Sae a exposición pública durante o prazo de 30 días o proxecto do parque eólico de Vilartoxo, que ten previsto instalar aeroxeneradores cunha potencia total de 27 MW e afectará aos concellos da Baña e Val do Dubra.

O Concello da Baña anima á veciñanza a consultar este proxecto e presentar as súas alegacións antes do 20 de outubro de 2021. Así mesmo, o Concello analizará toda a documentación relativa ao proxecto para ofrecer asesoramento e remitir as alegacións oportunas.

A documentación relativa ao proxecto do parque eólico de Vilartoxo está dispoñible no taboleiro de anuncios do consistorio e tamén neste enlace.

Documentos relacionados:

Anuncios no DOG:

ACORDO do 30 de agosto de 2021, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Vilartoxo, nos concellos da Baña e Val do Dubra (A Coruña) (expediente IN408A 2019/44).

  • O alcalde e representantes das asociacións veciñais das parroquias afectadas reuníronse coa directora xeral

  • Entregaron unhas copias das alegacións presentadas polo Concello contra a tramitación deste parque

  • Non houbo ningún compromiso por parte da responsable de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

20210602 Alcalde visita conselleria medio ambiente contra troitomil v02

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, e representantes das asociacións veciñais A Fonte Seca e de San Mamede de Monte reuníronse onte na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda coa directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, para manifestar o rexeitamento do Concello e da veciñanza ao parque eólico de Troitomil.

José Antonio Pereira entregoulle á responsable autonómica copia das alegacións presentadas polo Concello contra a tramitación deste proxecto e, xunto cos representantes veciñais, solicitáronlle á Xunta que non autorice o parque eólico.

Por parte da Consellería, a directora xeral sinalou que se o expediente cumpre cos requisitos esixidos pola normativa vixente, a Xunta ten que darlle autorización. “Non conseguimos ningún compromiso claro por parte da Xunta, pero deixamos claro o rexeitamento tanto do Concello como da veciñanza a este proxecto, que vai prexudicar a todo o municipio”, asegura o alcalde.

Pereira Gil estivo acompañado por unha representante da Asociación de Veciños da parroquia de San Mamede de Monte e por outro representante da Asociación A Fonte Seca, constituída recentemente pola veciñanza das parroquias máis afectadas polo parque eólico de Troitomil.

As alegacións presentadas polo Concello da Baña contra este proxecto fundaméntanse, entre outros aspectos, en que a Lei de Montes prohibe o cambio de uso de monte incendiado, como é o caso, en que non se respectan os 500 metros de distancia dos muíños ás edificacións e en que o polígono ocupa unha superficie desproporcionada.

Reproducimos a continuación, a declaración institucional aprobada pola Corporación da Baña, que foi lida no pleno ordinario do 28 de abril de 2021:

 

Declaración a prol do Concello da Baña libre de parques eólicos

 

Os grupos políticos que conformamos a Corporación do Concello da Baña,

Manifestamos::

Que estamos seriamente preocupados pola posible implantación de varios parques eólicos no noso concello, o máis eminente é o denominado Parque eólico de Troitomil.

Que a construción deste parque eólico non beneficiará a veciñanza da Baña, que suporá un grande impacto medioambiental para toda a contorna, poñerá en perigo espazos naturais, os mananciais dos cales nos servimos moitos de nós, as terras de labradío e as destinadas á reforestación, sen esquecer as molestias acústicas debido á proximidade das torres eólicas ás nosas vivendas (500 metros).

Que, dende o punto de vista económico, a veciñanza non se beneficia dunha maneira axeitada da perda das súas terras, o que fai que o noso concello, un concello rural, experimente un novo retroceso na súa economía coas consecuencias que isto implica.

Que estamos fartos de que as poboacións rurais soportemos os enormes custos ambientais da produción de enerxía eólica, con proxectos fraccionados de forma fraudulenta, xa que comparten infraestruturas entre si, pero que se presentan como pequenos proxectos, evitando así un maior control das administracións.

Que, por todo isto, dende esta institución, estamos e estaremos a carón da nosa veciñanza, apoiando as súas reivindicacións e iniciativas para tratar entre todos e todas de frear a instalación dos parques eólicos no noso concello.

