O Concello da Baña recoñece con este galardón o compromiso coa nosa lingua e a nosa cultura no Día das Letras Galegas //

  • Ámbalas agrupacións están vencelladas á Escola de Música Tradicional, que supera as tres décadas de existencia //

  • O acto serviu para a presentación en sociedade da Banda Municipal de Música, que interpretou o Himno Galego //

As Pandeireteiras da Baña e CantoEncanto, agrupacións que naceron ao abeiro da Escola de Música Tradicional, recibiron hoxe o IV Premio Daniel García Ramos co que o Concello bañense vén recoñecendo nos últimos anos o traballo en favor da lingua e da cultura da terra no Día das Letras Galegas. Con este recoñecemento aos grupos que manteñen vivas as nosas coplas, o goberno municipal súmase á homenaxe á poesía popular oral á que este ano se lle dedica o 17 de maio.

Clara Brenlla, unha das integrantes máis novas, e Elena López, veterana que forma parte da agrupación dende a súa fundación en outubro de 2011, agradeceron o Premio Daniel García Ramos en nome das Pandeireteiras da Baña, grupo formado por ao redor de quince persoas que anima coas súas coplas e pandeiretas todas as celebracións do municipio, ademais de actuar noutras foliadas en lugares como Santiago ou Frades.

As Pandeireteiras da Baña están vencelladas á Escola de Música Tradicional da Baña, que comezou sendo hai trinta anos unha escola de gaita e percusión que sumou por demanda veciñal a escola de pandeireta hai agora xa máis de dez anos, contando a día de hoxe cun alumnado de trinta persoas. A agrupación estivo dirixida ata 2002 polo mestre Emilio Lois, a quen sucedeu Sonia Albor.

 

 SIL1793 web

Emilio Lois interveu no acto para recordar a exitosa e dinámica traxectoria da Escola de Música Tradicional que dirixe. É así mesmo o director musical de Cantoencanto, conxunto tamén recoñecido hoxe co Premio Daniel García Ramos e que se caracteriza por un repertorio de coplas tradicionais e divertidas, acompañadas unicamente por un acordeón. A dirección vocal está en mans de Sonia Albor.

Conduciu a entrega dunha nova edición do Premio Daniel García Ramos a tenente de alcalde e concelleira de Acción Social, Cultura e Servizos á Cidadanía, Mónica González, quen aproveitou a ocasión para solicitarlle a veciñanza colaboración na recollida de coplas populares da Baña, das que deixou algunhas mostras.

As Pandeireteiras da Baña e Cantoencanto suceden na nómina de galardoados co Premio Daniel García Ramos a Alonso Barreiro, mestre e músico que estivo sete anos á fronte da escola unitaria de Lañas; ao propio Emilio Lois, gaiteiro e mestre na Escola de Música Tradicional da Baña dende 1998; e a María Jesús Álvarez, mestra durante vinte anos no CPI da Baña.

Todos eles foron recoñecidos polo seu compromiso coa lingua e coa cultura galegas, razón de ser da creación do Premio Daniel García Ramos, ao que o Concello decidiu darlle o nome do xuíz e fillo Predilecto da Baña que foi pioneiro en ditar unha sentenza en galego.

Actuacións da Banda de Música e de María Faltri

O acto de entrega do IV Premio Daniel García Ramos contou coa presenza do alcalde da Baña, José Antonio Pereira, dos concelleiros Álvaro Silva e Ana Pensado, así como doutros membros da corporación municipal e de numeroso público, que encheu o auditorio da Escola de Música Emilio Andújar.

 SIL1777 web

Foi o escenario escollido para a presentación en sociedade da Banda da Escola de Música da Baña, que interpretou pezas como Lela e o Himno Galego neste Día das Letras Galegas.

Juan Leis, director da banda, explicou que a Escola de Música leva dende o pasado mes de novembro intentando recuperar o espíritu da antiga Banda Municipal da Baña coa creación dun agrupación moderna de pequeno formato que integre a todo o alumnado e que contribúa tanto á dinamización cultural da Baña como a crear un proxecto colectivo que esperte o sentido de comunidade.

 SIL1803 web

María Faltri animou o acto con cantigas populares, das que participaron tanto as premiadas como o público, e púxolle a guinda a degustación dus petiscos realizados con produtos das rías galegas grazas á campaña Galicia sabe Amar.