- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 730
José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle os problemas de transporte público e a escasa financiación dos servizos sociais municipais
Pedro Blanco reitera o compromiso do Goberno central coa dixitalización e sustentabilidade dos concellos rurais cun investimento de 500.000 euros na Baña
O alcalde agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que permite levar fibra óptica a máis de 900 familias e negocios do municipio
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a primeira tenente de alcalde, Mónica González, solicitáronlle ao delegado do Goberno en Galicia que a administración central free definitivamente a implantación dos dous parques eólicos de ámbito estatal previstos no municipio “para garantir unha mellor calidade de vida no rural” e evitar que todas as parroquias da Baña se vexan afectadas por estas infraestruturas.
Durante a visita que Pedro Blanco fixo ao Concello, Pereira e González tamén lle pediron unha maior presenza da Garda Civil no municipio para garantir a seguridade cidadá e máis financiación para que os servizos sociais municipais poidan ser sustentables para as arcas municipais. As escasas rutas de transporte público e a falla de investimentos das administracións autonómica e central no municipio foron outros temas abordados na reunión.
José Antonio Pereira agradeceu o Plan Único-Banda Ancha que impulsa o Goberno central, “que xa permitiu que máis dun 80 por cento das casas da Baña teñan fibra óptica. Pedro Blanco comprometeuse a estudar as demandas do Concello e destacou a aposta do Goberno central pola mellora dos servizos e da calidade de vida da cidadanía no rural, que se traduce en máis de 500.000 euros de investimentos no Concello da Baña para avanzar na súa dixitalización e sustentabilidade. Tras a reunión co alcalde e a tenente de alcalde, Blanco conversou durante uns minutos no salón de plenos con concelleiros dos tres grupos presentes na Corporación da Baña.
Aínda sendo competencia da Xunta de Galicia, as obras que se están a realizar no CPI San Vicente foron outros dos temas da reunión. José Antonio Pereira e Mónica González trasladáronlle a Pedro Blanco os trastornos que está a vivir a comunidade educativa, sobre todo polas goteiras e falta de seguridade por non estar rematados os traballos a estas alturas do curso. Unha problemática que, tras a reunión, un grupo de pais e nais do colexio comentaron persoalmente co delegado do Goberno.
Pola súa banda, Pedro Blanco mencionou os 394.546 euros que recibiu o Concello a través do IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) para a substitución da iluminación pública por outra máis eficiente, coa conseguinte redución de emisións e aforro na factura eléctrica do Concello. A este investimento engádese o Plan Único-Banda Ancha, que desenvolve o Ministerio de Asuntos Económicos, e que posibilitará a chegada de internet de alta velocidade, mediante fibra óptica, a 903 vivendas e empresas da localidade que antes non dispoñían deste servizo.
Pedro Blanco puxo estas actuacións como exemplo do compromiso do Goberno co municipalismo e, en especial, cos concellos de reto demográfico a través dos fondos do Plan de Recuperación, “que chega a todos e cada un dos concellos de Galicia".
A estas actuacións hai que engadir outras partidas orzamentarias como os 100.000 euros do Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Terras de Santiago’ do Ministerio de Industria para a creación dunha aula gastronómica no municipio bañense.
A Baña forma parte deste plan xunto cos concellos de Vedra, Boqueixón, Brión, Santiago, Teo, Ames, Val do Dubra, Negreira e Santa Comba, que reciben en conxunto 1,3 millóns de euros do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para potenciar os mercados gastronómicos locais; crear e promocionar novos formatos de turismo gastronómico na comarca e reforzar a oferta de turismo activo.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 821
Mónica González: “O rural ten moitas posibilidades, como demostran Rocío e o resto de emprendedoras que aparecen neste audiovisual”
Soledad Agra: “Queremos dar a coñecer o traballo das protagonistas e os retos que tiveron que afrontar para emprender”.
Rocío Picado: “Asumín a xerencia do centro de día de Ceilán tres meses antes da pandemia. Temos que potenciar as redes de apoio e recuperar os valores do rural”
A concelleira Mónica González reivindicou hoxe o papel da muller no rural, “onde pode desenvolver labores moi diferentes a agrícola-gandeira tradicional”, durante a presentación na Baña dun proxecto audiovisual promovido pola Deputación da Coruña para conmemorar o Día da Muller Rural, que se celebrou este 15 de outubro. No acto interviñeron tamén a deputada provincial de Igualdade, Soledad Agra, e a xerente do centro de día e fogar residencial de Ceilán, Rocío Picado. “O rural ofrece moitas posibilidades, como demostran Rocío e outras emprendedoras que apostan por desenvolver os seus proxectos de vida no rural”, asegurou a concelleira de Acción social, cultural e servizos a cidadanía da Baña.
