- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1069
-
O concurso xuntou o sábado máis de 500 participantes de distintas localidades e numeroso público //
-
Repartiuse un total de 3.350 euros en premios en catro categorías //
As marchosas costureiras de ‘Hai que hilvanar para coser e cantar’, chegadas dende Vilagarcía, na categoría de carrozas; e ‘El Chiringuito’, comparsa de Negreira liderada como non podía ser doutro xeito polo mesmiño Georgie Dann, foron as grandes triunfadoras do concurso de Entroido da Baña celebrado este sábado. Varios cantantes, moita festa e o recordo de tempos pasados protagonizaron un desfile que congregou máis de 500 participantes nun día solleiro que animou ao público a saír a rúa.
Non o tivo nada fácil o xurado nas principais modalidades do concurso, que repartía máis de 3.300 euros en premios e nas que desfilaron trece comparsas e nove carrozas con participantes chegados non só de concellos limítrofes, cunha destacada presenza do de Negreira, senón tamén de Brión, Trazo ou Ames e mesmo de fóra da provincia.
Repetindo a súa interpretación durante o concurso, ‘El Chiringuito’ celebrou o seu primeiro premio en comparsas, dotado con 900 euros, bailando e cantando con Georgie Dann. Tamén foron moi celebradas as distintas actuacións de ‘Que viva México’, que levou os 400 euros do segundo premio con todo un repertorio de Thalía, Luis Miguel e mariachis. O terceiro, de 150 euros, marchou para Tomiño grazas a espectacularidade das fontes de distintas clases que compoñían ‘Estrelas da noite’.
Xa en carrozas, a máquina de coser xigante e as provistas costureiras de ‘Hai que hilvanar para coser e cantar’ conseguiron levar para Vilagarcía o primeiro premio, de 900 euros. O xurado outorgoulle o segundo e 400 euros á proposta da asociación A Cabarballeira de Trazo; unha volta ás ‘Festas do Apóstolo nos anos 60’ coa súa noria, os cabaliños, a tómbola e mesmo as Marías. Por último, outro clásico como son os pitufos, que visitaron A Baña cunha ‘Pitufilandia’ xestada en Negreira, fixéronse cos 150 euros do terceiro premio.
En canto á modalidade de grupo, o primeiro premio foi para as divertidas plantas ‘Carnívoras carnavalescas’, agasalladas con 150 euros. Segundo clasificouse ‘O rabaño do camiño’, coas seus pequenos granxeiros facéndolle fronte ao lobo para afastalo das ovellas. Gañou 100 euros.
Un espectacular traxe feito con latas de Coca-Cola deulle o os 100 euros do primeiro premio da categoría de individual ao ‘Regreso dos dinosauros’. ‘O quiosqueiro molón’ , con revistas, licor café ou chourizos, fíxose cos 60 euros do segundo premio e, por último, a divertida fregona de ‘Limpezas Perico’ gañou os 40 euros do terceiro.
Repartiron os premios no pavillón de San Vicenzo o alcalde da Baña, José Antonio Pereira; a tenente de alcalde, Mónica González; e a concelleira Patricia Lois. O Concello agradece a colaboración dos farmacéuticos bañenses Joshua Almozara, Iria Álvarez e Pilar Gómez, que actuaron como xurado.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 1121
- Recoñeceranse os mellores disfraces nas categorías de carrzoas, comparsas, grupos e individual //
- O desfile percorrerá as rúas Castelao e Tedelle a partir das 16.30 horas e os participantes farán unha pequena actuación diante da escola de música //
- As inscricións poderán realizarse ata o 14 de febreiro a través da sede electrónica ou presencialmente no Rexistro //
O Concurso de Entroido da Baña, que se desenvolverá na tarde do sábado 17 de febreiro, repartirá un total de 3.350 euros en premios entre os mellores disfraces nun total de catro categorías: carroza, comparsa, grupo e individual. As inscricións estarán abertas ata o mércores 14 de febreiro e poderán facerse a través da sede electrónica nesta ligazón ou presencialmente no Rexistro Xeral cubrindo o formulario correspondente.
O desfile, que adoita concitar numeroso público, percorrerá as rúas Castelao e Tedelle a partir das 16.30 horas e os participantes contarán con cinco minutos para actuar diante da escola de música Emilio Andújar.
Carrozas (formada por un mínimo de sete persoas que deberán desfilar enriba dun móbil) e comparsas (integrada por un mínimo de sete persoas que concorran co mesmo motivo) levarán os premios máis suculentos: 900 euros a primeira, 400 euros a segunda e 150 a terceira. Os grupos (de entre 2 e 6 persoas) optan a dous premios de 150 e 100 euros, respectivamente. Por último, os tres mellores disfraces individuais serán galardoados con 100, 60 e 40 euros.
