- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1646
O Concello da Baña e o Club Ciclista de Negreira abren o prazo de inscrición para a terceira edición da Ruta BTT Filloa da Pedra. A celebración da proba será o domingo 17 de marzo. O éxito das últimas edicións, ás que acudiron máis de 70 ciclistas de toda Galicia, fai augurar unha divertida xornada de deporte nas fermosas paisaxes da comarca da Barcala.
Os participantes sairán da Praza do Concello da Baña ás dez da mañá para facer un dos dous percorridos propostos pola organización. O primeiro consta duns 32 quilómetros, mentres que o máis longo chega aos 42, pasando por pistas forestais que presentan unha dificultade técnica media. Poden participar ciclistas maiores de 15 anos, estean federados ou non; neste último caso tramitarase coa Federación Galega de Ciclismo unha licenza dun día para cubrir o seguro de accidentes e responsabilidade civil.
Ao longo da xornada, os ciclistas atoparán puntos de avituallamento no quilómetro 20 (sólido e líquido) e no 30 (unicamente líquido). A chegada será no mesmo punto da saída.
O prazo de inscrición remata o xoves 14 de marzo. Para participar hai que cubrir o formulario habilitado ao efecto na páxina web municipal (www.concellodabana.gal) e aboar unha cota de 5€ (máis 10€ para a licenza temporal para os non federados) na conta bancaria indicada no regulamento, que está publicado tamén na web.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1175
A Deputación Provincial da Coruña pon en marcha a Campaña de Inverno 2019 para que nenos e nenas de 11 a 15 anos da provincia goces de catro días na neve, concretamente na estación invernal de Cabeza de Manzaneda. No caso dos menores do concello da Baña, o prazo asignado é do 25 ao 28 de xaneiro.
Os interesados en participar deberán anotarse antes do 10 de xaneiro cubrindo o formulario de inscrición que se atopa ao final desta nova, que deberá ir asinado pola nai, pai ou titor, acompañado dunha foto carné, e fotocopia da tarxeta sanitaria e DNI ou libro de familia. A cota para participar é de 85 euros. Poden participar todas as persoas que teñan cumpridos entre 11 e 15 anos, ambos inclusive, o 31 de decembro de 2018.
A inscrición permite gozar de 4 días na estación invernal de Cabeza de Manzaneda (Ourense), entrando o venres pola mañá e regresando á casa o luns despois de comer. A cota de inscrición inclúe transporte, estadía e manutención, monitores, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto que ocasionen as actividades e cursos programados.
Dende a Deputación da Coruña recomendan aos participantes levan guantes, gorro, gafas de esquí e de sol, anorak térmico, pantalón impermeable ou similar, equipamento deportivo, chuvasqueiro e roupa interior e de aseo axeitada. O listado completo pódese consultar no boletín de inscrición.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 2054
O vindeiro luns, 15 de outubro, darán comezo as actividades das Escolas Deportivas Municipais, que este curso 2018-2019 ofrecen oito modalidades diferentes: patinaxe, tenis de mesa, bádminton-tenis-pádel, fútbol sala, baloncesto, baile moderno, pilates e aero-step-zumba.
As persoas interesadas deberán anotarse no Concello da Baña o antes posible. As tarifas estipuladas son para a tempada completa, aínda que o pago farase de xeito fraccionado en tres prazos: o primeiro este mes de outubro, o segundo en xaneiro e o último, en abril.
A tarifa individual é de 60 euros anuais para unha soa actividade e de 90 euros para dúas ou máis disciplinas.
Hai tamén abonos familiares, que custarán 99 euros anuais para dous membros da mesma familia cunha soa actividade cada un; e de 132 euros cando un dos membros acuda a dúas ou máis das actividades ofertadas.
No caso de que participen nas escolas deportivas tres ou máis membros da mesma familia, os prezos serán de 120 euros (unha actividade cada un) e de 150 euros cando un deses membros se anote a dúas ou máis actividades.
Os horarios pódense consultar nos documentos adxuntos, nos que tamén se poden descargar tanto a ficha de inscrición e datos médicos, como o documento para a domiciliación bancaria da cota. Estes documentos en formato PDF pódense cubrir directamente dende o ordenador ou imprimilos para facelo a man.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 2259
Máis de 800 deportistas en idade escolar participaron esta mañá na fase zonal do campionato escolar de cros, que se celebrou na Baña. Mozos e mozas de once colexios da contorna competiron no circuíto habilitado xunto ao CEIP San Vicente para se clasificaren para a fase intercomarcal, que se celebrará en Porto do Son o día 25 de xaneiro.
Nunha mañá na que a choiva deu tregua, as xoves promesas do atletismo campo a través competiron nunha proba organizada pola concellería de Xuventude e Deporte da Baña, en colaboración coa Xunta de Galicia e a Federación Galega de Atletismo, a través da Agrupación Deportiva Escolar Escolarix. Dos preto de 800 corredores, 64 conseguiron a clasificación directa para o intercomarcal, cinco deles da Baña.
Foi moi meritoria a participación de atletas locais. Noelia Carnota Fernández e Rosalía Rodríguez Caven subiron aos podios cadete e alevín respectivamente. A elas súmanse Enma Pazos Gómez (benxamín), Hugo Vázquez Peillet (alevín) e Adrián Balboa Tomé (cadete), para representar á Baña no intercomarcal despois de se teren clasificado entre os oito primeiros postos, os que daban acceso á seguinte fase do campionato.
