• O Concello informará á veciñanza sobre o proxecto e facilitará modelos de alegacións //

  • O DOG publica hoxe a listaxe de persoas e bens afectados //

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe, martes 27 de setembro, o acordo da Xunta polo que se somete a exposición a solicitude de declaración e utilidade pública do parque eólico de Barrosino, coa conseguinte necesidade de urxente ocupación dos terreos afectados e a súa expropiación forzosa. Por este motivo, o Concello da Baña anuncia que, logo de estudar o proxecto, informará a veciñanza nos próximos días e ofrecerá modelos para presentar alegacións.

O DOG publica a listaxe de persoas e bens afectados e informa que o prazo para presentar alegacións é de 30 días a contar desde este mércores 28 de setembro. O parque, promovido pola empresa Green Capital Power, afectaría exclusivamente ao Concello da Baña e contaría con 3 aeroxeneradores dunha potencia de 4,5 megawatios cada un deles.

Toda a documentación e os planos do proxecto pódense consultar na seguinte ligazón: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-de-xeracion?content=expediente_0221.html. De xeito físico, as persoas interesadas poderán informarse tamén nas dependencias da Sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (rúa Vicente Ferrer 2 da Coruña), de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, así como no Concello da Baña.

 

    • Nun bando solicita evitar a rega de xardíns privados, baldear e limpar fachadas e vehículos ou encher piscinas //

 20220825 Baña consumo auga

O Concello da Baña acaba de publicar un bando solicitándolle á veciñanza que faga un uso sostible e responsable da auga debido a seca que está a padecer Galicia e o resto de España. Nun bando asinado polo alcalde en funcións, César Ramos resalta a importancia de levar a cabo medidas de aforro no consumo da auga, evitando malgasto e minimizando os usos prescindibles.

O pasado luns, día 22, Augas de Galicia comunicoulle ao Concello da Baña unha importante redución das aportacións hídricas na estación de aforos nº 520, situada no río Tambre.

Por este motivo, o Concello solicítalle á veciñanza que evite a rega de xardíns privados, limitadas ou evitar o uso de auga en piscinas privadas e evitar baldear e limpar as fachadas ou vehículos.

Unhas medidas que poden e deben complementarse con outras de carácter individual que permitan facer u uso sostible e responsable da auga, un ben esencial cada vez máis escaso. Deste xeito “entre todas e todos lograremos aforros considerables que repercutirán favorablemente na continuidade do subministro municipal de auga potable”, sinala César Ramos no bando.

O luns 9 de maio realizarase a próxima recollida de plásticos agrícolas polas granxas da Baña. 

Todas aquelas persoas interesadas en que se lles vaian recoller, deberán anotarse chamando ao Concello ao número de teléfono 981 88 65 01.

Deberán ter en conta que é preciso que os plásticos estean acumulados nun lugar da explotación ao que poida acceder o camión que se encarga da recollida.

  • O programa ‘Composta! Transforma os teus residuos supón un investimento de 18.000 euros //
  • Os contedores xa se poden solicitar chamando ao 682 859 367 ou escribindo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. //
  • Entregaranse nas charlas informativas que se desenvolverán en setembro //

Baixo o lema “Composta! Transforma os teus residuos”, o Concello da Baña investirá máis de 18.000 euros nun programa de compostaxe que repartirá entre a veciñanza un total de 130 composteiros domésticos totalmente de balde coa fin de converter en compost os restos de comida e follaxe que desbotamos no noso fogar. Nos composteiros poderanse botar restos de froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes, cereais, ovos, cunchas de moluscos, puos de café e infusión e panos e papel de cociña sen tinturas, ademais de follas, flores, raíces, restos das colleitas, herba, palla, restos de poda triturados, papel, cartón, cinza e serraduras de madeiras sen aditivos.

Os composteiros entregaranse durante as sesións informativas que se desenvolverán en setembro, e xa se atopa aberto prazo para facer as solicitudes. As persoas interesadas deberán chamar ao número 682 859 367 en horario de 8.00 a 14.00 horas ou mandar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., indicando nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto. Aínda que o programa está aberto a toda veciñanza, o Concello priorizará aos fogares que non se atopen preto da ruta de recollida do contedor marrón.

As veciñas e veciños que recollan os composteiros, recibirán tamén un manual de compostaxe e a visita de persoal técnico encargado do proxecto coa fin de supervisar o proceso e resolver dúbidas.

Por que compostar?

Concello da Baña lembra que algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos sen saír de casa e cun mínimo esforzo.

A compostaxe tradúcese en numerosos beneficios ambientais, sociais e económicos. Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

20220416 Reunion GarciaCardeso AngelesVazquez webA conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu a pasada semana ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, para falar das axudas do seu departamento dirixidas ás entidades locais para avanzar na implantación da recollida separada dos biorresiduos domésticos.

No transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese municipal, o rexedor trasladoulle que o Concello da Baña presentou dous proxectos —por un importe global de preto de 24.000 euros— á orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, convocada pola Consellería o pasado mes de decembro.

Unha das actuacións propostas polo Goberno local enmárcase na liña reservada a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos e inclúe a adquisición dunha biotrituradora para tratar os restos de podas e limpezas vexetais, bolsas compostables e caldeiros específicos, de uso individual e para grandes produtores, ademais dunha campaña de divulgación.

A segunda iniciativa, explicou García Cardeso, ten como obxectivo a separación e a reciclaxe en orixe da fracción orgánica mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria. A tal fin, a solicitude inclúe actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto, a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios así como a construción de áreas destinadas a albergar estas instalacións.

Tras felicitar ao Concello polo compromiso demostrado para seguir mellorando a xestión dos residuos de orixe doméstica no municipio e, máis concretamente, da fracción orgánica, Ángeles Vázquez lembrou que o prazo para que os concellos puideran acollerse ás axudas para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal rematou o 31 de xaneiro. Así, estes momentos, a Consellería está a analizar todas as solicitudes recibidas e requirindo documentación complementaria, de ser o caso, como paso previo á resolución da convocatoria coa concesión das axudas, que se producirá nas vindeiras semanas.