20230122 Carreira San Vicenzo

O Concello da Baña, a través da Concellaría  de Promoción da Vida Activa e Deporte, organiza o 22 de xaneiro, coincidindo con día de San Vivenzo, patrón da Baña, a I Carreira de San Vicenzo. A proba deportiva, de catro quilómetros e de carácter non competitivo, vén a substituír a San Silvestre 2022 que ía celebrarse o pasado 31 de decembro e que tivo que ser suspendida polo mal tempo.

A I Carreira de San Vicenzo terá como padriño ao karateka Nicolás Carnota, segundo avanzou o concelleiro de Promoción da Vida Activa e Deporte, César Ramos.

A proba deportiva saíra dende a praza do Concello, ás 12.30 horas. Haberá medallas para todos os participantes e, ao rematar a carreira, haberá sesión vermú a cargo do Dúo Rosán.

As persoas que desexen participar poderán formalizar a súa inscrición, de xeito totalmente gratuíto, ata o venres, día 20 de xaneiro, ás 14.00 horas. Para poder anotarse abonda con mandar un correo a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou un watsapp ao número de  teléfono 669 368 413, especificando o nome e apelidos da persoa que participa, o seu DNI e a idade (en caso de menores). Os menores de 12 anos deberán correr na compaña dunha persoa adulta.

  • Melchor, Gaspar e Baltasar escoitaron as peticións das nenas e dos nenos no polideportivo municipal //

20230105 reis magos banha corporacion

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente chegaron puntuais a súa cita coas crianzas da Baña, sementando ao seu paso ilusión e maxia. Nenas e nenos, cos nervios a flor de pel, ledos e expectantes, esperaban ansiosos no polideportivo municipal ao séquito real.

20230105 reis magos banha espectaculo circando 1

Para facer a espera un pouco máis amena, o Concello programou o espectáculo Circando; unha proposta de circo de rúa que fixo gozar ao público de todas as idades e na que o fío condutor non foi outro que a maxia e a ilusión propias dunha xornada tamén máxica.

20230105 reis magos banha espectaculo circando

Os Reis Magos cumpriron co programa previsto. A súa aparición, apenas pasadas as 17.30 horas, veu precedida de aplausos e gritos de xúbilo. Antes de recibir as peticións dos nenos e das nenas, as súas confidencias e os desexos de última hora, o alcalde, Andrés García Cardeso, acompañado por membros da Corporación Municipal, recibiu a Melchor, Gaspar e Baltasar. García Cardeso agradeceu ás Súas Maxestades que fixeran un oco na súa apertada axenda nunha xornada tan intensa como a de hoxe para vir á Baña.

20230105 reis magos banha recepcion ninhos 2

Cada unha das nenas e cada un dos nenos presentes tivo a oportunidade de falar co seu rei mago favorito, tomar unha fotografía e recibir, como anticipo da noite máis máxica do ano, un agasallo. E tamén, degustar un chocolate ben quentiño para amornar os nervios e recuperar forzas.

20230105 reis magos banha ambiente

  • Haberá espectáculo de circo na rúa, reparto de agasallos e chocolate quente para as persoas asistentes 

20230105 Reis Bana 2023 1920x1280

As Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente veñen de confirmar que acudirán puntuais á súa cita coas nenas e cos nenos da Baña o xoves, 5 de xaneiro. A comitiva real chegará ao pavillón municipal ás 17.30 horas para falar co público infantil, e cos maiores que así o desexen, ao obxecto de manter viva a ilusión na noite máis máxica do ano.

Para facer un pouco máis amena a espera das Súas Maxestades, o Concello programou para ás 16.30 horas o espectáculo Circando. Trátase dun espectáculo de circo na rúa, apto para todos os públicos, e no que a ilusión e a maxia do circo será o preludio da recepción real.

Tras a recepción oficial, os Reis Magos repartirán agasallos entre as nenas e os nenos e haberá chocolate quente para todo o público asistente.