Os centros educativos que participaron na proba son o CPI de San Vicente (A Baña); CPI de Zas; CPI A Picota, CEIP Pino de Val e CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos); Xuventude Dubresa, CEIP Xacinto Amigo e CPI de Bembibre (Val do Dubra); IES Ames e CEIP Barouta (Ames) e o CEIP O Coto (Negreira).
Podes ver as imaxes da xornada neste album de fotos no Facebook Concello da Baña e neste vídeo.
As gañadoras e gañadores das distintas categorías foron os seguintes:
Benxamín feminino:
- Claudia Bar Mallo (CEIP Xacinto Amigo)
- Alba Noya Fernández (CEIP O Coto)
- Daniela Barbazán García (CEIP O Coto)
Benxamín masculino:
- Rodrigo Ordóñez Espasandín (CPI de Bembibre)
- Aitor Aran Martínez (CPI A Picota)
- Yago Vieito López (CEIP O Coto)
Alevín feminino:
- Alba Forján Costa (CEIP O Coto)
- Ada Gramage Riveiro (CPI de Zas)
- Rosalía Rodríguez Caven (CPI A Baña)
Alevín masculino:
- Rubén Rama Seoane (CEIP Barouta)
- Mauro Torreira González (CEIP O Coto)
- Bilal Kouaou (CEIP O Coto)
Infantil feminino:
- María Fernández Martínez (IES Ames)
- Sara Fernández Romar (CPI A Picota)
- Irene Rodiles Lago (IES Ames)
Infantil masculino:
- Daniel Forján Costa (CEIP O Coto)
- Nicolás Pais Mosquera (IES Ames)
- Enrique Zarra Sabarís (IES Ames)
Cadete feminino:
- Rosana Fernández Martínez (IES Ames)
- Noelia Carnota Fernández (CPI A Baña)
- Uxía Fernández Blanco (IES Ames)
Cadete masculino:
- Antón Aranda Fernández (IES Ames)
- Pablo Míguez Rodríguez (CPI de Bembibre)
- Álvaro Suárez Castiñeira (CPI de Zas)
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1406
Víctor Cousillas Diéguez, do A.D. Jarnachas, foi o gañador do CMP Trail da Baña, ao percorrer os 27 km da proba longa en pouco máis de dúas horas (2:10:23). O segundo e terceiro posto foi para Hamza Belhadj (2:12:27) e Roberto Tuñas González (2:12:47). Os favoritos en categoría masculina entraron a continuación: Luis Calvo Castro (2:14:20), Pedro Nimo (2:18:17) e Alberto Carou (2:21:52).
En categoría feminina a gañadora foi María Fabeiro Romero, do CDM Vértice, cun tempo de 3:00:24), seguida de María Marque Martínez, do Tartarugas, con 3:07:11 e Sonia Botana González, do clube Nosportlimit, cun tempo de 3:08:10.
Polo que respecta ao minitrail, no que os participantes percorreron 17 km, o gañador en categoría masculina foi Moisés Bereijo Nebril, cun tempo de1:28:32, seguido de Adrián Iglesias Penido (1:29:46) e Manuel Ces Cristobo (1:30:05). Na categoría feminina, a primeira na liña de meta foi Vanesa Mella Barbeito (1:56:27), seguida de Noelia Amado Fernández (2:02:52) e Andrea Martínez (2:03:59).
A celebración desta proba, o terceiro trail que organiza o Concello da Baña, congregou a trescentos participantes no campo de Cartas e a centros de afeccionados que durante toda a mañá seguiron en directo todos os detalles da proba.
Moitos dos participantes loubaron ao chegar a meta a organización do CMP Trail da Baña, así como o percorrido e os paisaxes que puideron admirar durante o percorrido. Algunhas das participantes, e tamén algún que outro corredor, sinalaba, ademais, a dureza e a distancia do percorrido, sobre todo facendo mención aos 17 quilómetros do minitrail.
Nada máis cruzar a meta, os e as atletas puideron repoñer forzas a base de froitas, auga, refrescos e tamén bocadillos de xamón asado que a organización puxo a súa disposición, mentres os máis cativos xogan nos inchables instalados no campo. Os atletas máis perxudicados fisicamente acudiron a recibir unha masaxe dos profesionais de Fisiovita Centro de Fisioterapia que montou unha carpa na liña de meta para axudar a todas as persoas participantes no CMP Trail da Baña.
E despois dunha intensa mañá, na que acompañou o bo tempo, tocou o turno da entrega de trofeos. O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso; o concelleiro de deportes, Manuel Tourís Fernández; o representante de CMP, Marcos Sánchez; e Manuel Baleato, de Talleres Baleato, entregábanlles a cada un dos gañadores de cada categoría os trofeos que lles pasaba Orlando Pérez Alvite, de Deportes Alvite.
O Concello quixo entregar tamén un agasallo aos principais patrocinadores da proba. Marcos Sánchez, Manuel Baleato e Orlando Pérez recibiron como recordo unha réplica da casa do concello.
Agora, dende a Concellaría de Deportes están xa a pensar na seguinte edición do CMP Trail da Baña e como mellorar tanto o percorrido como a organización.
Albumes de fotos no Facebook do Concello da Baña.
Fotos dos gañadores e entrega de premios (preme aquí)
Fotos da carreira e ambiente no campo de Cartas (preme aquí)