• O programa ‘Composta! Transforma os teus residuos supón un investimento de 18.000 euros //
  • Os contedores xa se poden solicitar chamando ao 682 859 367 ou escribindo a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. //
  • Entregaranse nas charlas informativas que se desenvolverán en setembro //

Baixo o lema “Composta! Transforma os teus residuos”, o Concello da Baña investirá máis de 18.000 euros nun programa de compostaxe que repartirá entre a veciñanza un total de 130 composteiros domésticos totalmente de balde coa fin de converter en compost os restos de comida e follaxe que desbotamos no noso fogar. Nos composteiros poderanse botar restos de froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes, cereais, ovos, cunchas de moluscos, puos de café e infusión e panos e papel de cociña sen tinturas, ademais de follas, flores, raíces, restos das colleitas, herba, palla, restos de poda triturados, papel, cartón, cinza e serraduras de madeiras sen aditivos.

Os composteiros entregaranse durante as sesións informativas que se desenvolverán en setembro, e xa se atopa aberto prazo para facer as solicitudes. As persoas interesadas deberán chamar ao número 682 859 367 en horario de 8.00 a 14.00 horas ou mandar un correo electrónico a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo., indicando nome e apelidos, enderezo da vivenda onde se vai colocar o composteiro e un teléfono de contacto. Aínda que o programa está aberto a toda veciñanza, o Concello priorizará aos fogares que non se atopen preto da ruta de recollida do contedor marrón.

As veciñas e veciños que recollan os composteiros, recibirán tamén un manual de compostaxe e a visita de persoal técnico encargado do proxecto coa fin de supervisar o proceso e resolver dúbidas.

Por que compostar?

Concello da Baña lembra que algo máis da metade dos residuos que xeramos no fogar están compostos por restos de comida e restos vexetais de poda e horta. Toda esta materia orgánica pode ser reciclada por nós mesmos sen saír de casa e cun mínimo esforzo.

A compostaxe tradúcese en numerosos beneficios ambientais, sociais e económicos. Se o residuo non sae da casa xa non será necesario recollelo nin transportalo ata o punto de xestión, almacenalo e finalmente reciclalo. Aforramos emisións de CO2 do transporte e tratamento e o propio custo de xestionalo. Por outro lado, o produto final que obtemos é un fertilizante natural de excelente calidade con propiedades que melloran o solo e evitando a compra e uso doutros produtos químicos.

Os residuos orgánicos poden ser un grave problema medioambiental se non se xestionan correctamente. A súa descomposición sen control produce lixiviados (líquidos cunha alta concentración de materia orgánica) que contaminan solos, ríos e acuíferos e emiten gases de efecto invernadoiro como metano e dióxido de carbono.

O luns 9 de maio realizarase a próxima recollida de plásticos agrícolas polas granxas da Baña. 

Todas aquelas persoas interesadas en que se lles vaian recoller, deberán anotarse chamando ao Concello ao número de teléfono 981 88 65 01.

Deberán ter en conta que é preciso que os plásticos estean acumulados nun lugar da explotación ao que poida acceder o camión que se encarga da recollida.

20211115 composteiroO Concello da Baña asinou coa Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) un compromiso de adhesión polo que o municipio se suma ao programa de compostaxe doméstica que promove a empresa pública de tratamento de refugallos. Mediante este acordo, repartiranse entre a veciñanza interesada 30 composteiros que permitirán unha nova vida aos residuos orgánicos.

Os composteiros son recipientes ventilados nos que se introducen os restos orgánicos. Manténdoos á temperatura e á humidade adecuadas, estes convértense en abono de gran calidade (compost), evitando os malos olores e permitindo un manexo fácil e adecuado.

