora antes de vir recoller o premio”, dixo o técnico do Club Atletismo Negreira, que animou aos tres galardoados “a seguir marcándose obxectivos ambiciosos e a seguir traballando para conseguir máis éxitos”.

20200111 Carla Montoiro 2

A súa veciña de Corneira Carla Montoiro é unha promesa do ciclismo galego, segundo destacou o seu adestrador do Club Ciclista Negreira, Amable Suárez Dopico, destacando desta nova deportista o seu “espírito de sacrificio e a capacidade de gozar con este deporte”. Ademais de gañar o Campionato Galego de Contrarreloxo Individual, Carla conseguiu tamén o primeiro posto no Campionato Galego da Regularidade (con 13 vitorias e 5 segundos postos). No seu palmarés o ano pasado figura tamén un segundo posto no Open Galicia e no Campionato Galego de Fondo en Estrada, ademais de ser novena no Campionato de España de Contrarreloj Individual. “Con sacrificio e traballo saen os resultados”, dixo o seu adestrador.

20200111 Nicolas Carnota 2

Nicolás Carnota naceu en Ordoeste, e segundo os seus compañeiros da Escuela de Kárate Akai Kyu de Negreira, está chamado a ser moi pronto campión de España, “se consegue dominar as súas emocións sobre o tatami”, somo sinalou a súa adestradora Ainoa Rodríguez. Nicolás “é un exemplo para os seus compañeiros e compañeiras, sempre con ganar de mellorar e superarse”, engadiu Ainoa Rodríguez.

Coa súa corta idade, Nicolás Carnota xa se proclamou Campión Galego de Kumite Infantil masculino en máis de 45 Kg e conseguiu o primeiro posto na fase final da Liga Nacional Infantil, éxitos que lle serviron para ser recoñecido pola Federación Galega de Karate como mellor deportista no ano 2019. Ademais, durante o pasado quedou segundo no ránking nacional e terceiro na liga nacional de Karate. Un motivo de orgullo para todos os nenos e nenas que acoden a escola negreiresa, que gravaron un vídeo para felicitalo e destacar as súas cualidades.

O acto de recoñecemento celebrouse esta mañá na casa da cultura da Baña, coa asistencia de familiares, amigos e representantes dos tres grupos políticos da Corporación.

Album de fotos no Facebook do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí).