Unha trintena de persoas clausuran na Baña a iniciativa ‘Verán no Tambre’ coa ruta pola beira do río
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1122
Na área recreativa de Fiopáns, ao carón do río Portalaxe, Francisco González, o técnico de turismo dos concellos da Baña, Negreira e Val do Dubra, explicáballe á trintena de persoas que o sábado madrugaron para facer deporte, o que se ían atopar na ruta de sendeirismo coa que remataba a iniciativa ‘Verán no Tambre’, e que permitíu durante tres sábados coñecer algúns dos segredos que agocha este río nos tres concellos. Para o mes de setembro haberá algunha ruta máis pola zona, anunciaba Francisco González, que está a desenvolver o seu traballo grazas a unha subvención da Deputación da Coruña.
O percorrido comezou atravesando A Pontella, unha vella ponte de pedra sobre o río Portalaxe “que ten máis de cen anos de antigüidade”, explicou González, que anunciou que carballos e ameneiros serían as principais especies que se verían no percorrido. Entre a fauna da zona, a troita é a máis abundante, aínda que o sábado non se deixou ver ningunha. Durante a ruta, que ten pouco máis de cinco quilómetros río arriba dende Fiopáns, os e as camiñantes cruzáronse con algúns pescadores no Tambre, que polo que comentaron, tiveron pouca sorte.
Un dos atractivos da ruta é o carballo de Cancello, “que ten 6 metros de diámetro e está considerado un dos máis grandes de Galicia”, explicou Francisco González aos asistentes. Na camiñada, os participantes puideron comprobar os danos do último temporal na zona, que tirou algúns árbores sobre a ruta.
Tras pasar fronte a área recreativa de Ponte Maceira, os camiñantes chegaron á ponte de Portochán, que une A Baña co concello de Ames. “Río arriba poderíamos chegar ata Portomouro, pero este tramo está sen sinalizar”, explicaba o técnico de turismo, polo que os participantes na ruta volveron percorrer o mesmo treito ata Fiopáns, onde o Concello da Baña acondicionou unha área recreativa grazas a que os veciños lles venderon os terreos. “Os intentos para facer unha praia fluvial na zona non tiveron éxito, ao non conseguir os permisos necesarios”, explicou González.
Entre os participantes nesta terceira ruta de ‘Verán no Tambre’ atopábanse o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o ex rexedor de Val do Dubra, Antonio Negreira. Precisamente, ao rematar o percorrido, Antonio Negreira agradeceu publicamente o traballo desenvolvido por Francisco González “deseñando tres rutas que nos permiten coñecer un pouco máis a nosa zona”, sinalou Negreira. Un agradecemento que corroboraron os presentes cun aplauso.
Tres rutas formaron parte da iniciativa ‘Verán no Tambre’ na que participaron un total de 150 persoas e que comezou o 3 de agosto coa ruta dos 3 pazos, un percorrido de 15 quilómetros por Negreira que continuou a semana seguinte coa ruta do Remuíño, en Val do Dubra, con saída no colexio de Portomouro.
Para o outono, e antes de que remate a súa estadía nos tres concellos, Francisco González anunciou outra ruta para seguir coñecendo os segredos da comarca.
As fotos da xornada están na páxina de Facebook do Concello da Baña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1001
Mañá, sábado, o Concello da Baña participa no programa ‘Verán no Tambre’, a través do cal se organizan rutas de sendeirismo para percorrer os tesouros do corazón do río Tambre. Tras as xornadas organizadas este mes en Negreira e Val do Dubra, a ruta que mañá percorrerá A Baña consta de 11 quilíometros pola Ribeira do Tambre, e comeza ás 9 da mañá na Área Recreativa de Fiopáns.
Os interesados poden inscribirse na caseta de turismo de Negreira (650 796 956) ou na casa do concello bañense (981 886 777).
A continuación atópase a folla de inscrición.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1298
O campamento lúdico deportivo, que se celebrou durante o mes de xullo, remata cunhas xornadas de troula para a cativada. O martes día 30 os nenos e nenas poderán gozar cunha festa de escuma e inchables na área recreativa de Chans. A diversión aínda non remata aí, pois ao día seguinte, o mércores 31, o músico da Fonsagrada, Xoán Curiel, actuará para poñer o mellor punto e final posible a esta edición do campamento-deportivo.
Xoan Curiel é un cantante e compositor recoñecido internacionalmente e con moitos premios as súas costas pola orixinalidade dos seus temas. Nesta ocasión, o repertorio estará destinado á cativada, pois tamén a música infantil é unha das súas especialidades. Porén, Xoan Curiel garante un fabuloso espectáculo para os máis pequenos e pequenas.
Estas dúas xornadas pechan o campamento lúdico-deportivo, organizado polo Concello da Baña e que reuniu a 60 nenas e nenos maiores de 4 anos durante todo o mes de xullo. As actividades continúan agora co campamento urbano, destinado á cativada maior de 3 anos e que se celebrará no mes de agosto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 1435
O vindeiro 17 de agosto o Concello da Baña participa no programa "Verán no Tambre", a través do cal se organizan rutas de sendeirismo para percorrer os tesouros do corazón do río Tambre. A ruta que percorre A Baña consta de 11 quilíometros pola Ribeira do Tambre, e comeza ás 9 da mañá na Área Recreativa de Fiopáns. A inscrición farase na caseta de turismo de Negreira (650 796 956) ou na casa do Concello bañense (981 886 777).
A continuación atópase a folla de inscrición.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Deportes
- Visitas: 2239
O éxito do campamento lúdico-deportivo que organiza no mes de xullo o Concello da Baña para nenos e nenas maiores de 4 anos fixo que se esgotaran as prazas dispoñibles (60) xa nos primeiros días de inscrición.
Nestes intres só permanece aberta a inscrición para aquelas familias que queiran anotar aos seus fillos e fillas no campamento urbano, que se desenvolverá no mes de agosto, destinado a nenos e nenas maiores de 3 anos.
En xullo desenvolverase o campamento lúdico-deportivo para a rapazada a partir dos 4 anos, mentres que en agosto levarase a cabo o campamento urbano para maiores de 3 anos. Tanto un como o outro terán como escenario de xogos a área recreativa de Chans. Tamén na auga ofrécense actividades, pois os cursos de natación da piscina municipal ocupan todo o mes de xullo. Para desenvolver estas actividades, o Concello da Baña conta coa colaboración da Deputación da Coruña e da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.
As prazas en ambos campamentos son limitadas e terán preferencia na selección as empadroadas na Baña ou as familias que teñan necesidade de conciliación por residencia, estudos ou traballo no concello. En canto ao prezo, as empadroadas pagarán 30 euros por persoa e 20 máis por cada irmá ou irmán inscrito. No caso dos non empadroados na Baña, o prezo é de 50 euros. Nos dous campamentos as actividades desenvolveranse de 08.30 a 14.30 horas de luns a venres.
A cota de inscrición deberá aboarse nas contas bancarias do concello (Abanca ES92 2080 0326 1731 1000 0035 ou Banco Santander-Pastor ES26 0238 8191 8806 6000 1061), e despois entregar na concellería de Cultura o xustificante de pagamento e o boletín de inscrición cuberto.
O formulario de inscrición e os carteis de cada un dos campamentos pódense descargar nos documentos adxuntos.