As contas foron aprobadas cos votos a favor do equipo de goberno de PP e Compromiso, e a abstención do PSdeG
A Baña destinará 352.509 euros do POS+ da Deputación a gasto corrente e 30.230 a investimentos
As obras do Plan complementario ascende a 1,19 millóns de euros e para gasto social extraordinarios resérvanse 68.539 euros
A Corporación da Baña aprobou hoxe, cos votos a favor do equipo de goberno de PP e Compromiso (7) e a abstención do PSdeG, os orzamentos municipais para o presente exercicio, que ascenden a 4.077.000 euros. Polo que respecta ao POS+, o goberno local destina case a súa totalidade a gastos corrente (352.509 euros), reservando unha partida de 30.230 euros para investimentos. As obras previstas para o Plan complementario ascenden a 1,19 millóns de euros e o reservado para gasto social extraordinario a 68.539 euros. Estes puntos foron aprobados cos votos de PP e Compromiso.
O alcalde, Andrés García Cardeso, explicou as principais partidas económicas incluídas nos orzamentos do Concello da Baña para 2023, que ascenden a pouco máis de catro millóns de euros. No capítulo de gastos, resérvanse para persoal 1,391 millóns de euros (o 34,14% do presuposto) e 1,634 millóns para operacións correntes e os gastos derivados do funcionamento dos servizos existentes no Concello (40,09%).
Neste capítulo de gastos en bens correntes e servizo, Andrés García Cardeso dixo que este ano se incluíra unha partida de 48.000 euros para financiar os programas de conciliación que se poñen en marcha nas vacacións escolares (campamentos de verán, actividades en Nadal, Semana Santa ou Entroido).
Para investimentos reais o goberno municipal da Baña contará este ano cunha partida de 825.763 euros, o 20,25% do presuposto. Neste capítulo inclúense un plan de construción e reforma de equipamentos sociais públicos (332.492 €), a pavimentación da estrada entre Vilar da Torre e Lañas (250.213 euros) e a adquisición dun vehículo para desprazamento de persoal de servizos sociais (21.014 €), entre outras.
Os gastos financeiros (6.000 €), as transferencias correntes (163.800 €), o fondo de continxencia e outros imprevistos (40.000 €) e os pasivos financeiros (15.000 €) completan o capítulo de gastos.
Polo que respecta aos ingresos, as transferencias correntes que proceden da participación do Concello dos tributos do Estado ou da Xunta de Galicia, entre outros, ascende a 2.381.530 euros, o 58,42% dos ingresos. Os impostos directos suman 644.500 euros (15,81%) e os indirectos, 36.000 (0,84%).
As taxas e outros prezos públicos estímanse en 425.271 euros de ingreso para este exercicio, o 10,44% do total do orzamento. 3.200 euros de ingresos patrimoniais e 586.498 de transferencias de capital completan o resumo dos orzamentos de 2023.
O voceiro socialista José Antonio Pereira, asegurou que “os orzamentos chegan tarde” e criticounos “por non incluír” as propostas do seu grupo e polo incremento do soldo do alcalde e da concelleira de Cultura.
Andrés García Cardeso respondeulle que non había suba de salario dos cargos políticos. Tal como explicou o secretario, a subida do 1,5% o pasado mes de novembro estivo motivado pola aplicación dun Real Decreto do Goberno central que obrigaba a facer ese incremento para todo o persoal a cargo da administración, e que se lle aplicou a todo o persoal municipal.
O tenente de alcalde César Ramos (Compromiso) asegurou que era a primeira vez en anos que os orzamentos se aprobaban tan cedo, en febreiro, e criticoulle aos socialistas que de todo o expediente dos presupostos tan só se fixaran na subida dun 1,5% obrigada por un real decreto do goberno central.
As contas foron aprobadas cos votos do goberno local (PP e Compromiso), coa abstención do PSdeG.
Plan de Obras e Servizos
As posturas de goberno e oposición foron similares no debate sobre o Plan de Obras e Servizos da Deputación. O goberno local vai destinar a gasto corrente 352.509 euros e outros 30.230 para a pavimentación dunha estrada en Edreira.
As obras do plan complementario ascenden a 1.193.660 euros e inclúen, como actuacións máis relevantes, a mellora da capa de rodaxe da pista de Liñares á Carballeira (245.946 euros) ou a da pista de Marcelle a Reguengo (Suevos), con 232.384 euros.
“Son os mesmos proxectos que o ano pasado”, asegurou o alcalde. O voceiro socialista reclamou os proxectos para poder revisalos e volveu criticar que se destinase a maioría do POS a gasto corrente.
Este punto foi aprobado cos votos do goberno municipal (7) e a abstención dos socialistas (4).
O mesmo resultado produciuse na aprobación da solicitude de subvención para o POS+ adicional para gastos sociais extraordinarios deste exercicio, que conta con 68.539 euros, “segundo o informe emitido polo departamento de Servizos Sociais”, dixo o alcalde.
O importe total divídese en 13.000 euros para reforzo e ampliación de persoal técnico ou administrativo do departamento de Servizos Sociais; 7.739 euros para emerxencia social; 35.500 para ampliar o servizo de axuda no fogar; 2.300 para alugar equipamento técnico asistencial para cederllo ás persoas que o necesiten, e 10.000 euros para axudas económicas para que persoas vulnerables poidan facer fronte a gastos enerxéticos.