A Baña, 28 de abril de 2021

20210428 Manifesto Baña Libre Parques Eolicos

  • Considera que a Lei de Montes prohibe o cambio de uso de monte incendiado, como é ocaso
  • Non se respectan os 500 metros de distancia dos muíños ás edificacións e o polígono ocupa unha superficie desproporcionada, son outros dos aspectos indicados

Parque Eolico

O Concello da Baña remitiu á Consellería de Economía, Empresa e Innovación as alegacións que dende a administración municipal se presentan contra o parque eólico de Troitomil, solicitándolle á Xunta de Galicia que rexeite de plano a continuación da tramitación de acordos que se están tramitando e non autorice a construción deste parque eólico.

O Concello destaca no seu escrito que o polígono delimitado no proxecto “resulta dunha amplitude desproporcionada respecto da dimensión do parque eólico proposto”, en tanto que para poñer 5 aeroxeneradores dunha potencia conxunta de 30 MW a liña do polígono do parque eólico de Troitomil ten 4 quilómetros de longo e abarca unha superficie de case 5 millóns de metros cadrados e “inclúe no seu interior varios núcleos de poboación, sobre os que se xeraría unha afección sectorial innecesaria para o obxecto do proxecto”. Os núcleos de poboación afectados son os de Lañas, Cantalarrana, Buchaín, Nantón, San Mamede, Meimendre, Cotarelo, O Castro, Valiña, Vilasuso, Fiopáns, Troitomil e Estivadiña.

O Concello tamén considera que de autorizarse este parque eólico suporía “eliminar unha superficie de 1.558 hectáreas de alto valor produtivo” e volve insistir en que “non se “respectan os 500 metros de distancia  esixidos  ás edificacións aptas para o uso residencial, polo que na localización actualmente prevista non resulta compatible coa lexislación reguladora”.

Por outra parte, o escrito asinado polo alcalde o sete de abril asegura que a actual Lei de Montes de Galicia impide a autorización deste parque eólico, en tanto en canto se prevé construír sobre terreos de monte incendiados “e están afectados pola prohibición de cambio de uso da Lei de Montes”. No escrito faise mención ao artigo 59 da Lei de Montes, que sinala no seu punto 3 que “en terreos afectados por incendios forestais non poderá producirse un cambio de uso en trinta anos”, un aspecto que, segundo o Concello, afecta ao monte como un todo afectado e non só á superficie efectivamente queimada.

A suspensión cautelar do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do acordo da Xunta polo que se aproba o proxecto supramunicipal do parque eólico A Ruña II (Mazaricos) é outros dos aspectos ao que fan referencia as alegacións municipais.

Con estes argumentos, que se poden ler íntegros no escrito de alegacións que figura no documento adxunto, o Concello da Baña solicítalle á Xunta de Galicia que rexeite de plano continuar coa tramitación do parque eólico de Troitomil.

Concello da Baña aprobou no último pleno unha declaración institucional rexeitando este parque eólico e defendendo a postura da veciñanza, que presentou máis de 700 alegacións contra este parque eólico.

Por outra banda, o alcalde volveulle solicitar o pasado 7 de maio por segunda vez unha entrevista urxente á conselleira de Medio Ambiente para exporlle a postura do Concello contraria ao parque eólico de Troitomil. A esta reunión acudirían tamén os representantes das asociacións de veciños das parroquias afectadas.

As alegacións presentadas ao parque eólico de Troitomil pódense consultar no documento adxunto.

  • Representantes das asociacións de veciños de Cabanas, San Mamede do Monte e Fiopáns acompañaron a José Antonio Pereira

  • Reuníronse hoxe co xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Isidoro Martínez

 

20210415 Alcalde Baña e veciños reunion delegacion Industria parque eolico Troitomil home

O alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e representantes das asociacións de veciños de Cabanas, San Mamede do Monte e Fiopáns reuníronse hoxe na Coruña co xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para manifestarlle o rexeitamento ao parque eólico de Troitomil. Na reunión manifestáronlle a Isidoro Martínez a oposición tanto do concello como da veciñanza a este proxecto, manifestando que hai máis de 900 alegacións presentadas.

O alcalde comunicoulle ao xefe territorial o acordo plenario, adoptado por unanimidade, de rexeitamento a este parque eólico, apoiando as alegacións que presentaron os veciños, e adiantoulle que este mes a Corporación aprobará un manifesto institucional no mesmo sendo.

José Antonio Pereira insistiu en que as torres están moi preto das casas, debido a dispersión da poboación na Baña e a que é un municipio pequeno, polo que consideran que este proxecto non é axeitado para instalar no municipio.

O alcalde e as asociacións de veciños continuarán mantendo reunións para trasladar o rexeitamento da poboación a este parque eólico diante das diferentes administracións implicadas.