• Acordo unánime para colaborar coa Asociación Afonso Eanes no acto do 17 de agosto para reparar a memoria dos represaliados durante a guerra civil e a etapa franquista

    • O goberno aproba en solitario actualizar a norma que establece os prezos públicos do Punto de Atención á Infancia

 

A Corporación da Baña aprobou hoxe por unanimidade colaborar coa Asociación Afonso Eanes na organización dun acto que sirva para reparar a memoria dos veciños da Baña represaliados durante a guerra civil e a ditadura franquista, colocando un placa conmemorativa o vindeiro 17 de agosto, Día de Galicia mártir. Ademais de a outras persoas do municipio e da comarca, ese día recordarase a Manuel Fagín Paramos, veciño de San Vicenzo, e a Xoán Antón Xosé Barros Manteiga, de Ordoeste, que foron executados o 4 de xuño de hai 85 anos. 

Os tres grupos políticos da Corporación estiveron de acordo en participar neste acto, promovido pola Asociación Afonso Eanes, que se vai celebrar na casa da cultura. O Concello asume os gastos da organización do acto e a placa conmemorativa que se vai colocar o 17 de agosto.

Na sesión de hoxe tamén se aprobou a modificación da ordenanza reguladora dos prezos públicos do Punto de Atención á Infancia cos votos a favor do equipo de goberno socialista (4). O PP abstívose ao non contemplar a gratuidade do segundo fillo matriculado, aínda que a concelleira de Servizos Sociais, Mónica González, aclarou que se fixo a consulta á Consellería de Política Social e que non especificaron as pautas de se o custo desa matrícula debería ser asumido polo Concello ou pola Xunta. Compromiso por Galicia tamén se abstivo neste punto.

O mesmo pasou coa aprobación das actas plenarias do ano en curso, que foron aprobadas só cos catro votos do equipo de goberno. A ordenanza municipal reguladora da prestación de alimentos ás familias con escasos recursos quedou para o vindeiro pleno, á espera de que se introduza unha modificación solicitada polo PP, para que, en casos de dúbida, se poida contar con informes externos (ademais do preceptivo de Servizos Sociais) para determinar si esa persoa recibe alimentos ou non.

O capítulo de rogos e preguntas, que o equipo de goberno contestará por escrito no vindeiro pleno, pechou a sesión de hoxe (vídeo completo da sesión neste enlace).

20200729 pleno baña WEB