20220505 Homenaxe Jose Manuel Pose Antelo web

20220505 Homenaxe Jose Manuel Pose Antelo5O alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, e a concelleira de Cultura, Lorena Trillo, presidiron onte, xoves 5 de maio, a homenaxe que o Concello da Baña lle rendeu ao profesor José Manuel Pose Antelo, un dos primeiros bañenses que chegou ao doutoramento e a converterse en profesor da universidade. No acto organizado polo Concello da Baña participaron tamén Amancio Liñares (catedrático de Xeografía e Historia en Secundaria e ex alumno de Pose) e Jesús Balboa (doutor de Historia na USC).

Á homenaxe celebrada na casa da cultura asistiron familiares do finado, representantes do Colexio Peleteiro (onde deu clases), colegas de profesión, compañeiros da Asociación cultural Eiroa, membros da Corporación e veciños e veciñas da Baña.

Neste emotivo acto para honrar a memoria do profesor Pose Antelo ao que asistiron máis de medio cento de persoas, leuse unha carta da compañeira de profesión Herminia Pernas, que non puido desprazarse ata A Baña.

Ao rematar, descubriuse un busto que foi doado pola familia en recordo de Pose Antelo e que se pode ver no acceso ao salón de actos da casa de cultura.

O Concello da Baña decidiu suspender durante uns días a actividade no Punto de Atención á Infancia (PAI) despois de que se confirmaran que varias persoas (menores e monitoras) deron positivo en COVID-19 e hai máis con síntomas compatibles.
Ante esta situación, o Concello prefire extremar as medidas de precaución e pechar as instalacións durante uns días.
 
20220504 PAI Bana copia

 

Borxa Colmenero, avogado e membro da asesoría xurídica da Asociación Galega de Consumidores e Usuarios (Acouga), participou nunha charla informativa na Baña o 7 de abril para falar da implantación dos parques eólicos no municipio e dar a coñecer os dereitos que ten a veciñanza e como pode presentar alegaciones para defender os seus dereitos.

A charla estivo organizada polo Concello da Baña en colaboración coa Asociación de Veciños O Outeiro de San Mamede de Monte.

A charla íntegra pode verse no vídeo que encabeza esta nova e na canle de Youtube do Concello da Baña, neste enlace (preme aquí)

20220420 Encontro europeo Hungria web

WhatsApp Image 2022 04 20 at 11.50.46 AM

A concelleira de Cultura da Baña, Lorena Trillo, está a participar en Hungría nun encontro de traballo do proxecto europeo da Rede de Cidades. A xuntanza, impulsada polo programa Europa para a Cidadanía, reúne a representantes de trece países.

Trillo López resaltou a importancia deste tipo de encontros que "favorecen o intercambio de ideas e proxectos entre cidadáns de diferentes países para construír un futuro mellor". A concelleira bañesa pronunciou unha conferencia sobre a paz en Europa, na que falou do proceso de integración, dos tratados e da ampliación da Unión Europea.

Así mesmo, Lorena Trillo reuniuse con alcaldes e representantes de sete municipios europeos: Rait Pihelgas, deputado director da Asociacion de Cidades e Municipios de Estonia; Filippo Currenti, alcalde de Gallodoro en Italia; Mutide Priede, secretaria xeral da Asociación de Gobernos Locais de Letonia; Roberto Schilirò, presidente do consello da Unión dos municipios da área de Naxos e Taormina (Italia); Bazan Tibor, alcalde de Hévízgyörk (Hungría); John Boxall, alcalde de Vittoriosa (Malta) e Georgi Yordanov Georgiev, alcalde de Lukovit (Bulgaria).

O encontro de tres días de duración, que finaliza mañá xoves 21 de abril, serviu tamén para coñecer os costumes e tradicións de Hungría e visitar algúns dos lugares máis emblemáticos de Hévízgyörk.

  • Este plan marco, que foi aprobado por unanimidade, conta con 10 áreas e tres liñas mestras de actuación

  • Todos os grupos votaron a favor de modificar o POS 2022 e dos logotipos dixitais do concello

 

O Plan de voluntariado da Baña foi aprobado onte polos tres grupos políticos representados na Corporación, nun pleno no que a unanimidade foi a tónica nos tres puntos sometidos a debate. Todos os concelleiros e concelleiras votaron a favor de facer unha pequena modificación no POS 2022 referente a plataforma de numeración do municipio e para aprobar os logotipos dixitais do Concello. As discrepancias entre goberno e oposición chegaron no apartado de rogos e preguntas. A partir de agora, as sesións ordinarias pasan a ser bimensuais, os últimos mércores dos meses impares.

O tenente de alcalde, César Ramos, explicou que o Plan de voluntariado é un documento base distribuído en tres liñas estratéxicas e dez áreas de actuación para regular o servizo de voluntariado en diferentes temáticas. A preguntas da concelleira socialista Mónica González, Ramos explicou que se vai incluír tamén ao voluntariado xuvenil e abrirse as asociacións ou entidades do municipio que o soliciten. En función do número de persoas que se inscriban poderase habilitar un espazo físico en dependencias municipais. O plan de formación farase de acordo coa Secretaría Xeral de Xuventude da Xunta. O plan foi aprobado por unanimidade.

Tamén por unanimidade aprobáronse os logotipos dixitais do Concello e das diferentes concellarías. Co mesmo resultado saíu adiante a modificación puntual do POS 2022, para atender a unha petición da Deputación da Coruña relativa a plataforma de numeración municipal que incluíra o Concello no Plan de Obras e Servizos.

Antes do capítulo de rogos e preguntas, o alcalde informou que nos vindeiros días, unha vez que se regularice a situación tras a folga de transporte, vaise trasladar ata A Coruña o material doado pola veciñanza da Baña para axudar ao pobo de Ucraína afectado pola guerra. Andrés García Cardeso agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas da Baña nesta campaña.

O pasado desfile de Entroido foi un dos temas máis polémicos tratados nos rogos e preguntas. Dende o PSdeG, José Antonio Pereira pediu a dimisión da concelleira de Cultura, Lorena Trillo, e cualificou de “acto de censura” que non se lles permita aos Carnavaleiros da Baña cantar as súas coplas, “como levan facendo dende hai vinte anos” porque facían unha parodia da moción presentada por PP e Compromiso contra o goberno socialista da Baña. 

Dende o equipo de goberno, o alcalde, Andrés García Cardeso, considerou unha “mentira maiúscula” as apreciacións do voceiro socialista, e recordou que tanto dende a organización como a propia condutora do desfile lle ofreceu o micrófono e a megafonía do Concello para que os Carnavaleiros da Baña puideran completar a súa actuación. César Ramos e Lorena Trillo, pola súa banda, incidiron na mesma apreciación. “Ninguén censurou nada”, aseguraron, e reiteraron que á comparsa da Baña falloulle a megafonía que tiñan instalada no camión e ofrecéuselle a da organización. “Eu mesma me puxen en contacto con eles para pedirlles desculpas e lles ofrecín participar na Festa da filloa, algo que rexeitaron”, engadiu a concelleira de Cultura.

Os problemas co transporte escolar, as invitacións e os gastos da Festa da filloa da pedra foron outros dos asuntos formulados polo grupo socialista nos rogos e preguntas.

20220330 Pleno Bana ALF6080