• A iniciativa busca fomentar a creatividade e fortalecer o uso do idioma nas celebracións de Nadal 

  • As creacións exhibiranse no Mercado de Nadal e poderán formar parte das felicitacións institucionais

  • O concurso está dirixido ao alumnado do CPI San Vicenzo e á rapazada empadroada no municipio

  • O prazo de entrega dos traballos concluirá ás 14.00 h do mércores 10 de decembro 

 concurso postais Nadal h

 

O Concello da Baña presenta o IV Concurso de Postais de Nadal en Galego, dirixido a menores de ata 16 anos. A iniciativa pretende favorecer a participación da comunidade escolar e da veciñanza, impulsar o uso do galego durante o Nadal e preservar as tradicións propias da zona.

O certame está aberto ao alumnado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria do CPI San Vicenzo e a toda a rapazada empadroada no municipio. As postais deberán inspirarse no Nadal en Galicia e incorporar unha mensaxe de felicitación en galego. Admitirase calquera técnica plástica en formato DIN A4 e todas as creacións deberán ser orixinais e inéditas.

As propostas poderán presentarse no CPI San Vicenzo, na Casa do Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O prazo permanecerá aberto ata as 14.00 h do mércores 10 de decembro de 2025.

A convocatoria recolle catro categorías segundo o ano de nacemento, desde 2020 ata 2022 (Educación Infantil), de 2017 a 2019 (1º, 2º e 3º de Educación Primaria), de 2014 a 2016 (4º, 5º e 6º de Educación Primaria) e nados a partir de 2013 (Educación Secundaria Obrigatoria).

As persoas premiadas recibirán caixas con material escolar adaptado á etapa educativa. A entrega terá lugar o 14 de decembro no Mercado de Nadal do pavillón municipal, onde tamén se exhibirán todos os traballos nun espazo aberto ao público. As postais finalistas poderán difundirse nas redes sociais municipais e utilizarse nas felicitacións institucionais.

O xurado estará formado por Antón González Pérez, auxiliar administrativo, Ainhoa Barreiro Fuentes, técnica de normalización lingüística, e María Cousillas Ramos, educadora social. A súa decisión será definitiva e a acta publicarase na Sede electrónica e nos perfís institucionais do Concello.

A avaliación terá en conta a orixinalidade, a adecuación ao Nadal en Galicia, a técnica empregada, o uso do galego e a calidade do conxunto.

As bases poden consultarse na sede electrónica do Concello.

A Concellería de Acción Social, Cultural e Servizos á Cidadanía impulsa esta convocatoria para reforzar a creatividade da mocidade, promover o galego e manter vivas as expresións culturais do municipio durante estas datas.