-
O goberno quería dedicar os 147.000 € a gastos relacionados coa covid-19 e liberar partidas para pagar débedas pendentes
-
A advertencia do secretario-interventor da necesidade de contar con gasto corrente para manter a estabilidade orzamentaria non foi tida en conta
O Concello da Baña vai destinar os 39.274 euros do plan provincial POS+ Adicional 1 a gasto social, para cubrir parte dos gastos extraordinarios derivados da covid-19. No caso do POS+ Adicional 2, que conta cunha partida de 147.300 euros, a oposición acabou impoñendo a súa maioría fronte ao goberno e, a pesar da advertencia da Intervención municipal, aprobou dedicar só 47.300 euros para gasto corriente e outros 100.000 euros para investimentos financeiramente sostibles (obras do plan complementario da Deputación). A sesión comezou gardando un minuto de silencio en recordo ás vítimas do coronavirus.
O pleno ordinario de maio celebrouse esta mañá cun modelo mixto, con seis concelleiros dende o salón de plenos e outros cinco por videoconferencia. Debateuse a participación do Concello da Baña no plan único de concellos da Deputación da Coruña POS+, que consta de dous apartados. O Adicional 1 para o financiamento de gastos sociais extraordinarios derivados da covid-19, no que houbo unanimidade.
A Baña vai destinar os 39.274 euros do POS+ Adicional 1 a sufragar parte do gasto social extraordinario derivado do coronavirus, que ascende a un total de 75.000 euros. Segundo a desagregación presentada polo equipo de goberno, 50.000 euros irán para reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF), 10.000 € á compra de equipos de protección do persoal (EPIs), e outros 12.000 para reforzar as axudas ás familias con menos recursos. Unha última partida de 3.000 euros será para gasto extraordinario en axuda ás persoas máis vulnerables.
NO POS+ Adicional 2 o Concello da Baña conta cunha partida de 147.300 euros, que podería destinar a gasto corrente ou a investimentos financeiramente sostibles. Neste apartado, finalmente, impúxose o criterio da oposición (PP e CxG, con 6 votos) que aprobaron a súa proposta, en contra do criterio do equipo de goberno socialista (4 votos).
O alcalde recordou na súa intervención que o Concello debe facer fronte a máis de 500.000 euros de gastos, entre as facturas pendentes da lexislatura anterior e uns 360.000 euros dos atrasos pendentes de pago aos traballadores, por sentencia xudicial dun conflito iniciado hai varios anos. A intención do equipo de goberno era destinar os 147.300 euros do POS+ Adicional 2 a gasto corrente, liberando así unha partida importante para afrontar esas débedas.
Concretamente, o alcalde indicou que querían destinar eses 147.000 euros á reforma das instalacións municipais para garantir medidas de seguridade (entre elas no centro e saúde), con 60.000 euros; conciliación familiar e campamentos de verán (35.000 €), axudas directas aos autónomos que tiveron os negocios pechados (20.000 €), axudas ao alumnado do municipio para adquirir ferramentas TIC e de novas tecnoloxías (15.000 €) e outros 17.000 euros para emerxencia social.
Neste apartado (ver vídeo do pleno neste enlace), tanto PP como Compromiso por Galicia criticaron duramente a falta de diálogo do equipo de goberno coa oposición para poder pactar estas medidas; os orzamentos deste exercicio e poñer en marcha iniciativas que palíen a situación actual. Andrés García Cardeso recordou que o goberno local non fixo caso da proposta presentada polo PP no mes de abril, e que tampouco avanzara na negociación cos traballadores para pagarlles os atrasos que figuran na sentencia xudicial.
Dende CxG, César Ramos criticou a forma de gobernar do grupo socialista e a falta de información e contacto coa oposición. Tras retirar a proposta de CxG para o Adicional 2, acabou apoiando a presentada polo PP, para destinar 47.300 euros a gasto corrente e outros 100.000 euros para obras.
Durante o debate, o secretario interventor advertiulles aos concelleiros da necesidade que tiña o Concello de dispor de gasto corrente para evitar tensións de liquidez e manter o principio de estabilidade orzamentaria, apelando á responsabilidade por alcance na que poderían incorrer se se adoptaban decisións que poidan romper ese principio de estabilidade. Fixo mención expresa á necesidade de dispor de 360.000 euros para pagar os atrasos dos traballadores. Unha advertencia que foi criticada tanto polo PP como por CxG.
Tras un tenso debate, a proposta do Partido Popular saíu adiante cos 6 votos do PP e CxG, fronte a presentada polo equipo de goberno, que só contou cos 4 votos do Partido Socialista.
Co apartado de rogos e preguntas rematou a sesión plenaria, a primeira da Corporación da Baña na que algúns concelleiros e concelleira participaron por videoconferencia.