- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1614
29 de xuño de 2020
O mércores, 1 de xullo, ábrese o prazo de matrícula para o Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña para o curso 2020-2021.
A listaxe definitiva de nenos e nenas admitidas pódese consultar no documento adxunto, así como os documentos necesarios para formalizar a matrícula.
O alumnado convocado a matrícula debe presentar a seguinte documentación:
- Fotocopia da tarxeta de Seguridade Social ou documento equivalente do/a neno/a.
- Tres (3) fotografías tamaño carné.
- Certificado de non padecer enfermidades infecto-contaxiosas e cartilla de vacinación.
- Informe de saúde nos casos en que a familia considere que debe ser coñecido polo persoal do centro (alerxias, intolerancias...).
- Autorización da imaxe.
- Autorización entrega e recollida por outras persoas (adxuntar copias dos DNI).
- Documentación de domiciliación bancaria.
- Xustificante de pago de taxas de matrícula.
- Declaración do IRPF do exercicio 2019 dos pais/titores.
As familias deberán asinar un acordo de prestación de servizo entre elas e o PAI.
Para máis información e tramitación pódese contactar coa educadora familiar no teléfono 981 817 605 e solicitar cita para unha consulta.
Os documentos necesarios pódense descargar nos arquivos adxuntos.
17 de xuño de 2020
Faise pública a listaxe provisional de matrícula coas persoas convocadas para formalizar a mátricula no Punto de Atención a Infancia (PAI) da Baña para o curso 2020-21.
O prazo de presentación de reclamacións é do 18 ao 23 de xuño de 2020, a través da sede electrónica do Concello da Baña.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
8 de xuño de 2020
Faise pública a listaxe de solicitudes presentadas para reserva de praza e novo ingreso no Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña para o Curso 2020/2021.
As persoas que deben presentar documentación teñen de prazo do 11 ao 15 de xuño de 2020, a través da sede electrónica do Concello da Baña (https://sede.concellodabana.gal) ou presencialmente no despacho de Educación Familiar.
A listaxe pódese consultar no documento adxunto.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1306
O Concello da Baña retoma o proxecto Tempos de mulleres, un ciclo de actividades que se desenvolverá a partir do 7 de xullo no centro social e da terceira idade. O principal obxectivo deste obradoiro, que inicialmente estaba previsto celebrar de abril a xuño, é aprender a ver e experimentar as conexións entre o corpo físico, a mente e as emocións.
Tempos de mulleres conta con 20 prazas dirixidas a mulleres maiores de 18 anos. Para participar é preciso inscribirse con antelación. O ciclo desenvolverase en sete sesións de 4 horas de duración, os martes e venres entre as 9.30 e as 13.30 horas, no local municipal situado no primeiro andar do centro social e da terceira idade. Coa finalidade de fomentar o benestar e o autocoñecemento, realizaranse actividades de xogo, movemento, animación, expresión libre, creatividade, música e relaxación.
Tempos de mulleres está organizado polo Concello da Baña, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, do Ministerio de Igualdade.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1128
- O Concello está a programar os campamentos urbanos do verán
- Cubre enquisa neste enlace: https://forms.gle/TSmEKnVWq4Y3D4QC7
O Concello da Baña preparou unha enquisa para distribuír entre as familias coa finalidade de coñecer cales son as demandas de conciliación que precisan este verán e poder, así, organizar os campamentos urbanos de xullo e agosto de xeito de acordo con estas necesidades.
A enquisa debe cubrirse nun formulario en liña no que se solicitan datos ás familias para coñecer cantos nenos e nenas de 3 a 14 anos estarían interesados en participar nos campamentos urbanos, que se desenvolverán por quincena durante os meses de xullo e agosto.
Unha vez coñecidas as necesidades das familias tentarase organizar as actividades para que beneficien a un maior número de persoas.
A enquisa pódese cubrir no seguinte enlace: https://forms.gle/TSmEKnVWq4Y3D4QC7
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1023
A Xunta de Galicia vén de comunicar aos concellos a decisión de que as escolas infantís non retomen a súa actividade ata o curso que vén. O mantemento da suspensión da actividade débese ás "dúbidas existentes na comunidade médica de que haxa a seguridade suficiente para que as nenas e nenos menores de 3 anos compartan espazos durante un tempo tan prolongado, especialmente nas escolas infantís, onde é imposible manter a distancia social". Deste xeito, o Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña non reabrirá ata o curso 2020-2021, para o que hoxe se reanuda o prazo de inscrición (máis información).
Ante esta decisión, o Consello da Xunta propón un paquete extraordinario de medidas de conciliación. No que atinxe á infancia, a Xunta prevé aprobar un "Bono coidado extraordinario" para que aquelas familias con nenos de ata 12 anos nas que os proxenitores traballan poidan conciliar. Consistiría nunha axuda de 500 euros ao mes para cubrir a atención domiciliaria dos máis pequenos e facilitar a conciliación. Tamén avanza na reactivación dos campamentos de verán, dirixidos a rapaces e rapazas de 8 a 18 anos.
Na mesma liña, e dado que os centros de día e ocupacionais de Galicia tampouco retomarán a súa actividade ata o curso que vén, a Xunta estuda a creación dun bono coidado extraordinario para a dependencia. Estas medidas completaranse cunha liña de axudas extraordinaria para as empresas que atendían a todas estas familias no ámbito da infancia e das persoas maiores.
Este paquete extraordinario para a conciliación familiar será trasladado á Mesa de Diálogo Social para a súa análise e aprobación definitiva. A Xunta comprométese a informar máis polo miúdo nos póximos días sobre estas axudas, así como a enviar aos concellos un protocolo de actuación nas escolas infantís para que poidan preparar e garantir o reinicio da actividade en condicións de seguridade, tanto para as nenas e nenos como para o persoal da escola.
Máis información do paquete extraordinario de medidas de conciliación nesta nova: https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/49297/feijoo-destaca-paquete-extraordinario-medidas-conciliacion-para-cun-investimento
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Servizos sociais INICIO
- Visitas: 1093
O prazo para solicitar a renovación da praza ou o novo ingreso no curso 2020-2021 no Punto de Atención á Infancia (PAI) da Baña, que fora paralizado como consecuencia do estado de alarma, reabre o vindeiro luns, día 1, e ata o 7 de xuño, ambos incluídos. Pódense presentar as solicitudes de matrícula dos menores con idades comprendidas entre os 3 meses e os 3 anos.
A presentación de solicitudes e documentación complementaria realizarase preferentemente de xeito telemático. Os modelos de solicitude que hai que cubrir achéganse nos anexos desta nova, así como un tutorial de como facer esta tramitación na sede electrónica municipal. En caso de dúbidas ou dificultades para seguir o proceso en liña, poden dirixirse á educadora familiar concertando unha cita previa no número de teléfono 981 817 605, en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Cun total de 20 prazas, o PAI da Baña ofrece atención educativa e atención ás necesidades básicas da infancia, á vez que favorece a conciliación da vida laboral e familiar. As familias poden optar por utilizar o servizo en réxime de media xornada (ata 4 horas) ou de xornada completa (de 4 a 8 horas). Cómpre salientar que non se fai discriminación de tarifa por horas, senón por tipo de xornada.
O centro ten un horario que vai das 7.45 ás 15.45 horas de luns a venres, se ben este horario está suxeito a modificacións en función das necesidades das familias. Canto aos horarios das crianzas, os nenos e nenas poden entrar no centro ata as 10.00 horas; aqueles que non comen no PAI teñen que saír antes das 13.00 horas; e, finalmente, a hora de recollida dos que si comen no centro é a partir das 14.30 horas.