“Na Baña contamos coa comunidade de mulleres agrarias Baneón e hai explotacións dirixidas por mulleres, aínda que seguen sendo as menos”, dixo Mónica González, quen lembrou que as mulleres representan o 43% da man de obra agrícola.
“Quédanos aínda moito camiños por percorrer”, resaltou a concelleira, que salientou que o traballo da muller no rural non ten porque centrarse na tradicional labor agrícola-gandeira. “Temos que deixar atrás esa imaxe de muller maior e de loito. O rural ofrece moitas posibilidades, tanto para homes como para mulleres. E exemplo diso son Rocío Picado e o resto de emprendedoras que apostan polo noso rural”, asegurou Mónica González, referíndose ás protagonistas do proxecto audiovisual Mulleres emprendedoras no rural promovido pola Deputación da Coruña e estreado hoxe na Baña para conmemorar o Día da Muller Rural.
Soledad Agra explicou que o proxecto consiste nunha serie de 5 vídeos de aproximadamente 3 minutos cada un, que teñen como obxectivo amosar referentes de mulleres emprendedoras da provincia da Coruña en diferente sectores, coa finalidade de visibilizar o seu traballo e por en valor a actividade que desenvolven no rural. “Trátase de coñecer a cada unha das protagonistas, o seu labor, o seu día a día, os retos que tiveron que afrontar para emprender no rural e a súa historia actual, poñendo o foco tamén no seu futuro como mulleres á fronte dunha empresa no rural”.
Rocío Picado
Una das protagonistas deste proxecto é Rocío Picado, xerente do Fogar residencial e Centro de día Fogar de Ceilán, da Baña, no que se celebrou o acto. Durante o coloquio posterior a estrea dos vídeos, Rocío Picado lembrou que asumiu a xerencia do centro a finais do ano 2019, tres meses antes de comezar a pandemia, e resaltou a importancia de que “as mulleres que traballan no rural se convertan en rede de apoio para as mulleres emprendodras. Eu estou aquí grazas as mulleres que me acompañaron e me acompañan”, dixo.
Picado tamén lembrou a importancia de empoderar as mulleres que traballan no coidado de outras persoas. “Somo maioría neste sector. En setembro deste ano 2023 tivemos os primeiros homes facendo prácticas no centro de día”, dixo.
Rocío Picado votou en falta “axudas para as mulleres emprendedoras. Ás autónomas temos que afrontar moitas esixencias, e fáltannos redes de apoio, por iso eu decidín retrasar a miña maternidade”, dixo.
En canto ao futuro, Rocío Picado enumerou os desafíos aos que haberá que facerlles fronte, como “eliminar a brecha salarial entre homes e mulleres, mellorar os soldos no sector coidados ou erradicar a violencia de xénero”. Picado tamén considerou importante “fomentar a unión entre as mulleres emprendedoras, e recuperar os valores tradicionais do rural, para preocuparse polo veciños e, entre todos, construír un mundo mellor”.
No acto estiveron presentes o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil; os deputados provinciais Antonio Leira e Xosé Pena; os concelleiros e concelleiras da Baña Álvaro Silva, Andrés García Cardeso, Belén Capeáns e Patricia Lois; a concelleira do Rural do Concello de Santiago, Pilar Lueiro; residentes do centro no que se celebrou o acto, e Sonia Ares, artesá de Rois.
As protagonistas dos vídeos estreados hoxe na Baña son Leticia Iglesias (Neda), coa súa empresa de venta de produtos de horta Na Horta da Avoa María; Carme Pampín (Touro), cofundadora de Galchimia, centro de excelencia para a investigación química; Sonia Ares (Rois), artesá traballadora de prata e vidro; María Fandiño (Curtis), enxeñeira industrial e gandeira; e Rocío Picado (A Baña), xerente do Fogar residencial e centro de día Fogar de Ceilán.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1500
A proba xuntou esta mañá a 287 participantes nas catro probas disputadas
José Manuel García Antelo e Carlos Lema Fernández foron os mellores locais nas carreira de 28 e 16 km, respectivamente
Roberto Tuñas conseguíu hoxe o seu obxectivo de gañar o Trail da Baña. Despois de quedar terceiro en 2018 e segundo en 2919 esta mañá foi o máis rápido en rematar os 28 km en algo mási de dúas horas e media (2.37.10). Na proba curta de 16 km os gañadores foron Marcos Castro e Olaia Suárez. A proba estivo organizada polo Club Seixos e contou coa colaboración do Concello da Baña.
