-
A escola ofrece formación anos en gaita, pandeireta, percusión e canto
-
O solfexo está incluído en todas as actividades ofertadas
-
As clases impartiranse entre outubro e xuño, coincidindo co calendario escolar, en horario de tarde
-
Poderán matricularse todas as persoas maiores de 7 anos e o prezo por actividade é de 30 euros para toda a tempada
O Concello da Baña abriu o prazo de inscrición para a Escola de Música Municipal e Tradicional correspondente ao curso 2025-26. Todas as persoas maiores de sete anos poderán participar neste servizo, que busca difundir a cultura musical galega e fomentar o coñecemento do noso folclore.
O curso desenvolverase entre os meses de outubro e xuño, coincidindo co calendario escolar, e as clases celebraranse polas tardes. A escola ofrece formación en gaita, pandeireta, percusión e canto, así como clases de solfexo vinculadas a cada especialidade. Para que cada actividade poida levarse a cabo será preciso un mínimo de cinco persoas inscritas.
O prazo de matrícula permanecerá aberto durante dez días hábiles a partir da publicación deste anuncio. As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello ou a través da sede electrónica, e no caso dos menores deberán ir asinadas polo pai, nai ou titor/a legal. As inscricións presentadas fóra de prazo pasarán automaticamente á listaxe de agarda, e se quedasen prazas dispoñibles, cubriranse por orde de chegada.
O prezo do curso é de 30 euros por actividade e o pagamento deberá realizarse unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas. Os formularios de inscrición, xunto coas autorizacións necesarias, están dispoñibles nos arquivos adxuntos.
A Escola de Música Municipal e Tradicional da Baña, ademais da súa función formativa, organiza ao longo do ano diferentes actuacións públicas e fomenta valores como a cooperación, a confianza e o respecto, converténdose nun espazo de aprendizaxe e convivencia para todas as idades.