 

  • A veciñanza doou en torno a medio cento de agasallos que o Concello repartiu entre as crianzas de familias con menos recursos do municipio //

  • Unha parte dos xoguetes foron entregados á aula hospitalaria infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago //

  • A edil de cultura, Lorena Trillo, agradece a implicación da veciñanza e a súa solidariedade //

20230105 doazon xoguetes banha web

A campaña solidaria de recollida de xoguetes posta en marcha durante este Nadal polo Concello da Baña pechou con grande éxito de participación. A veciñanza fixo gala unha vez máis da súa solidariedade, o que permitiu recadar en torno a medio cento de xoguetes, todos eles en bo estado de conservación. A campaña tiña por obxecto contribuír a que ningunha crianza do municipio se quedase sen xoguetes nestas datas tan especiais, á par que compartir aqueles en bo estado que hai nos nosos fogares e que xa non se usan, pero seguen a ter moita vida, e entregarllos aos nenos ou nenas de familias máis vulnerables para que poidan gozar deles.

Segundo explica a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, gran parte dos xoguetes depositados de xeito solidario dende o pasado 28 de decembro e ata o 4 de xaneiro na Casa da Cultura da Baña foron entregados aos nenos e ás nenas de familias máis vulnerables e/ou con menos recursos do municipio, seguindo o baremo do departamento de Servizos Sociais.

“Unha vez cubertas as necesidades para as familias do concello que o precisaron, como aínda quedaban agasallos doados pola veciñanza decidimos entregalos á aula hospitalaria infantil do Clínico de Santiago”, indica Lorena Trillo. Con esta acción o Concello quixo contribuír “a que os nenos e nenas que por diversos motivos teñen que pasar estas datas tan especiais hospitalizados poidan tamén gozar dun agasallo, mantendo viva a chama da maxia e da ilusión”, remarca a concelleira.

Lorena Trillo quixo agradecer, en nome do Concello, a implicación e a solidariedade da veciñanza na campaña de recollida de xoguetes solidaria. “Estamos moi contentos co resultado da campaña e queremos agradecer a todas as persoas da Baña que contribuíron a arrincar un sorriso este Nadal a unha crianza co simple xesto de compartir e doar ese xoguete, usado, seminovo ou novo”, subliñou a concelleira de Cultural.

20230105 xoguetes

  • As escolas vellas, sede da Escola Municipal de Música, levarán dende hoxe o nome do mestre e fundador da Banda Infantil

  • Goberno local e ex alumnos e ex alumnas destacan o labor do músico e da banda que facilitou o acceso a ducias de rapaces e rapazas á música e aos estudos oficiais

20221217 homenaxe Emilio andujar foto familia

As escolas vellas, sede da Escola de Música Municipal da Baña, chamaranse a partir de hoxe Escolas Emilio Andújar, en homenaxe ao que fora fundador nos anos oitenta da Banda Infantil da Baña. Con este acto simbólico e moi emotivo, o Concello da Baña quere lembrar e recoñecer a figura do falecido músico Emilio Constantino Andújar Riveiro, “verdadeiro artífice e impulsor do ensino municipal no noso municipio”, manifestou o alcalde, Andrés García Cardeso. Así o testemuña a placa que o Concello descubriu esta mañá na súa memoria na fachada do inmoble e na que pode lerse a seguinte inscrición: “Emilio Constantino Adújar Riveiro. Exemplar músico, director e precursor da educación musical no Concello da Baña”.

 García Cardeso subliñou que a homenaxe que “hoxe lle rendemos á Emilio Andújar é xusta e merecida”, dixo, o rexedor, quen destacou do falecido músico “tres valores fundamentais da súa persoa: era moi afable, respectuoso e moi responsable”, aseverou García Cardeso. O alcalde tamén recalcou que Andújar Riveiro encarnaba a tradición musical da comarca de Barcala, unha comarca “que deu e segue a dar moi bos músicos”.