O Trail da Baña celebrou esta maña a súa edición máis numerosas das catro celebradas. 287 persoas tomaron as saída diante do polideportivo municipal de San Vicenzo. 130 competían nas dúas modalidades de trail (longo de 28 km e curto de 16) e outras 157 nas dúas andainas non competitivas de 16 e 10 km.
Na liña de meta, os primeiros en chegar foron os do trail curto unha hora e media despois da saída. Os gañadores en categoría masculina foron Marcos Castro (1.22.36), Rubén Martínez (1.26.58) e Eloy González (1.30.47). Entre as mulleres, as máis rápidas foron Olaia Suárez (1.51.14), Carolina Niño (1.53.27) e Silvia Miragaya (1.54.58).
Nesta proba tamén levaron trofeos os tres primeiros das categorías de veteranos 1, Manuel Castro, Sergio Monteagudo, Jacobo Paredes; Maite Salgado, Verónica Martínez e Liza Caballero; e veteráns 2: José Suárez Ricardo Villar, Manuel Millán, Carmen García, Matilde Vázquez e Chelo Vigo.
No trail longo subiron ao podio Pablo Conde, Juan Besteiro e Manuel Vieites (veteranos 1) e Fernando González, Francisco Blanco e Jesús Iglesias (veteranos 2).
Os mellores corredores da Baña foron José Manuel García Antelo (3:18:25) na proba de 28 km e Carlos Lema Fernández (1.45:07) no trail curto.
O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a concelleira de Turismo, Deporte e Relacións Institucionais, Ana Pensado, estregáronlle medallas a todas as persoas participantes e trofeos as mellor clasificadas de cada categoría.
As clasificacións completas pódense consultar na páxina web de Galitiming, nos seguintes enlaces. Clasificación trail longo e clasificación trail curto.
A proba tivo un percorrido “moi fermoso e esixente” destacou unha das atletas tras cruzar a meta. “É moi entretido e bonito”, asegurou outro dos participantes. O gañador do trail longo, RobertoTuñas, agradeceu que, nun día de tanto calor como o de hoxe “a maioría do percorrido fose preto do río e pola sombra”.
O Club Seixos, coa colaboración do Concello da Baña, organizou a proba, que contou co patrocinio de Ternera Gallega, Gadis, Futsal A Baña, O Muíño Pizzería, Rosfavi S.L., Neumáticos Marcos, Clun, Spar Express Corneira, Soft4fit e Panadería Xallas.
Alumnado da academia Englis Rocks de Carballo estiveron animando a festa que se organizou despois da entrega de trofeos, coas tres agrupacións que tocaron na Baña: Full System, Dixies e Retro Tool.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 1148
-
O alcalde e a primeira tenente de alcalde reuníronse na Coruña co xefe territorial da Consellería para recibir información de primeira man
-
A previsión era que finalizase en setembro a rehabilitación integral do centro escolar, presupostada en 1,16 millóns
O xefe territorial da Consellería de Educación, Indalecio Cabana, afirmou que o seu departamento terá rematadas ao longo deste mes de outubro as obras que se están executando no CPI San Vicente. Na reunión mantida este martes, 3 de outubro, co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e coa tenente de alcalde e concelleira de acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, o responsable provincial comprometeuse tamén a estudar a viabilidade de proxectos como a creación dun corredor seguro no centro mentres duren as obras ou a unificación de horarios en Primaria e Secundaria.
Pereira e González reuníronse con Cabana para recibir información de primeira man sobre unhas obras que, segundo recoñeceu o xefe territorial de Educación, levan algún retraso, pois estaba previsto que finalizasen en setembro. Cun presuposto de 1.161.179,44 euros, estase actuando na mellora de impermeabilización da estrutura, tanto en fachadas como en cubertas, e na carpintería exterior. Tamén se están renovando os acabados interiores e as instalacións (aseos, instalación eléctrica e iluminación), e mudando un total de 121 ventás e de 300 luminarias. Cabana comprometeuse a que as obras rematen ao longo deste mes de outubro.
As reformas están a provocar alteracións na vida diaria da comunidade educativa, sobre todo nas entradas e saídas, o que complica a circulación en xornadas de chuvia. Neses días, o alumnado debe saír do centro e rodealo por completo para acceder ao pavillón, por exemplo. Por isto, José Antonio Pereira e Mónica González solicitáronlle a Educación que se amañe unha saída do centro que comunique as aulas directamente co polideportivo mentres duren as obras, unha actuación que Indalecio Cabana asegurou que se estudará por parte da unidade técnica do servizo que dirixe.
