- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 289
O Concello da Baña organiza o luns 5 de xaneiro unha programación especial para celebrar a véspera de Reis, que terá lugar no pavillón de San Vicenzo a partir das cinco da tarde.
A xornada comezará coa recepción oficial das súas Maxestades os Reis Magos, que repartirán agasallos para a rapazada e escoitarán as súas peticións e desexos. Ao rematar este primeiro encontro, as persoas asistentes poderán desfrutar de rosca e chocolate, nun ambiente festivo que contará tamén coa actuación do ilusionista Martín Camiña.
A programación continuará ás sete e media da tarde coa entrega dos premios do primeiro Concurso de Decoración de Nadal do Concello da Baña, unha iniciativa posta en marcha pola concellería de Turismo, deporte e relacións institucionais para fomentar a participación veciñal e ambientar o municipio durante as festas.
Esta actividade está organizada pola concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadaníaoa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 2453
-
A iniciativa busca fomentar a creatividade e fortalecer o uso do idioma nas celebracións de Nadal
-
As creacións exhibiranse no Mercado de Nadal e poderán formar parte das felicitacións institucionais
-
O concurso está dirixido ao alumnado do CPI San Vicenzo e á rapazada empadroada no municipio
-
O prazo de entrega dos traballos concluirá ás 14.00 h do mércores 10 de decembro

O Concello da Baña presenta o IV Concurso de Postais de Nadal en Galego, dirixido a menores de ata 16 anos. A iniciativa pretende favorecer a participación da comunidade escolar e da veciñanza, impulsar o uso do galego durante o Nadal e preservar as tradicións propias da zona.
O certame está aberto ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do CPI San Vicenzo e a toda a rapazada empadroada no municipio. As postais deberán inspirarse no Nadal en Galicia e incorporar unha mensaxe de felicitación en galego. Admitirase calquera técnica plástica en formato DIN A4 e todas as creacións deberán ser orixinais e inéditas.
As propostas poderán presentarse no CPI San Vicenzo, na Casa do Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo permanecerá aberto ata as 14.00 h do mércores 10 de decembro de 2025.
A convocatoria recolle catro categorías segundo o ano de nacemento, desde 2020 ata 2022 (Educación Infantil), de 2017 a 2019 (1º, 2º e 3º de Educación Primaria), de 2014 a 2016 (4º, 5º e 6º de Educación Primaria) e nados a partir de 2013 (Educación Secundaria Obrigatoria).
As persoas premiadas recibirán caixas con material escolar adaptado á etapa educativa. A entrega terá lugar o 14 de decembro no Mercado de Nadal do pavillón municipal, onde tamén se exhibirán todos os traballos nun espazo aberto ao público. As postais finalistas poderán difundirse nas redes sociais municipais e utilizarse nas felicitacións institucionais.
O xurado estará formado por Antón González Pérez, auxiliar administrativo, Ainhoa Barreiro Fuentes, técnica de normalización lingüística, e María Cousillas Ramos, educadora social. A súa decisión será definitiva e a acta publicarase na Sede electrónica e nos perfís institucionais do Concello.
A avaliación terá en conta a orixinalidade, a adecuación ao Nadal en Galicia, a técnica empregada, o uso do galego e a calidade do conxunto.
As bases poden consultarse na sede electrónica do Concello.
A Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía impulsa esta convocatoria para reforzar a creatividade da mocidade, promover o galego e manter vivas as expresións culturais do municipio durante estas datas.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 393
-
A actividade, gratuíta, comezará ás seis na praza do Concello //
-
As inscricións poden facerse xa na área de Cultura ou chamando ao 981 886 501 //
O vindeiro sábado 1 de novembro, ás 18.00 horas, a praza do Concello converterase no punto de partida dunha nova aventura de medo e diversión: a Xincana de Samaín, unha actividade pensada para familias valentes que queiran poñer a proba o seu enxeño e traballo en equipo.
Nesta xincana, as persoas participantes terán que atopar pistas e resolver probas vencelladas ao Samaín, coa misión de axudar á señora Calacú a atopar a súa luz. A actividade desenvolverase pola contorna de San Vicenzo.
As inscricións, gratuítas, poden realizarse na Área de Cultura do Concello ou chamando ao teléfono 981 886 501.
É preciso levar lanterna durante o percorrido e lembramos tamén que os menores de 7 anos deberán participar na compaña dunha persoa adulta.
O Concello anima a todas as familias a participar nesta proposta que combina diversión e tradición e que busca manter viva a tradición do Samaín nunha das datas máis especiais do outono.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 374
-
A xornada de convivencia e tradición estivo animada polos grupos de gaitas e de canto da Escola de Música Tradicional //
-
Participaron na cita o alcalde, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González //

Veciñas e veciños de todas as idades reuníronse este sábado, 18 de outubro, na Escola de Música Emilio Andújar para celebrar o Magosto da Baña 2025.
O Mago Teto foi o gran protagonista da primeira parte da xornada. Nun auditorio ateigado, conquistou o público co seu espectáculo O Afiador, no que combinou humor e trucos de ilusionismo, ademais de promover a participación das persoas asistentes.
Despois da función, chegou o momento máis esperado da tarde: a degustación de castañas asadas, que estivo acompañada dunha animada foliada a cargo dos grupos de gaitas e de canto da Escola de Música Tradicional da Baña.
Na cita participaron o alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e a tenente de alcalde, Mónica González, que compartiron coa veciñanza unha tarde de lecer e convivencia.

O Magosto 2025 estivo organizado pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, coa colaboración da Asociación Alborada. O Concello da Baña continúa así coa súa aposta por actividades que manteñen vivas as tradicións galegas e fortalecen o espírito comunitario.
A seguinte gran cita do outono chegará o sábado 1 de novembro, cando A Baña celebre o Samaín, cunha xincana familiar pola contorna de San Vicenzo.
- Detalles
- Escrito por Alicentis
- Categoría: Cultura e educación
- Visitas: 395
O sábado 18 de outubro, o Concello da Baña convida a toda a veciñanza a gozar do tradicional Magosto, nunha tarde de convivencia e festa que combinará maxia, música e castañas asadas.
A partir das 17.00 horas, na Escola de Música Emilio Andújar, celebrarase unha xornada pensada para todas as idades. O Mago Teto abrirá a tarde cunha actuación chea de ilusións e humor. Despois, as persoas asistentes poderán degustar castañas asadas de balde, e para rematar a festa, haberá unha animada foliada coa participación de membros da Escola de Música Tradicional da Baña.
O Magosto está organizado pola Concellería de Acción social, cultural e servizos á cidadanía, coa colaboración da Asociación Alborada.



