20200610 CacharelasA Baña celebrará un ano máis a festa do san Xoán prendendo as tradicionais cacharelas, desta vez con medidas de seguridade e sanitarias reforzadas como prevención fronte á covid-19. Nesta ocasión só estarán permitidas as fogueiras privadas, para as que xa se pode solicitar permiso.

Este permiso pode pedirse ata as 12 horas do 22 de xuño no rexistro xeral do Concello da Baña ou a través da sede electrónica do consistorio. As solicitudes deben sinalar o lugar elixido para a celebración e os datos persoais dos responsables da cacharela e do coidado dos arredores. O impreso editable pode descargarse no ficheiro adxunto a esta nova.

Como novidade, nesta ocasión as persoas organizadoras comprométense a aplicar as medidas xerais decretadas para a protección fronte ao coronavirus; isto é, a manter a distancia de seguridade entre persoas e ao uso de máscaras en caso de que esta non fose posible.

Coma en anos anteriores, as fogueiras deben estar vixiadas en todo momento e terán que ser apagadas no caso de que se levante vento. As cacharelas non poderán superar os oito metros de perímetro nin os tres de alto e terán que manter unha separación mínima de 20 metros con respecto a edificios e árbores. Haberá que poñer especial coidado en non situalas preto de tendidos eléctricos e telefónicos ou locais que almacenen produtos inflamables. Está prohibido queimar elementos que poidan emitir fumes tóxicos tales coma plásticos, pneumáticos ou aceites, nin envases con líquidos inflamables ou gases a presión.

En canto ás medidas de limpeza, as cacharelas que se levanten sobre enlousado deberán ter debaixo unha capa de 10 centímetros de area que protexa a pedra. Ao rematar a celebración, os organizadores comprométense a deixar totalmente apagados os lumes e a limpar e arrombar o lugar.

Attachments:
Download this file (Solicitude-cacharelas-2020-Particulares.pdf)Solicitude Cacharelas 2020[Solicitude Cacharelas 2020]98 kB