Alcalde e tenente de alcalde reclamaron tamén a unificación de horarios entre Primaria e Secundaria para dar un servizo mellor e máis racional á comunidade. Na actualidade, o alumnado de Primaria xanta no comedor todos os días da semana e despois desprázase aos seus domicilios en autobús. Mentres, o de Secundaria só ten acceso a comedor e transporte os mércores, xornada na que ten actividade lectiva polas tardes. A idea do Concello da Baña é que a rapazada e Secundaria poida utilizar o comedor os luns, martes, xoves e venres do mesmo xeito que o usan os mércores, e logo empregar os mesmos buses que a de Primaria, para evitar que os buses circulen semibaleiros e, ao tempo, favorecer a conciliación laboral e familiar.
Esta proposta xa fora presentada pola dirección do centro o ano pasado, a petición da AFA CPI San Vicente, e non obtivera resposta. Nesta ocasión, Indalecio Cabana sinalou que, por unha banda, o seu departamento terá que estudar a capacidade do comedor do colexio. Pola outra, a xestión do transporte escolar é competencia da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que terán que ser os técnicos deste departamento os que analicen a cuestión.
Finalmente, Pereira e González demandaron un mestre de pedagoxía terapéutica específico para os ciclos de Infantil e Primaria, ao que Cabana respondeu que o profesional asignado a Secundaria pode atender tamén os casos de nenos e nenas con necesidades especiais doutros cursos.
José Antonio Pereira e Mónica González agradecéronlle a Indalecio Cabana que os recibise no seu despacho da Coruña, así como o compromiso dunha pronta finalización dunhas obras tan necesarias, que supoñen un forte investimento no CPI San Vicente.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: novas
- Visto: 800
-
Un informe técnico desfavorable obriga a modificar o proxecto e proceso de expropiación de terreos vai durar un mínimo de oito meses
-
O alcalde e a primeira tenente de alcalde reúnense en Santiago coa responsable de Infraestruturas da Xunta
-
A obra non conta con financiamento para este ano, “polo que non se vai executar, como mínimo, ata finais de 2024”

O proxecto para mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria no Seilán, cun itinerario peonil de 900 metros que a Xunta ía financiar cuns 360.000 euros, vaise retrasar polo menos un ano. Así llelo comunicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta Ethel Vázquez ao alcalde, José Antonio Pereira, e á concelleira Mónica González na reunión que mantiveron a pasada semana en Santiago.
“Estamos descontentos e frustrados. Unha obra moi importante para a veciñanza, que o Partido Popular anunciou a bombo e prato vai ter un retraso moi importante”, asegura José Antonio Pereira. Pola súa banda, a concelleira Mónica González lamenta que “a conselleira non aportase ningunha solución alternativa aos problemas de mobilidade expostos pola veciñanza de Seilán e de Ordoeste”.
O alcalde explica que, segundo lles trasladou a conselleira Ethel Vázquez, o proxecto redactado pola Xunta ten un informe técnico desfavorable e haberá que modificalo. A execución das obras require a expropiación de terreos, “un proceso que, xunto coa exposición pública, tardará un mínimo de oito meses. Ademais, a Xunta non ten asignada partida para financiar a obra este ano. A conselleira díxonos que vai tentar incluíla nos orzamentos do ano que vén”. Para José Antonio Pereira “isto implica que, no mellor dos casos, as obras non comezarán ata finais de 2024. Un ano de retraso, como mínimo”.
José Antonio Pereira lembra que foi a propia Xunta a que o pasado mes de febreiro anunciaba un investimento de preto de 360.000 euros para mellorar a accesibilidade e a seguridade na zona do Seilán. A consellería anunciou que nun tramo de 900 metros da AC-444, ata o límite con Negreira, íanse construír beirarrúas de dous metros de ancho e outras melloras. “Agora, dez meses despois, todo queda en papel mollado”, lamenta o alcalde.
Na reunión celebrada a pasada semana na sede da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, José Antonio Pereira e Mónica González tamén lle pediron a Ethel Vázquez algunhas actuacións na AC-546 para mellorar a seguridade peonil en Seoane, Ordoeste e Corneira, como pasos de peóns, entre outros. “A conselleira só deu evasivas e puxo pégas, non aportou ningunha solución”, asevera Mónica González, polo que “saímos moi descontentos da xuntanza”, conclúe o alcalde.