- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1549
O próximo 30 de xuño organízase unha cita deportiva accesible para todas as persoas, a ‘Andaina da Baña’. A ruta, que percorrerá o concello, ten unha distancia total de 13 kilómetros, aínda que se define como un treito sinxelo. A saída terá lugar ás 10:00 horas dende a área recreativa de Chans e, como se trata dun traxecto circular, tamén será alí onde se remate.
A actividade, organizada polo equipo de trail da Baña, é totalmente de balde, aínda así, para inscribirse tense que chamar obrigatoriamente ao número 650 128 586.
Animámosvos a participar nesta andaina popular, non só polos beneficios que ten a práctica deportiva nas persoas, senón tamén porque é unha boa forma de achegarse aos distintos paraxes naturais que ten o concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 952
Un grande ambiente reinou esta tarde no polideportivo de San Vicenzo nas exhibición de clausura das escolas deportivas municipais da Baña. Amigos e familiares animaban e aplaudían desde as bancadas do polideportivo, mentres os nenos e nenas practicaban e demostraban todo o que melloraron durante o presente curso escolar nas actividades promovidas polo Concello da Baña.
As escolas deportivas da Baña contaron este ano cunha trintena de nenos e nenas de 4 a 12 anos, que estiveron aprendendo, mellorando e perfeccionando os seus coñecementos en patinaxe, baile moderno, fútbol sala, baloncesto e tenis de mesa. Durante a clausura desta tarde, as nenas de patinaxe fixeron unha exhibición das súas habilidades antes de que se disputase un partido de baloncesto e, despois, dous de fútbol sala, mentres os seus compañeiros xogaban ao tenis de mesa. Precisamente, nesta disciplina, nenos e maiores puideron probar como se xoga ao ping pong.
Diferentes coreografías de baile moderno puxeron fin a exhibición, antes de que a cativada puidese gozar cos inchables que se montaron no polideportivo de San Vicenzo. Algúns xa están agardando a que pase o verán para poder seguir practicando o seu deporte favorito.
Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello da Baña (neste enlace).
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1482
O Concello da Baña e o Club Ciclista de Negreira abren o prazo de inscrición para a terceira edición da Ruta BTT Filloa da Pedra. A celebración da proba será o domingo 17 de marzo. O éxito das últimas edicións, ás que acudiron máis de 70 ciclistas de toda Galicia, fai augurar unha divertida xornada de deporte nas fermosas paisaxes da comarca da Barcala.
Os participantes sairán da Praza do Concello da Baña ás dez da mañá para facer un dos dous percorridos propostos pola organización. O primeiro consta duns 32 quilómetros, mentres que o máis longo chega aos 42, pasando por pistas forestais que presentan unha dificultade técnica media. Poden participar ciclistas maiores de 15 anos, estean federados ou non; neste último caso tramitarase coa Federación Galega de Ciclismo unha licenza dun día para cubrir o seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Ao longo da xornada, os ciclistas atoparán puntos de avituallamento no quilómetro 20 (sólido e líquido) e no 30 (unicamente líquido). A chegada será no mesmo punto da saída.
O prazo de inscrición remata o xoves 14 de marzo. Para participar hai que cubrir o formulario habilitado ao efecto na páxina web municipal (www.concellodabana.gal) e aboar unha cota de 5€ (máis 10€ para a licenza temporal para os non federados) na conta bancaria indicada no regulamento, que está publicado tamén na web.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 968
A Concellaría de Xuventude e Deportes do Concello da Baña ten programadas diferentes exhibicións para clausurar as escolas deportivas municipais. As actividades desenvolveranse o venres, 31 de maio, a partir das 17.30 horas no polideportivo municipal da Baña.
A partir desa hora, os nenos e nenas poderán gozar cos inchables e demostrar as súas habilidades nun circuito de patinaxe, tenis de mesa, fútbol sala, baloncesto, aero-zumba-step ou baile moderno.
Durante a tarde, monitores e responsables da concellaría facilitarán información ás familias sobre as actividades programadas para as escolas deportivas do vindeiro curso escolar 2019-2020.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1028
A Deputación Provincial da Coruña pon en marcha a Campaña de Inverno 2019 para que nenos e nenas de 11 a 15 anos da provincia goces de catro días na neve, concretamente na estación invernal de Cabeza de Manzaneda. No caso dos menores do concello da Baña, o prazo asignado é do 25 ao 28 de xaneiro.
Os interesados en participar deberán anotarse antes do 10 de xaneiro cubrindo o formulario de inscrición que se atopa ao final desta nova, que deberá ir asinado pola nai, pai ou titor, acompañado dunha foto carné, e fotocopia da tarxeta sanitaria e DNI ou libro de familia. A cota para participar é de 85 euros. Poden participar todas as persoas que teñan cumpridos entre 11 e 15 anos, ambos inclusive, o 31 de decembro de 2018.
A inscrición permite gozar de 4 días na estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense), entrando o venres pola mañá e regresando á casa o luns despois de comer. A cota de inscrición inclúe transporte, estadía e manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.
Dende a Deputación da Coruña recomendan aos participantes levan guantes, gorro, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, equipamento deportivo, chuvasqueiro e roupa interior e de aseo axeitada. O listado completo pódese consultar no boletín de inscrición.