• O Concello acondicionará provisionalmente a escola e campo de fútbol de Corneira para acoller no verán á Caravana Arriera

    • A Corporación pídelle a Goberno central e Xunta un plan de igualdade de oportunidades, contra a brecha salarial e fomentar as carreiras científicas entre as alumnas

    • Os tres grupos da oposición tamén decidiron subscribirse a Nós Diario, o único xornal escrito en galego

    • Hai máis granxas que piden reducir a contribución e que están pendentes de entregar a documentación pertinente

    • Aprobada definitivamente a ordenanza que lle pide aos madeireiros unha fianza e un seguro de responsabilidade civil

 

A unanimidade entre os tres grupos políticos reinou onte na aprobación dos puntos debatidos no Pleno da Corporación da Baña, aínda que despois, no longo capítulo de rogos e preguntas de case dúas horas, tanto Partido Popular como Compromiso por Galicia foron críticos co equipo de goberno socialista. Os tres grupos apoiaron rebaixarlle un 95% o IBI a unha explotación gandeira e a aprobación definitiva da ordenanza que lle pide ás empresas unha fianza e seguro de responsabilidade civil para cortar madeira. As mocións para potenciar a Vía Mariana e que o Concello se subscriba a Nós Diario, presentada por CxG, e a do PP de cara ao 8-M solicitándolle ao Goberno central e á Xunta por en marcha plans de igualdade, de redución da brecha salarial e de fomento das carreiras científicas entre as alumnas tamén se aprobaron por unanimidade  (vídeo do pleno neste enlace).

A rebaixa da contribución nun 95% ás explotacións gandeiras é algo que ten contemplado o Concello da Baña. Onte aprobouse a solicitude presentada por unha delas, e anunciouse que hai máis veciños que tamén solicitaron esta redución no pago do IBI, pero que teñen que presentar a documentación pertinente para ser aprobado en pleno.

20200304 Pleno bana web

Co acordo dos tres grupos, que rexeitaron as alegacións presentadas pola federación de madeireiros, quedou aprobada definitivamente a ordenanza que regula a taxa para permitir a corta de madeira na Baña. A partir de agora, os madeireiros, ademais de presentar un seguro de responsabilidade civil para facer fronte aos posibles danos nas pistas e camiños públicos que se produzan durante a súa actividade, deberán depositar unha fianza. Aquelas empresas que utilicen camións de menos de 16 toneladas deberán depositar unha fianza de 1.600 euros en metálico para responder dos danos que poidan causar. Se os vehículos cargan máis de 16 toneladas, a fianza será de 3.100 euros. 

Na primeira moción presentada por Compromiso por Galicia, pedíase que o Concello da Baña se subscriba a Nós Diario, o único xornal escrito en galego que se publica de martes a sábado, como xeito de contribuír aos obxectivos do Servizo municipal de Normalización Lingüística. A intención é que os exemplares estean a disposición da veciñanza na axencia de lectura e no centro social e da terceira idade, e se poida acceder dixitalmente dende a aula de informática.

Tamén por unanimidade se aprobou a moción para reforzar a Vía Mariana Luso Galaica. César Ramos solicitou que dende o Concello se acondicione provisionalmente tanto a escola como o campo de fútbol de Corneira para colaborar coa Caravana Arriera que este verán ai facer o traxecto dende Santiago a Muxía (o ano pasado chegou de Braga a Compostela), poida durmir na Baña. A intención e que, nunha segunda fase, se poidan ofrecer aos peregrinos desta ruta e do Camiño de Santiago a Muxía unhas instalacións permanentes, buscando a mellor forma de xestión, ben municipal ou a través dunha asociación.

Igual resultado (11 votos a favor) colleitou a moción do Partido Popular relativa ao 8-M, no que se pide ao Goberno central que poña en marcha un novo plan estratéxico de igualdade de oportunidades para dar cumprimento a axenda 2030; impulsar un pacto nacional para a conciliación laboral e fomentar as vocacións tecnolóxicas (STEM) entre as alumnas. O Concello da Baña solicitaralle a Xunta por en marcha medidas para fomentar a igualdade retributiva das mulleres en todos os ámbitos, que fomente entre as mulleres  vocacións  STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) e tamén programas de alfabetización dixital no rural.