A través do convenio que asinou o alcalde da Baña, José Antonio Pereira Gil, Sogama cederá ao Concello trinta destas estruturas para estender a práctica da autocompostaxe ás vivendas unifamiliares do municipio. As persoas interesadas en recibir un deben chamar á casa Consistorial (981 886 501) e contactar con Rocío. A entrega dos composteiros farase por estrita orde de chegada das solicitudes. Terán prioridade aquelas persoas que se anotaran como voluntarias no proxecto de recollida separada de fracción orgánica de residuos domésticos (colector marrón), que no seu día non saíu adiante por falta de financiamento. Xunto cos composteiros, entregarase un manual de uso elaborado por Sogama.

O Concello fará un seguimento do uso dos composteiros subministrados por Sogama, coa fin de comprobar o seu bo uso e a boa marcha do programa.

20220416 Reunion GarciaCardeso AngelesVazquez webA conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu a pasada semana ao alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, para falar das axudas do seu departamento dirixidas ás entidades locais para avanzar na implantación da recollida separada dos biorresiduos domésticos.

No transcurso dunha xuntanza na que abordaron diversos asuntos de interese municipal, o rexedor trasladoulle que o Concello da Baña presentou dous proxectos —por un importe global de preto de 24.000 euros— á orde de axudas para o financiamento de actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal, convocada pola Consellería o pasado mes de decembro.

Unha das actuacións propostas polo Goberno local enmárcase na liña reservada a proxectos de implantación, ampliación ou mellora da recollida separada dos biorresiduos e inclúe a adquisición dunha biotrituradora para tratar os restos de podas e limpezas vexetais, bolsas compostables e caldeiros específicos, de uso individual e para grandes produtores, ademais dunha campaña de divulgación.

A segunda iniciativa, explicou García Cardeso, ten como obxectivo a separación e a reciclaxe en orixe da fracción orgánica mediante a súa compostaxe doméstica ou comunitaria. A tal fin, a solicitude inclúe actuacións de formación, difusión e seguimento do proxecto, a compra e instalación de composteiros individuais e comunitarios así como a construción de áreas destinadas a albergar estas instalacións.

Tras felicitar ao Concello polo compromiso demostrado para seguir mellorando a xestión dos residuos de orixe doméstica no municipio e, máis concretamente, da fracción orgánica, Ángeles Vázquez lembrou que o prazo para que os concellos puideran acollerse ás axudas para actuacións en materia de biorresiduos de competencia municipal rematou o 31 de xaneiro. Así, estes momentos, a Consellería está a analizar todas as solicitudes recibidas e requirindo documentación complementaria, de ser o caso, como paso previo á resolución da convocatoria coa concesión das axudas, que se producirá nas vindeiras semanas.

  • Contemplan a instalacion de 31 aeroxeneradores nos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra

  • A documentación pode consultarse no Concello e corresponde ao estudo de impacto ambiental, á solicitude de autorización previa e ás infraestrutuas de evacuación

  • O prazo para presentar alegacións remata o 26 de novembro

Exposición pública

Coa súa publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE), a Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia anunciou o pasado 14 de outubro a saída a información pública do estudo de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa dos parques eólicos Monte de Portochán, As Castiñeiras e Monte Silvariño, así como as infraestruturas de evacuación asociadas.

As tres intalacións, promovidas por Green Capital Development, afectan aos concellos da Baña, Santa Comba e Val do Dubra. Os proxectos prevén a instalacións de once xeneradores nos parques de Monte de Portochán e de Monte Silvariño, que terán unha potencia de 66MW, mentres que o de Castiñeiras terá 54MW e nove aeroxeneradores.

O proxecto das instalacións e o estudo de impacto ambiental pode consultarse no Concello da Baña e na sede electrónica da Delegación do Goberno en Galicia (en Procedimentos de información pública dentro do apartado Proxectos, campañas e información) e tamén no seguinte enlace: https://ssweb.seap.minhap.es/almacen/descarga/envio/f0049d493ddedc86bb652e633e86fd5573c9551c.

A Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia (Praza de Ourense, número 11. 15003-A Coruña) encargarase da tramitación da autorización administrativa previa e a avaliación do impacto ambiental dos parques. Por este motivo, é o órgano competente ante o que se poden presentar as alegacións que se estimen convenientes. O prazo remata o 26 de novembro.