Beatriz Cancela, ex alumna da Banda Infantil da Baña, musicóloga, doutora en Música pola Universidade de Oviedo e actualmente profesora de música en Boimorto, foi a encargada de facer unha emotiva lembranza de Emilio Andújar. Na súa intervención fixo un repaso pola biografía, tanto persoal como profesional, do homenaxeado resaltando a súa paixón pola música, polo ensino musical e o seu legado. Cancela fixo fincapé na importancia que tivo a creación da banda de música da Baña e a posterior escola na formación de moitas nenas e nenos do municipio.

 20221217 homenaxe emilio andujar publico

“Máis dun centro de rapaces e rapazas do concello formaron parte desta agrupación; unha agrupación que facilitou a un amplo sector dos integrantes o acceso á música e aos seus estudos oficiais”, dixo Beatriz Cancela. A ex alumna engadiu tamén que a banda permitiu a moitos nenos e nenas “visitar lugares que enriqueceron as súas experiencias vitais, ás veces inaccesibles, á moitos mozos e mozas do rural bañés dos anos 80 e 90”.

Durante o acto tamén falou o ex alcalde da Baña e ex profesor do Colexio de San Vicente, Paco Villaverde, quen tamén recoñeceu a labor de Andújar ao fronte da Banda Infantil da Baña e na aprendizaxe musical dos nenos e nenas do municipio na década dos 80 e 90.

En representación da familia, Antonio Casal Andújar, neto do falecido músico, agradeceu o recoñecemento e a homenaxe do Concello á figura do seu avó.

Homenaxe musical

Tras os discursos, e antes do descubrimento da placa, Rubén, Marcos, Miguel, Esteban, Darío e Gustavo, antigos integrantes da banda de música e ex alumnos do homenaxeado, interpretaron unhas pezas en memoria do mestre.  E a solista Noelia Rodríguez, acompañada ao piano por Ramón Leis, actual profesor na Escola de Música Municipal da Baña, interpretou a Negra sombra e o Himno Galego ante un público emocionado.

20221217 homenaxe emilio andujar ex integrantes banda

Tras o descubrimento da placa, o alcalde, Andrés García, acompañado polo tenente de alcalde, César Ramos Domínguez, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, agradecéronlle aos fillos e fillas do falecido músico a súa presenza entregándolles uns presentes. Tamén en nome do Concello, Lorena Trillo, entregoulle a Beatriz Cancela outro presente agradecéndolle a súa disertación sobre a figura de Emilio Andújar e o repaso pola historia e importancia da Banda Infantil da Baña.

O acto contou coa presenza de numerosos veciños e veciñas, familiares de Emilio Andújar, antigos alumnos e alumnas da escola de música e da extinta banda, ademais de representantes da Corporación municipal.

20221217 homenaxe emilio andujar hinmo galego

Emilio Andujar Riveiro

Emilio Andújar Riveiro naceu en 1920 na parroquia de Broño, en Negreira. Comezou a súa andaina no mundo da música, aos 14 anos, como músico afeccionado, nun tradicional trío de gaita, bombo e caixa. Logo pasaría a formar parte do Sexteto Bañés, tocando o bombo. O seu paso polo servizo militar permítelle ingresar na Banda Militar do Cuartel de Infantería da Coruña, onde adquire os coñecementos en solfexo, teoría, gaita e clarinete. Tras rematar o servizo, incorpórase ao Sindicato Nacional de Espectáculo e funda no 1949 a Orquestra Andújar en 1949. En 1974 organiza a orquestra Rioverde, que compaxina coa seu labor de taxista. Casa con Magdalena Pose e establece o seu domicilio en Ordoeste (A Baña).

20221217 ramon leis e noelia rodriguez homenaxe emilio andujar

No ano 1981, xa xubilado, Emilio Andújar pasaría a dar clases extraescolares de música no colexio da Baña e, froito dese traballo xurde a Banda Infantil da Baña (activa dende 1982 ata 2009), da que foi director. Froito da agrupación musical crease en 1998 a Escola de Música. Emilio Andújar pasaría a formar parte do cadro docente xunto cos músicos Rafael Arosa e Mario Martínez.

O entrañable músico e impulsor da ensinanza musical na Baña falecería en 2019, na aldea de Rial (Ordoeste) aos 98 anos.