Despois de media hora de unanimidade, comezou un amplo capítulo de rogos e preguntas, no que durante preto de dúas horas, tanto PP, que formulou 15 cuestións, como CxG, con outras 20, foron críticos co equipo de goberno (vídeo do pleno neste enlace).

 

 

O alcalde informa que durante os últimos días o servizo técnico encargado do mantemento da iluminación pública detectou que algunhas caixas e cadros de mando foran forzadas, abertas e manipuladas. O Concello pide a colaboración da veciñanza para impedir que este tipo de accións se repitan, posto que repercuten negativamente na veciñanza ao non funcionar a iluminación pública. Ademais, solicita a colaboración cidadá para que se algunha persoa ve algún cadro eléctrico en mal estado ou algún tipo de acto anormal, contacte co Concello da Baña.

 

O Concello da Baña anuncia a exposición das listas do censo electoral, que se poderán consultar entre o 17 e o 24 de febreiro (ambos os dous inclusive), nas oficinas xerais do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Para realizar a consulta presencial nas oficinas municipais é necesario identificarse co DNI, o carné de conducir ou, de ser o caso, a tarxeta de estranxeiría.

Tamén poden realizarse consultas nos teléfonos: 981 21 74 39, 981 21 74 26 e 901 101 900.

De forma telemática, os datos censais poden consultarse na páxina web do Instituto Nacional de Estadística (preme neste enlace) con certificado dixital ou con sistema Cl@ve.

O Concello recorda a importancia de que os mozos e mozas que veñan de cumprir os 18 anos comproben que figuran nas listas do censo.

O martes 25 de febreiro, a Oficina Técnica do Concello da Baña permanecerá pechada ao público. Porén, será posible a tramitación da documentación referida a calquera expediente no Rexistro Xeral do Concello.

  • Tanto a urxencia da sesión como a desestimación dos recursos presentados pola asociación de electricistas da Coruña e dunha empresa polaca foron aprobados cos votos de PSdeG e PP e a abstención de CxG

O Pleno da Corporación da Baña rexeitou esta mañá os recursos de reposición presentados contra o expediente de contratación para a renovación de alumeado público ca fin de reducir as emisións de CO2 á atmosfera no termo municipal, o proxecto financiado polo IDAE para colocar luminarias led no alumeado público. Tanto a urxencia da sesión como a desestimación dos recursos aprobáronse cos votos a favor de PSdeG e PP e a abstención de Compromiso por Galicia (neste enlace pódese ver o vídeo integro do Pleno)..

A Asociación Provincial de Industriais Electricistas e Telecomunicacións da Coruña (Asinec) presentou un recurso alegando que non se respectaban as táboas salariais do convenio vixente na provincia da Coruña. Pola súa banda, a empresa polaca Lug Light Factory Ltd presentou tres alegacións,  por non admitir variantes na licitación, polas luminarias propostas e polas carencias e insuficiencias técnicas do proxecto.

O informe da Secretaría do Concello propoñía desestimar todas as alegacións ao considerar que todos estes aspectos estaban ben resoltos nos pregos de condicións técnicas e administrativas do concurso, que foi redactado polo Instituto para a Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE) do Ministerio para la Transición Ecológica, que lle concedeu ao Concello da Baña unha subvención de case 400.000 euros para poñer luminarias led en case todo o alumeado público municipal.

Despois dun debate que durou corenta minutos, procedeuse á votación. O PP e o equipo de goberno (PSdeG) votaron a favor para seguir adiante co proceso de contratación. Compromiso por Galicia abstívose.

Unha vez rematado o pleno, reuniuse a mesa de contratación para analizar a documentación das cinco empresas que se presentaron ao concurso. Para o cambio de luminarias no termo municipal da Baña o IDAE achega 400.000 euros de subvención e o Concello debe aportar outros 80.000 ata completar os case medio millón de euros que acada o proxecto.