• O servizo vai dirixido á poboación en xeral, a partir dos 3 anos de idade

  • Ofértanse vento madeira, vento metal, batería e percusión, piano, canto, música e movemento, ademais de solfexo como materia complementaria

  • O prazo é de 10 días hábiles e requírese un mínimo de cinco alumnos para impartir a maioría das especialidades

20250908 Matricula escola musica.jpgO Concello da Baña abre mañá martes, 9 de setembro, o prazo de matrícula para todas aquelas persoas que desexen formarse na Escola Municipal de Música Emilio Andújar durante o curso 2025-2026. O servizo está dirixido á poboación en xeral a partir dos 3 anos de idade, con prioridade para as persoas empadroadas no municipio. As clases desenvolveranse en horario de tarde, coincidindo co calendario escolar anual.

A Escola Municipal de Música Emilio Andújar oferta para o curso 2025-2026 as especialidades de percusión, saxofón, frauta traveseira, clarinete, trompeta, tuba, trombón, bombardino, piano, acordeón, canto e música e movemento, para os máis pequenos. A estas materias hai que sumarlle solfexo, especialidade que está incluída e que é complementaria a calquera das anteriores.

As cotas mensuais establécense en 23,57 euros para o primeiro usuario que curse unha especialidade, e 41,25 euros no caso de dúas. No suposto de que se matricule un segundo membro da mesma unidade familiar en primeiro grao de consanguinidade, as tarifas reducíronse a 11,78 euros ao mes por un instrumento e a 29,47 euros mensuais se opta por dous.

Para impartir a maioría das especialidades establécese un número mínimo de cinco persoas inscritas, agás en piano, acordeón e solfexo, que se desenvolverán con independencia do número de solicitudes.

O prazo de inscrición é de 10 días hábiles a contar desde a publicación desta convocatoria na sede electrónica do Concello. Se quedasen prazas vacantes, poderán solicitarse novas altas con posterioridade nas especialidades que continúen abertas.

A documentación necesaria e os impresos oficiais poden descargarse na sede electrónica do Concello da Baña e nos arquivos adxuntos. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas, abríndose un prazo de 10 días para presentar alegacións.