O xurado valorará vestiario e maquillaxe, a utilización de material de refugallo, a orixinalidade, a posta en escena e a involucración do público.
As inscricións están xa abertas e as persoas interesadas poderán facelas cubrindo as formularios correspondentes e presentándoos tanto a través da sede electrónica do Concello da Baña como presencialmente no Rexistro Xeral en horario de atención ao público. A recollida de dorsais poderá facerse o venres 16 no Concello ou ben o día do desfile a partir das 15.00 horas.
As bases, os formularios de inscrición e as autorizacións para menores poden descargarse nos arquivos adxuntos.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 634
-
A partir das 17.00 horas actuará a Compañía Sempre Arriba cun espectáculo cheo de humor
-
A recepción oficial ás Súas Maxestades será a partir das 18.00 horas
O Concello da Baña ten preparada unha gran festa para recibir as Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o vindeiro venres, 5 de xaneiro. O obxectivo é acompañar á cativada na espera da noite máis máxica do ano e gozar xuntos dunha tarde especial.
O pavillón de San Vicenzo acollerá unha gran festa a partir das 17.00 horas coa actuación da Compañía Sempre Arriba que presentará a peza Hoxe Sí! Trátase dun espectáculo en linguaxe clown con acrobacia aérea e, sobre todo, moito humor.
A comitiva real chegará ao pavillón municipal ás 18.00 horas para falar co público infantil, e cos maiores que así o desexen. Tamén haberá reparto de agasallos entre os nenos e as nenas.
Tras a recepción oficial, todas as persoas que así o desexen poderán desfrutar da saborosa rosca de Nadal e gozar cos inchables instalados no recinto neste día tan especial.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 705
-
A recepción dos Reis Magos celebrouse no pavillón de San Vicenzo e arrincou con espectáculo Hoxe sí! da compañía Sempre Arriba
-
Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron o centro de maiores, a residencia de Ceilán e a Fundación Anxiños
Fieis á tradición, as Súas Maxestades de Oriente visitaron esta tarde A Baña, sementando ao seu paso maxia e ilusión propias desta xornada tamén máxica. Melchor, Gaspar e Baltasar chegaron ao pavillón de San Vicenzo contra ás seis da tarde, entre os aplausos e o xúbilo do público infantil. Cumprindo co programa previsto, as nenas e os nenos presentes no pavillón puideron charlar co seu rei favorito, tomarse unha foto e recibir como anticipo da noite máis máxica do ano un pequeno agasallo e unhas lambetadas.
Os pequenos e as pequenas da Baña tamén gozaron dos xogos inchables instalados na pista. E, para recuperar forzas e amornar os nervios, grandes e peques degustaron un anaco de rosca acompañado dun refresco, zume, auga ou batido de chocolate.. Tamén había petiscos especiais para as persoas celíacas ou con problemas de intolerancias.
O programa desta tarde de festa abríase co espectáculo de música, circo e humor da compañía Sempre Arriba, Hoxe sí!, presentando a Marta Iglesias nun show de linguaxe clown con acrobacia aérea que fascinou ao público.
Os Reis Magos tamén visitaron o centro de maiores,a residencia de Ceilán e na Fundación Anxiños, acompañados polo alcalde, José Antonio Pereira Gil, e a concelleira de Cultura, Mónica González. En cada un destes centros, as Súas Maxestades de Oriente entregaron unha rosca.
Dende o Concello, alcalde e concelleira de Cultura quixeron agradecer a colaboración de todas aquelas persoas que fixeron posible que a festa de Reis desta tarde fose todo un éxito, e, especialmente á técnica de Cultura, Marta Cambeiro.
Podes ver máis fotos no da visita das Súas Maxestades de Oriente no Facebook do Concello
.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 746
-
A tenente de alcalde da Baña reúnese na Coruña coa responsable provincial de Cultura, Natividad de Jesús González
-
González proveita a xuntanza para reclamar a mellora do equipamento da Axencia de Lectura da Baña
A primeira tenente de alcalde e concelleira de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, Mónica González, visitou na mañá de hoxe, 9 de novembro, a sede da Deputación da Coruña para reunirse coa deputada provincial da área de Cultura, Natividad de Jesús González. O encontro centrouse en asentar bases de colaboración entre as dúas administracións no ámbito da cultura.
Mónica González e Natividad de Jesús González abordaron na xuntanza as distintas liñas de axudas e subvencións coas que a Deputación está apoiando os programas culturais dos municipios. Así mesmo, a concelleira bañense pediulle á administración provincial que teña en conta á Baña á hora de desenvolver a súa política de espectáculos culturais.
Na orde do día figurou tamén a mellora do equipamento da Axencia de Lectura da Baña. Ademais, Mónica González mantivo unha breve conversa co vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira Varela, reforzando así os lazos de colaboración entre as dúas entidades.